Día da Poesía 2019 na Casa da Cultura de Vilalba

Con motivo da conmemoración do Día da Poesía 2019, o Concello de Vilalba, concretamente as Concellarías de Cultura e Educación, e coa colaboración de Culturalia GZ, organiza un recital poético o vindeiro 21 de marzo na Casa da Cultura de Vilalba, a partir das 20 horas.

A comunidade educativa e a cidadanía, en xeral, están convidadas a celebrar o Día da Poesía na edición de 2019 recitando un poema de calquera autor/-a ou da súa propia autoría (de temática libre). Para iso deberán inscribirse cubrindo unhas fichas que xa foron remitidas aos centros educativos ou dispoñibles na mesma Casa da Cultura de Vilalba para quen estea interesado/-a en participar.

Ademais contarase coa actuación especial do Grupo Poético-Musical CORREDORES DE SOMBRA (formado por Pilar Maseda, Carmen Mato, Baruk Domínguez e Rosana Domínguez) que intervirá en distintos momentos ao longo do recital.

Todas persoas asistentes, tanto recitadores/-as coma público ouvinte e espectador, recibirán un agasallo elaborado para a ocasión polos usuarios do Centro Ocupacional Vilalba-Terra Chá.

Ópera CAVALLERIA RUSTICANA, de Pietro Mascagni, no Auditorio Municipal de Vilalba

O auditorio Carmen Estévez de Vilalba, acollerá o domingo 31 de marzo ás 19.30h, a ópera “CAVALLERIA RUSTICANA” de Pietro Mascagni.

Cavalleria Rusticana é un melodrama nun acto con música de Pietro Mascagni e libreto en italiano de Giovanni Targioni- Tozzetti e Guido Menasci, baseado nun relato do novelista Giovanni Verga. Considerada unha das clásicas óperas do verismo, estreouse o 17 de maio de 1890 no Teatro Costanzi de Roma .

Argumento.

É a historia dun amor roubado e vingado. O título alude ao código de honra dunha pequena comunidade italiana, unha aldea de Sicilia, onde transcorre o drama, a finais do século XIX.

Antes de marchar a cumprir o servizo militar —antes de ser soldado—, o campesiño Turiddu foi noivo de Lola, a quen xurou —como se di no libreto— fidelidade eterna. Cando regresa, Lola casouse con outro. O seu marido é un home de certa posición económica: o carretero do pobo, Alfio.

Turiddu, profundamente resentido, cun novo amor, “tratou de apagar a chama que ardía no seu corazón”. Seduce a outra moza do pobo, Santuzza —Santa—, que se namora locamente del.

Lola, entón, envexosa da sorte de Santuzza, ardendo de celos, cede; fai caso a Turiddu. Lola coquetea con Turiddu: acepta os seus galanteos. E é a propia Santuzza, quen, resentida e desesperada tras o desprezo de Turiddu, cóntalle o enredo a Alfio, o marido que ela cre burlado. Coa máis absoluta crueza: “Que mentres ides baixo a choiva e o vento para gañarvos o pan, Lola adórnavos o teito de mala maneira!”. Enseguida, Santuzza arrepíntese: “Foi unha infamia falarvos así!”. A traxedia, desátase. Turiddu mórdelle a orella a Alfio, o modo tradicional siciliano de aceptar un duelo. Sangue: morte.

Turiddu e Alfio, os dous rivais, bátense en duelo nos arredores do pobo en pleno domingo de Resurrección. Cúmprese o maleficio que Santuzza, desgarrada, lánzalle a Turiddu cando entra na igrexa seguindo a Lola: “A che a mala Pasqua, spergiuro!” (Deséxoche unha mala Pascua, perjuro!).

E tan mala! Polo berro dunha muller —”Mataron ao compadre Turiddu!”— sabemos que Alfio cumpriu a súa sentenza: “Quero sangue, abandónome á ira; todo o meu amor volveuse odio”.

Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Día: 31 de marzo 2019

Hora: 19:30h

Duración:1h 15min.

Prezos:

Entradas Adultos: anticipada 10€ – o día da actuación 12€

Entradas Nenos: anticipada 5€ – o día da actuación 6€ ( de 6 a 18 anos inclusive)

Entradas Gratuíta Para Menores de 6 anos.

Venda anticipada na Casa da Cultura de 11h a 13h e de 17:30h a 21h., venda online en Ataquilla.com

PARA TODOS OS PÚBLICOS.

Cunqueiro e as novas voces da narración galega, protagonistas da terceira xornada do Festival Atlántica

Cunqueiro e as novas voces da narración galega, protagonistas da terceira xornada do Festival Atlántica (Velaquí un enlace á programación)

·       Iñaki Carretero, do País Vasco, dará a charla-espectáculo ‘Cans, deporte, mocidade e cidade’ no IES Eduardo Pondal

·       ‘Cunqueiro en Compostela’ é o título do paseo con contos que brindará Miguel Vila polos lugares emblemáticos da obra do escritor

·       A ‘Noite nova’ abriralles as portas do festival ás novas voces da narración galega na Borriquita de Belem e no Modus Vivendi

O Festival Atlántica afronta a súa terceira xornada con tres propostas moi diferente. A primeira delas está dirixida ao público escolar e terá lugar no IES Eduardo Pondal ás 11 da mañá. Alí estará Iñaki Carretero, do País Vasco, para lle brindar ao alumnado unha sesión de ‘Cans, deporte, mocidade e cidade’. Trátase dunha charla-espectáculo de narración oral sobre como os animais de compaña poden axudar a mocidade.

Cada vez hai máis rapaces que teñen can, pero ás veces non saben como pasar o tempo con eles, así que Carretero vailles ofrecer un desafío: educar os cans desde o deporte na cidade e, deste xeito, educarse eles mesmos. Todo isto desde o bo entendemento entre as especies, compartindo o tempo de lecer sen violencia nin “líderes de mandas”.

Xa á tarde, ás 18:30 horas, será a quenda dunha das actividades con máis éxito das últimas edicións do Atlántica: os contos nas rúas. Desta volta, o narrador vai ser Miguel Vila Pernas, quen, baixo o título de ‘Cunqueiro en Compostela’, vai compartir cos seus acompañantes unha viaxe pola cidade que viviu e escribiu Álvaro Cunqueiro e que os levará ás tabernas e aos recunchos emblemáticos da obra do autor. Esta actividade ten un custo de 6 euros e para asistir cómpre inscribirse previamente a través do correo festivalatlantica@gmail.com.

Algo máis tarde, a partir das 21 horas, será o momento da ‘Noite nova’, unha oportunidade para escoitar as novas voces da narración galega nos locais da Borriquita de Belem e do Modus Vivendi. Cris de Caldas apoiará a unha nova fornada de contadores na súa noite de estrea: Lorena Pinheiro, Esteban Yáñez, Lidia Luna e Dani Blanco, todos eles integrantes do Grupo de Narración da Almáciga.

Os artistas

Iñaki Carretero é contador de historias desde o ano 98 e percorre a xeografía cos seus contos, libros e cans. Ten unha enorme experiencia en descubrir historias e capta a atención do seu auditorio coma poucos. Curiosamente, é disléxico, cústalle ler e ás veces mestura as palabras ao falar, pero esa visión tan particular do mundo oral e escrito é o que lle gusta e o que lle funciona. É o que fai escoitar a quen lle custa escoitar, e ler a quen lle custa ler.

Miguel Vila Pernas (http://www.miguelvila.com) naceu na Habana en 1958 pero criouse en Galicia. É xornalista e escritor gastronómico. Colabora en medios diversos como diarios, revistas, radio, televisión e internet. Compaxina a execución de actividades arredor do mundo da gastronomía con traballos de comunicación corporativa.

Cris de Caldas é unha bibliotecaria namorada dos contos. Di sobre ela: “Tanto me gustaban os contos de pequena que me levaron a estudalos a través da filoloxía, pero como os botaba de menos convertinme en bibliotecaria para telos máis preto. A paixón por eles foi en aumento e houbo un día no que desexei contar os seus segredos, compartir o seu corazón a quen quixera escoitar e así é como me convertín en contadora de contos e historias”.

O Grupo de Narración da Almáciga é un colectivo que xurdiu dun proxecto que naceu no 2017 e que aspira a incorporar novas voces ao mundo dos contos. O grupo ten a súa orixe no curso de narración oral ‘Ti xa tes moito que contar’ coordinado e impartido polo equipo de contacontos de Atlántica no Centro Xove da Almáciga. Esta formación, que xa vai pola súa terceira edición, articúlase en tres eixes: as ferramentas da narración oral, o proceso de creación dun universo narrativo e a narración do territorio. Todo dentro dun deseño metodolóxico práctico desta arte escénica.