IV Feira do Disco e Libro Galego de Monterroso

O sábado 16 de marzo de 2019 celebrarase en Monterroso a IV Feira do Disco e Libro Galego. En horario de 10:30 a 21:30 horas, baixo a organización do colectivo 25 Xastres, o local monterrosino de A Cúpula acollerá distintas actividades relacionadas co mundo do disco e do libro galego. Un concepto que une dous elementos fundamentais da difusión cultural, nun mesmo espazo co galego como lingua vehicular. Stands para ollar, imaxinar e desfrutar, e a posibilidade de presenciar música en directo, presentacións literarias e actividades, en espazos integrados na feira.

Voces literarias coma Carlos Meixide, Adolfina Mesa, Ana Vila Portomeñe, Toño Núñez, Yolanda Castaño, Xosé Duncán, Diego Giráldez e outras traerán as súas últimas creacións para presentalas e/ou asinar exemplares das mesmas.

Ao seu carón empresas dedicadas ao eido da edición ou colectivos centrados en actividades vinculadas coa promoción cultural.

Na seguinte galería de imaxes poderase comprobar o programa que se desenvolverá ao longo do día no horario xa mencionado arriba.

14º aniversario da web GALICIA ENCANTADA

A web Galicia Encantada celebra o 14º aniversario na Rede este 5 de marzo

Galicia Encantada, a web da Fantasía Popular de Galicia, celebra o 14º aniversario na Rede este 5 de marzo de 2019.

Galicia Encantada, a web da Fantasía Popular de Galicia, naceu para internet o 5 de marzo de 2005. Desde entón, baixo o coidado do seu creador, coordinador e responsable de contidos, Antonio Reigosa, atesoura máis de 2000 arquivos/documentos que se foron subindo e milleiros tamén os visitantes que recibe ano tras ano.

Mantense a regularidade na incorporación de novidades.

Recoñecementos/Premios

Premio de Cultura Tradicional ‘María Castaña’ (2006)

Premio Irmandade do Libro (2013)

Homenaxe Festival Atlántica (2015)

Finalista na Gala do Libro ( 2018), modalidade Proxecto Literario na Rede.

Publicación conmemorativa 10ª aniversario

Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías (Xerais, 2014), con prólogo de Xabier DoCampo e ilustracións de Noemí López.

Sobre a web Galicia Encantada

Artigos publicados en revistas como Murguía e Culturas Populares, e en monográficos como Palabra vivaCultura tradicional e desenvolvemento rural.

Seccións/categorías

Os arquivos orgánizanse en 33 seccións ou categorías temáticas que van alfabeticaqmente desde o Alén, coas súas lendas, pasando polas relacionadas con todos os seres da nosa mitoloxía popular (encantos, tesouros…) e os lugares e toponimia asociada á literatura popular tradicional.

Documentación

 Inclúe, entre outros apartados, “Aulas da memoria” con traballos escolares, “Biblioteca”, con varias publicacións en PDF, e “Didáctica da Fantasía” con diversas propostas.

Outras sección:

Novas, Contacto, Buscador, Mapa (localizador de lugares con lenda).

Revista (ISSN 1887-2859)

Publicados 115 artigos do maís variados temas, a maioría sobre o patrimonio inmaterial galego pero tamén referidos a Portugal, león e Asturias.

Iconografía

As ilustracións, tanto a imaxe de cabeceira como as que encabezan as diferentes sección ou categorías son da autoría da ilustradora lucense Noemí López.

Estadísticas: Google Analytics ano 2018 

Páxinas vistas: 341.759, con 4,87 páxinas por sesión e 3:43 minutos de media.

Visitas desde máis de 100 países e 319 localidades españolas, sendo A Coruña a primeira e Madrid a segunda en número de visitas.

71% de visitas dende Google, 18% directo, 7% redes sociales e 4% dende outras webs.

Contidos: Entradas diferentes: 2.109 (lendas, artigos, reseñas, etc.)

Visitas a contidos concretos dende o inicio do rexistro: 5.328.314 visitas.

Top 5 categorías (por número de entradas)

577 Xeografía Mítica

559 Ritos, obxectos e operacións Máxicas

464 Seres míticos

452 Festas e mitoloxía relixiosa

250  Augas

Mantemento Técnico: Manuel Fernández Prado, de Lugonet.

Un afectuoso saúdo

Antonio Reigosa

*Información recollida na propia web Galicia Encantada.

Presentación do libro DINAMITADAS. EL DESPERTAR DE LA IRONÍA, de Ticiana Ghiglione Darriba, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro venres, 15 de marzo, a partir das 20 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba celebrarase a presentación do libro DINAMITADAS. EL DESPERTAR DE LA IRONÍA, de Ticiana Ghiglione Darriba. Este acto organizado por Culturalia GZ, en colaboración co Concello de Vilalba, contará coa participación da escritora Ana Mar Fraga Rábade, da artista multidisciplinar Luz Darriba, de Martiño Maseda, Administrador de Culturalia GZ e da propia autora do libro.

A CHAMADA DE BRIGID, de Jesús Trashorras

Culturalia GZ e NPG comprácense coa publicación dun novo poemario de Jesús Trashorras, A CHAMADA DE BRIGID. Este libro de poemas, do autor nado na parroquia de Vilariño en Castroverde, súmase a outros títulos nos que xa amosou a súa fondura poética, tal é o caso de O silencio do orballo.

O autor en Penas de Rodas

Jesús Trashorras Nogueira naceu no ano 1956 en Castroverde (Lugo). Diplomado en EXB e licenciado en Ciencias da Educación. Exerceu de mestre en varias localidades do Occidente de Asturias, maiormente na Veiga, e na última época en escolas de localidades preto de Lugo: Corgo, Friol, Nadela. Actualmente está xubilado.

Participou en varios proxectos colectivos: MesturasRoteiros das artesRoteiro das artes internacional, revista XistralLibro homenaxe a Manuel MaríaPortugalicidades.

En marzo de 2017 publica o seu primeiro poemario O silencio do orballo, que se atopa esgotado na actualidade. Este é polo tanto o seu segundo libro de poemas. Poemas inspirados nunha viaxe realizada no verán do 2016 por terras irlandesas.

Pódese seguir a súa creación literaria a través do seu muro de facebook. https://www.facebook.com/profile.php?id=100006603616638 ou ben no seu blog Unha gavela de versos http://jesustrashorras.blogspot.es

Como xa se adiantou, o xermolo dos versos que compoñen A CHAMADA DE BRIGID atopámolo nas palabras do propio autor, recollidas na Introdución do libro:

“No verán de 2016, xunto con dous amigos emprendemos unha viaxe no noso propio
coche, camiño da Illa Esmeralda. Chegamos ao porto de Roscoff, na Bretaña francesa
e alí embarcamos no ferry “Oscar Wilde” (axeitado nome o seu) rumbo a Rosslare e
desde alí a Wesford, cidade natal do escritor John Banville, onde pasamos a primeira
noite. Logo viría un percorrido por toda a illa, ata rematar novamente en Wesford.”

No seguinte enlace pódese acceder ao contido deste poemario.

Medre a Poesía!