O Colectivo RPM convoca a 9º edición das Residencias Paraíso

Imaxe Residencias Paraíso 2024

Este programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas

As/os interesadas/os poderán presentar a súa proposta até o 7 de mazo e un comité de expertas/os valorará a integridade artística do proxecto e o seu grao de madurez e solidez, ademais da relación entre a proposta e o territorio, para anunciar a finais de marzo os proxectos seleccionados

Residencias Paraíso 2025 conta cun importe total de 20.000€ e acollerá ata 8 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ cada unha– para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón

Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela

O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Por noveno ano consecutivo, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– abre unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio.

O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

O programa Residencias Paraíso 2025 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valorarase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio. Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM, para anunciar a finais de marzo os proxectos seleccionados. As/os interesadas/os poderán presentar a súa proposta desde hoxe, 17 de febreiro, até o 7 de marzo.

Residencias Paraíso 2025 conta cun importe total de 20.000€ e acollerá ata 8 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico. 

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da CultRura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro de 2025 na Illa de San Simón, en Redondela.

Residencias Paraíso atende a necesidade da comunidade artística de contar con espazo e tempo dedicados á investigación e creación co obxectivo normalizar o concepto de residencia artística no noso territorio ao tempo que suliña a importancia da investigación arredor da práctica artística. A maior particularidade do programa de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, incluso, as residencias de carácter técnico. Este exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices) é o que dota dunha identidade singular a este programa.

SESIÓN INFORMATIVA PARA ASPIRANTES

O martes 25 de febreiro, ás 12.00h, Colectivo RPM realizará unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria. As e os interesados poden sumarse a través desta ligazón:

https://meet.google.com/snf-zkcv-cra

ACCESO AO FORMULARIO DE INSCRICIÓN EN LIÑA DAS RESIDENCIAS PARAÍSO 2025

https://forms.gle/6cyMzPEVAyzNPhZq6

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.

Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2025.02.17.-NP-convocatoria-Residencias-Paraiso

Catuxa Salom e Joana Dark presentan o sinxelo ‘As vosas raons’, unha fusión de folclore catalán e galego

  • Partindo dunha canción tradicional, Salom e Dark hibridan música tradicional e electrónica para forxar un tema rotundo e bailable  

Catuxa Salom segue a indagar e experimentar con novas sonoridades pero desta volta faino acompañada de Joana Dark no sinxelo As vosas raons. O tema, unha revisión da canción tradicional Bon dia, Elionor, hibrida folclore catalán e galego coa música electrónica e trasládao á pista de baile. As vosas raons estará dispoñible desde ás 00.00 horas do xoves 20 de febreiro nas principais plataformas e chegará acompañado dun videoclip dirixido por Swallow. 

As vosas raons inspírase nun extracto da devandita Bon dia, Elionor e narra a historia dun señor rico e apoderado que namora dunha humilde pastora que non quere ser a súa muller. Trátase dunha canción moi arraigada nos pobos mediterráneos e que orixinalmente se acompañaba dun baile. Partindo deste material, Catuxa Salom e Joana Dark compoñen un tema onde as sonoridades de ambas as dúas artistas maridan á perfección e cristalizan nunha proposta rotunda e bailable. Salom e Dark unen, literal e metafóricamente, trenzas e talento para recuperar a tradición a través da música electrónica en As vosas raons, producida e mesturada por Manuel Segura de Little Island Lab e co mastering a cargo de Victor Garcia (Ultramarinos). 

 

Sobre as artistas 

Catuxa Salom irrompeu con forza na escena independente coa publicación de Nunha aldea, un EP sobre o achegamento ao mundo rural onde fusionaba ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas. A finais do 2024 volvería sorprender con Cāldo,  onde seguen a estar presentes as súas raíces arxentino-galegas e hai unha aposta decidida polo baile. O universo sonoro de Catuxa Salom, enérxico e diverso, xa percorreu ducias de salas de concertos e festivais de toda España e compartiu escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa. Alén diso, no 2024 acadou o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe. 

Joana Dark é un proxecto liderado por Ariadna Rulló, barcelonesa apaixonada pola historia e a tradición que decidiu se adentrar no imaxinario folclórico e levalo aos seus coetáneos transformando o formato pero mantendo a letra orixinal. En 2015 publicou o seu primeiro LP, Crystal Soul, cunha gran aceptación pola crítica e o público. Co dúo Wölva presentou Cycle (2019), unha reflexión sobre a presión, o mal e o bo amor, o empoderamento e a submisión desde un punto de vista feminista e reflexivo. O seu segundo disco, O secà, lanzouse no 2024 e nel resoa con forza a tradición e a electrónica. 

Ligazón pregarda As vosas raons: https://onerpm.link/asvosasraons 

20240217-Catuxa-Salom-e-Joana-Dark-presentan-o-sinxelo-As-vosas-raons

A banda da Loba presenta ‘Lovismo’ nun concerto no Carballiño este sábado 22

  • A actuación será no Auditorio Municipal do Carballiño, e contará con convidadas como a cantante Noemí Duro ou a bailarina Fabiana taboada
  • Ourense é a cuarta parada dunha xira que xa recalou en Santiago e A Coruña e que tamén pasará por Lugo este mércores 19
  • As entradas pódense adquirir por adiantado na web vivetix.com ata unha hora antes do comezo do concerto

A banda da Loba (ABDL) liberará no Carballiño todo o amor do seu último disco, Lovismo, nun concerto no Auditorio Municipal este sábado, 22 de febreiro. As entradas aínda están á venda na web de vivetix.com e tamén será posible adquirilas unha hora antes do evento na propia billeteira do Auditorio. O concerto, que conta coa colaboración do Concello do Carballiño, comezará ás 20.00 horas e a apertura de portas está prevista para ás 19.30 horas.

ABDL recalan en Ourense logo de amosar o seu vibrante directo en Santiago de Compostela e mais na Coruña e chegan ilusionadas por actuar nunha das terras na que se sabe que estivo Pepa a Loba. Prometen, ademais, un concerto cheo de sorpresas no que actuará, entre outras, a cantante carballiñesa Noemí Duro, coñecida polo seu paso polos concursos ‘Pequenos fenómenos’ e ‘Idol Kids’, e a bailarina Fabiana Taboada do videoclip Lova.  

O amor como leitmotiv

Lovismo supón o regreso de ABDL aos escenarios logo dun ano lonxe deles para materializar este traballo, o quinto do grupo, composto por once temas que teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL. Nel conflúen diferentes estilos, desde a bachata ata o pop pasando pola música disco e reivindícase a inspiración literaria da que fan gala desde o seus inicios as compoñentes do grupo. Conta, ademais, con colaboracións doutros artistas: De Vacas, Terrae, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Lara Porto, Cristóbal Fernández e Diego Suárez, responsables dos instrumentos de vento do disco.



ABDL

A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 están a desenvolver unha intensa xira de presentación de Lovismo.

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.

20250217-NP-ABDL-presenta-Lovismo-no-Carballino

O arxentino Federico Beilinson gaña o III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli

O arxentino Federico Beilinson gaña, coa obra ‘Cuatro historias gallegas’ o Premio de Composición Portus Apostoli

O uruguaio Gabriel Bussi, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia, recibe a mención de honra pola creación ‘Folías Celtas’

A terceira edición do certame, organizado polo Noia Harp Fest coa colaboración do Concello de Noia, recibiu unha ducia de propostas chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia


O III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, impulsado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia e o Concello de Noia, xa ten obra gañadora. O xurado outorgou a distinción á creación Cuatro historias gallegas, do compositor e guitarrista arxentino Federico Beilinson. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra da man do NHF.

O Premio Portus Apostoli é  un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra, e nesta terceira edición recibiu 11 propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia. O tribunal, conformado pola directora de orquestra Isabel Rubio, a catedrática de arpa do Real Conservatorio Superior de Madrid Susana Cermeño, o compositor Fernando Buide e a arpista Alba Barreiro -como secretaria sen voto-, decidiu declarar gañadora a obra Cuatro historias gallegas “pola súa creatividade musical e a interesante utilización da escrita para arpa”, ademais de destacar os “múltiples recursos utilizados para corda” do seu autor.

Federico Beilinson (Arxentina, 1981) é un compositor, guitarrista e docente arxentino con amplo coñecemento da música folclórica arxentina, recoñecido tanto polo seu papel de  divulgador (con textos editados pola Biblioteca Nacional do seu país) como pola edición de numerosos discos. Na actualidade é mestre da Escola de Música Popular de Avellaneda. Segundo Beilinson, a obra Cuatro historias gallegas propón “unha viaxe, tanto a través do carácter sonoro como da súa estrutura rítmica” e ten dous eixes fundamentais: aspectos que, para o autor, “sempre lle gustaron da cultura galega, como as historias fantásticas e a súa riqueza musical, cun importante arraigamento nas melodías directas e sintéticas e nos xogos rítmicos e percusivos”.

Beilison tamén destaca o papel da arpa “e do amplo abano de posibilidades que esta ofrece”. Así, tentou xerar en Cuatro historias gallegas “un diálogo dinámico entre a arpa e a orquestra, tanto como bloque ou como instrumentos individuais de carácter intimista”.

Mención de honra

Nesta ocasión, ademais, o xurado decidiu destacar coa mención de honra a obra Folías Celtas, que resultou ser unha creación do compositor e violinista uruguaio Gabriel Bussi, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia. O tribunal do Portus Apostoli destacou “a escritura moi profesional e a boa técnica instrumental da arpa e das cordas”.

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único evento no noroeste peninsular dedicado a este instrumento e celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, -e que conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña-, é unha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. 

O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.

20250215-GAL-Premio-Portus-Apostoli

resaca emocional publica ‘de amor’, un álbum con himnos que gardar no corazón

Este 14 de febreiro chega o primeiro disco do colectivo sonoro e visual, un traballo conformado por dez creacións que exploran sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas

o álbum debut do colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional, xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Dez temas ‘cuquis’, ateigados de son pop, naive e sensíbel con picos de baile nos que resaca emocional, cuxa banda musical conforman Ash Diz, Berto, Brais Iriarte e Lorena Cachito, explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.


resaca emocional aborda en de amor, desde a vulnerabilidade e a intimidade, o querer, os afectos e os coidados. Faino desde un espazo atravesado polas diversidades no que se representan os diferentes tipos de amor desde unha ollada naif, linda e cálida, sempre apoiado por unha sonoridade pop envolvente e característica, unha produción meticulosa e todo un universo audiovisual que acompaña o seu relato. Ao cabo, o disco é unha pata máis do propio proxecto: resaca emocional é un colectivo que se constrúe desde os coidados, poñendo en valor o traballo, inquedanzas e inspiracións de cada integrante ao  traballar de forma colaborativa na creación de pezas musicais, audiovisuais e de deseño gráfico. É xogo, creatividade sen fronteiras e búsqueda deliberada de inocencia. RSK achega as súas ansias de amosar o máis puro que nos poida ofrecer, de non poñerse límites e de entenderse coma unha exploración continúa. Un discurso que o colectivo presenta en forma de dez himnos bailables que gardar no corazón.

Así, de amor (editado polo selo Tremendo Audiovisual e distribuído por Altafonte) parte do nacemento dunha relación afectiva, como é o caso do de  sae o sol -o tema de apertura do disco-; e avanza con luminosidade pola intensidade inicial con a fin do mundo ou ondas sonoras de xúpiter (24/7) -peza na que colabora Juana-, mentres que con mario crush explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico; para dar paso a xogar contigo, cupido, a frecha ou bolboretas, que reflicte a tensión entre o desexo contido e a catarse; ata incluso abordar o medo, as inquedanzas ou a perda, como é o caso de trapecista emocional e o único medo que teño, temas que pechan do álbum. Dez cancións de pop electrónico -acompañadas doutras tantas pezas visuais de Zeltia Iglesias- que, desde a vulnerabilidade e a intimidade, afondan con honestidade no universo emocional dunha xeración nova con todo por explorar.  

Lista de cancións de de amor

  1. sae o sol
  2. a fin do mundo
  3. ondas sonoras de xúpiter (24/7) -con Juana-
  4. mario crush
  5. xogar contigo
  6. cupido
  7. a frecha
  8. bolboretas
  9. trapecista emocional
  10. o único medo que teño


Escoita de amor en https://links.altafonte.com/deamor-resacaemocional

Que é resaca emocional?

resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde. 

  • Ash Diz: composición, voz, percusión tradicional, teclado, vídeo.
  • Berto Mira: composición, voz, guitarra, produción musical. 
  • Brais Iriarte: baixo, guitarra, voces en directo.
  • Diana Montserrat: danza.
  • Gala Rodriguez: escenografía, vídeo, foto.
  • Lorena Cachito: percusión, voces en directo. 
  • Noelia Mato: danza.
  • Rocio Campoy: debuxo, maquillaxe.
  • Zeltia Iglesias: deseño do logo, cartelería e tipografía.


Escoita ‘de amor’: dispoñible desde o 14.02.25

resaca emocional ao vivovídeo desde La Luthería

Ofrenda floral a Rosalía de Castro ao carón do seu monolito en Vilalba

Continuando coa programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a OFRENDA FLORAL A ROSALÍA AO CARÓN DO SEU MONÓLITO.

O acto levarase a cabo o sábado 22 de febreiro de 2025 ás 12:00 horas no PARQUE ROSALÍA DE CASTRO DE VILALBA.

Ademais da ofrenda floral, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, procederá a dar lectura ao MANIFESTO “SAÚDE E TERRA” escrito por MARGA DO VAL, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).

Así mesmo, haberá tempo para RECITADO DE POEMAS, que estará aberto a quen desexe facelo.