O evento, referente da cultura de vangarda a nivel estatal, fai una pausa este 2024 para repensar o proxecto e explorar novos formatos, escenarios e sinerxias
A próxima edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia celebrarase no ano 2025. O evento, referente da cultura de vangarda a nivel estatal, fai unha pausa este 2024 para poder repensar WOS en todas as súas dimensións e explorar así novos formatos, escenarios e sinerxias para a súa oitava edición.
A dirección de WOS Festival, recoñecido como o Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards e Mellor Festival Indoor Nacional 2023 nos Iberian Festival Awards, tomou a decisión de pospoñer a celebración da nova edición do evento, prevista para este mes de setembro, para que o proxecto presente a calidade que desexa e que, considera, o público merece.
O aumento dos custos de produción dos eventos musicais así como a redución dos prazos de planificación dos mesmos impiden que o proxecto cultural, merecedor tamén do galardón Mellor Promoción Turística 2019 nos Iberian Festival Awards, poida desenvolverse en condicións óptimas -para asistentes, profesionais e equipo- e ofrecer unha proposta programática multidisciplinar de notable calidade artística, tal e como é habitual na iniciativa promovida pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY.
Na súa última edición, WOS Festival x SON Estrella Galicia programou, na cidade de Santiago de Compostela, 28 espectáculos -3 deles, estreas mundiais- ao longo de catro xornadas de intensa actividade. Nelas, 3.430 persoas -entre asistentes e público profesional- puideron participar, alén da programación musical, en mesas de debate, proxeccións, talleres e eventos de traballo en rede. Figuras internacionais de primeiro nivel como Actress, Laurel Halo ou Midori Takada visitaron o pasado mes de setembro a capital galega para presentar os seus novos directos en espazos de alto valor patrimonial da cidade.
A dirección de WOS Festival quere agradecer tanto ao seu patrocinador principal SON Estrella Galicia como a Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e Deputación Principal da Coruña -principais institucións públicas colaboradoras do evento- que mostrasen a súa vontade á hora de apoiar a celebración do festival en 2025. Con todo, WOS quere trasladar un agradecemento moi especial ao público que acompañou ao festival desde o seu nacemento e que esperaba con interese a chegada de setembro cunha mensaxe clara e esperanzadora: “Volveremos vernos, con máis ganas se cabe, moi pronto”.
20240717_Nota_Prensa_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia_gal