DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “ No xardín da noite”

DEMIURXIA, No xardín da noite

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

NO XARDÍN DA NOITE

Toda boa demiurga ten que saber facer moitas cousas, porque para iso adquirimos motricidade fina, e intelecto, imaxinación e unha sorte marabillosa de sentidos cos que aprehender o mundo.

Na casa da avoa o primeiro era aprender a facelo todo, dende ben cativas, pero nesa pleura que recobre o cerebro quedan algunhas sensacións a lume. É pechar os ollos, apuntar cun dedo ao calendario, saber que é mes de xuño, que é día 23 e o corpo enteiro baila un savoir fare antergo. Deixar que o naris nos leve aos camiños xa mil veces paseados, transitar as corredoiras e nomear o mundo coma cando tiñamos cinco anos, da man da avoa, co mandil a cadros, aquel no que gardaba unha presadiña de caramelos, ou de pasas. Como me gustaban as pasas. 

Na man un cestiño de vime pequeno, con asa, e unha navalla. Si, as nenas de aldea sempre levamos unha navalla no peto, dende cativas, nunca nos mancamos con ela e sobrevivimos.

Deixar medrar nos beizos o nome das flores da noite do San Xoán. Porque é a noite máis festeira e meiga das que hai en todo o ano, consagrada máis que o propio santo, pois non houbo cristianismo que lle sacase as cores, ou a ledicia.

Olliños de noso señor, herba de Santa María, malva de olor, romeu, hipérico, fiuncho, follas de limoeiro, rosas, herba luísa, a cuestión é que sempre nos pasábamos de plantas, tiñamos que ter sete, pero o monllo medraba e mentres fose impar, todo ía en orde. O ritual era como un pedir permiso para poder cortar unha ramiña, acariñando na planta, e deixando as mans impregnadas da súa saiba, recender os camiños perfumados que quedaban entre os dedos e nos que se nos pegaban os soños e os sorrisos.

Coller unha almofía de porcelana esmaltada, ou un caldeiro de zinc e ir por auga á fonte, porque é máis pura que a da billa, ou iso di a avoa. 

Somerxer as flores coa impaciencia de quen agarda pola mañá de reis, e un dente de allo, sen estonar, para que non veña o demo facer das súas, porque unha cousa é ser meiga e non andar nos pasos dos santos, pero o demo é cousa aparte. 

E así, entre dous mundos, entre o ben e o mal, entre o pagán e o cristián medramos coas meniñas incendiadas de cacharelas, flores e ilusión.

Nunha tarde coma a de hoxe, facede das crianzas demiurgas da tradición, fachendosas da terra que habitan, sementada da herdanza do agarimo dos sentidos.

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “Libros e outras drogas duras”

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

LIBROS E OUTRAS DROGAS DURAS

Cando era meniña, en canto fun quen de xuntar catro sílabas, o meu avó que sabía dos libros só aquilo que lle amosaran nos seus poucos días de escola, decidiu que todos os domingos serían 23 de abril.
Había quen agardaba sempre a que fose a data do aniversario, Nadal ou reis para recibir un agasallo especial. Eu tiven a sorte de que aquel primeiro ano no que aprendín a ler, os domingos fosen os meus días favoritos da semana. Os venres, ao vir da escola, comezaba a medrar en min un furado famento non sei se na lingua, no bandullo ou no cerebro. Os sábados á anoitecida, o avó sentábame nos seus xeonllos e bisbábame no oído “mañá é o noso día” e xuntaba durante todo o mes aquelas pesetas para ir ao barbeiro, mercar unha rosca na praza e entrar naquela libraría que aínda abre as súas portas preto da igrexa de San Martiño, en Noia. A editorial daqueles primeiros tempos era Susaeta, cada libro ten aínda riscado en lápis o prezo, 375 pesetas. Aquelas primeiras caladas de lignina fixeron de min unha adicta sen precedentes, os libros foron espaciándose no tempo pero o mono tiraba de min, á pregunta: que che apetece para tal data? Eu sempre tiña na resposta un libro.
E chegou Gloria Fuertes da man da avoa, O Barco de Vapor, un libro sobre as grandes exploracións e Shakespeare nunha edición deliciosa dunha libraría de vello.
O único bo que tivo facer a comunión foi aquel diccionario enciclopédico unitomo e inmenso de Planeta de Agostini que me agasallaran. Moitas tardes de verán despois da praia teño mergullado de novo entre o salitre da pel e o remanso das súas páxinas. Sabes avó, hoxe aprendín doce palabras novas. E el sorría fachendoso. Sabíame présa dun vicio que el mesmo alimentara e cada certo tempo subministrábame a dose precisa para seguir enganchada.
“Co tempo descubrirás que hai vicios que nos liberan” era o seu xeito de parafrasear a Sócrates, malia que el nunca soubera quen era este filósofo nin o que dixera.

Casualidades da lingua ou non, xa en latín temos unha mesma palabra para definir liberdade e libro -liber- e si, cando comezas a disfrutar da liberdade, a fame da mesma non se sacia nunca, coma esa fame lectora que nos leva de ler a escribir, creando mundos inimaxinables ou simplemente buscando refuxios antiaéreos nos que seguir existindo cando todo rompe, cando o caos o inunda todo.

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “It’s your turn but no your moment”

Deusa exipcia Sekhmet

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

IT’S YOUR TURN BUT NO YOUR MOMENT

Ás veces as grandes sentenzas semellan máis poéticas, menos crúas, se as dicimos noutras linguas.

Sempre me gustou o baile. Unha man no ombreiro, outra no van da parella, un sentir a mesma música e interpretala cada persoa co seu propio corpo, pero escoitando o mesmo. Mais aínda que o ritmo o sentimos dende pequenas, aprendes que hai unhas regras, incluso para o baile, e resolves que curiosamente quen vai levar o mando, vai ser a parte masculina mesmo no tocante a como ti sentes a música.

Se algo temos aprendido as mulleres ao longo da nosa vida é que a meirande parte das veces se goberna para nós, sen ternos verdadeiramente en conta. Mesmo hai quen quere defender a igualdade dende a “sabenza” dunha diferenza que é a que se usa tanto para enxalzarnos coma para domearnos. Que voluble é a linguaxe, que etérea a utopía, que crúa a realidade.

Poñer sempre en tea de xuízo o que podemos ou non podemos facer, a tristeza de constatar e extrapolar aquilo que nos dicía Federico II de Prusia: Tout pour le peuple, rien par le peuple, o que hoxe poderiamos parafrasear como: “Todo para as mulleres pero sen as mulleres”. Este mes volvíamos reivindicar medidas que verdadeiramente muden este país no que vivimos, en canto a igualdade, para evitar os sesgos de xénero, os teitos de cristal, reivindicar un 8 de marzo que para algúns é unha celebración, “Señoras, podedes saír á rúa e pedir o que consideredes, deixámosvos”. Son esas mesmas voces as que en troques de pedir unha baixada de prezos, abusivos a todas luces, o que fan é dicir que eses 20.319M€ en políticas de igualdade é mellor destinalos a outras cousas, porque xa que estades “señoras” acostumadas a calar e a acatar o resto de políticas, porque non ides facelo agora se é polo ben de todos? E ante isto, os que desvalixaron a sanidade pública, os corruptos que levan anos roubando á cidadanía, os que levan anos rachando coa educación pública veñen darnos clases de moral, hai incluso “mulleres” que teiman en dicirnos que hai máis sitios onde meter os cartos. E quen un día nos di que a violencia vicaria é un tipo de violencia machista e ao día seguinte argumenta que iso non ten nada que ver coa violencia machista. Dobreces da linguaxe.

Seguimos sometidas a un patriarcado que nos quer facer ver como menores de idade, papeis secundarios, pero necesarios para dar idea de novos tempos, listas electorais paritarias,… pero canta razón tiña Beauvoir, canta! Vale calquera zarangallada para que se poñan en tea de xuízo os nosos dereitos, non se pode baixar nunca a garda, porque como ela mesma dicía: “o opresor non sería tan forte se non tivese cómplices entre os propios oprimidos”.

Ás veces non sei se son eu, que o sente así, ou se é un sentimento máis estendido. Semella que as mulleres sempre chegamos tarde a todo, mesmo á historia, que sempre somos as últimas e sempre temos que demostrar máis ca ninguén, porque como se poñía antes nas cartillas da mili a eles “el valor se les presupone”. Teremos que seguir, coma nos documentais, sendo leoas, que tras desas poutas mulidas coas que agariman o chan que pisan, limpan as gadoupas coa lingua rasposa da realidade, sen perder nunca de vista de onde vén o vento.

Xa o dicía miña avoa, non hai nada como bailar o “suelto”.
E ti, apártaste porque o teu momento xa chegará ou pensas reclamalo agora, porque verdadeiramente é teu e ninguén che pode dicir que agora non toca?

*Autoría da imaxe da deusa Sekhmet, Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “Unha escuridade espectral”

REDEIRAS, Foto Roque

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

UNHA ESCURIDADE ESPECTRAL

Non recordaba ben cando fora a última vez que vestira dunha cor diferente, sempre se lembraba así, de escuro. Con seis anos falecéralle o pai, cumpría amosar a dor descarnada e fría, o irmán máis pequeno estaría envolto nunha mantiña de “alivio” porque non era cuestión de que a dor se cebase naqueles corpiños tenros e indefensos, que sen comezar a vivir xa viran a morte de preto.

A da gadaña viña sempre para levalo todo, como dicían as vellas, para levar as ilusións, os proxectos, as esperanzas, os sorrisos, os cartos,… Co tempo, foi deixando a lóbrega túnica, porque era moza e non pode ser noite para sempre. O día do casamento ía de negro, a cor da elegancia, a cor que tanto aborrecía, porque xa se convertera nunha segunda pel, algo que non por iso tiña que agradala.

Lembraba que a súa nai cando soubera que ía casar con aquel home, fartara de chorar, a súa filla ía ser a viúva dun vivo, un home, do que con sorte sabería uns poucos meses logo de cada marea, ao que lle contaría como medraban os fillos entre cortos e cambios cada vinte días, un señor a quen a súa prole recoñecería polo que a nai contase, do pouco que sabía del.

Os veráns de néboas espesas, as enloitadas mulleres de idades indefinibles, subían o camiño á capela, a aquela atalaia herdada doutros pobos para facer roldas e tocar a campá ata que a néboa se disipaba, nunca se sabía cando un fillo, un pai, un marido, ou un irmán podía estar chegando a porto e non querían que na pescuda o casco se esnafrase contra os cons.

Naufraxio, era aquela palabra que entraba nas casas para facelas salitre, para esmigallalas, e facer de quen as habitaba, un espectro. Os do seguro amais dos pésames, tiñan no servizo un bote ou dous de tinguidura negra, porque o negro era para a morte e tamén para a vida, pero que pasaba con aqueles a quen non podían enterrar porque non apareceran? Como ser pode ser viúva ou orfa dun espectro?

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “De tetas e guerras”

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga


DE TETAS E GUERRAS

Ao longo dunha semana pasan moitas cousas, e moitas máis pola nosa mente. Pero acontece que son as nosas sinapses cerebrais as que as acompasan, as que as vencellan, as que lle atopan ou non sentido. E estas gafas violetas que desque as puxen quedaron incrustadas na retina destes ollos. Atopar dentro do espello unha realidade que queren que fagamos nosa, anulando o aturuxo propio que nos sae de dentro. Esta semana descubrín que nun cadro médico ás mulleres podemos falarlles sen rubor de “saúde feminina” e englobar dentro dela a saúde meramente reprodutiva, porque para iso estamos non, diría a Bandini, para enxalzar as Mammamammmamás!, as que portan tetas, para aleitar, ou para crear beleza, para parapetar tras dun sostén ríxido, porque as tetas caídas fan feo. E non é porque a humanidade teña xerontofobia no día a día, ou si? Preguntémonos cantas artistas se viron apartadas dos focos non porque carecesen de talento, senón porque tiñan xa demasiados anos para unha sociedade que só nos ve como corpos, obxectos, fornos reprodutivos e seres sexuados e pérfidos. Volvendo de novo a un arcaísmo medievalista, no que ou se é virxe, nai, monxa ou abnegada avoa ou se é puta, desleixada, mala muller, solteirona, libertina ou bruxa. Porque o que se escapa aos patróns desta sociedade patriarcal, controladora e paternalista non ten caso. Señora e señore, hai que ser reina, dura, Bugatti e traer loquito aos daddies.
E descubrín tamén que se ás mulleres se nos pode falar de saúde reprodutiva, a eles non, porque “como se che ocorre falarlle de disfunción eréctil?” Xentiña, isto non vende, que ha vender. Eles non teñen problemas físicos, os problemas son nosos, e o capitalismo pónnolo moi sinxelo, sosténs, corsés, faixas,… todo aquilo que poida poñer todo moi grande, moi duro e moi… guerreiro. Esa é outra, porque existen unha variedade de machos Alfa dispostos a medila que é abraiante, sexa Biden, sexa Putin a cuestión é medir… pero non os intelectos; a ser posible algo máis físico, pero resulta que non nos vén ben atoparnos para ollar o que colga entre as pernas, non se preocupen que sempre poderemos medilas mesmo na distancia, saquemos o armamento que haberá quen o aplauda. E mentres xs que aínda gardamos algo de amor propio, de amor pola terra, pola memoria, polo papel da muller na historia sabemos perfectamente que hai idiomas que inventaron os afectos, os coidados, as orixes e que non hai aturuxo coma a liberdade, nin nada tan valioso.

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

A urxencia da creación, a necesidade imperiosa de alzar a voz dende a tinta impresa, o impulso primixenio da artesanía, aquel que lle deu forma ao universo dende o inicio dos tempos, facer do caos algo perfecto, facer da perfección un deconstructo imperfecto do espazo, do tempo, da sociedade, da vida, dos azos, das arelas.

Cada persoa esconxura os males dun xeito ou outro, o meu avó era carpinteiro e os seus poucos anos de escola déronlle para aprender a ler e escribir, nunca moitos libros tivo, só un herdado do seu avó, tamén carpinteiro e que gardaba no bandullo a escrita de varias xeracións nas marxes dos proxectos de carpintería, aprendendo a recoñecerse polo trazo do grafito na celulosa. El deunos o herdo da palabra escrita, da necesidade do impulso lector que rematou por concretarse nunha bibliopatía que a día de hoxe aínda me persegue.

A avoa deunos o herdo da fala, das cantigas e recitares aprendidos de memoria, da expansión. O seu era esconxurar os males e as preocupacións no seu refuxio, aquela cociña na que traballaba, a da casa e a que lle deu cartos nos veráns cociñando para aqueles rapaces de poucos recursos que viñan da capital a un campamento a carón do mar. Ela fora moi poucos días á escola, porque ese era un galano reservado para os homes da casa. Difícilmente ganduxaba o seu nome, e xa de ben maior foi á escola de denoite, pero escribir todo o que sentía éralle moi traballoso e leváballe un tempo que non tiña. Inda a lembro estonando as patacas sobre un cesto que poñía no regazo, a carón do vertedoiro. Alí berraba polo baixo coas veciñas por non dicírllelo á cara e quedar a mal con elas; laiábase dos males do mundo e escoitaba promesas políticas do outro lado da radio que sempre zanxaba dicindo “a estes poñíaos eu a traballar e verías ti como funsionaba o país”.

Eu sempre fun máis de poñer en papel o que me bulía por dentro e aquí estamos, deixando levedar o amor de tantas xeracións polo idioma.