Pé com Pé, o novo tema de OMIRI, o artista portugués que está revolucionando a música tradicional portuguesa, está xa dispoñible en todas as plataformas. Esta nova canción combina a riqueza atemporal da música de raíz lusa coa innovación dos sons máis contemporáneos, como xa é tónica habitual nel. A base electrónica constrúese integramente a partir da manipulación de sons captados en recollidas de audio e vídeo realizadas por OMIRI durante os últimos oito anos de norte a sur de Portugal. Este tema exerce como terceiro sinxelo do seu próximo álbum de longa duración, Modas Novas e Algumas Velhas, que ten previsto o seu lanzamento o próximo 7 de febreiro.
Pé com Pé conta coa voz de Beatriz Melo e instrumentos como o bombo ou o triángulo, así como sons de louza rachando, que empastan á perfección coa viola braguesa de OMIRI, a veces distorsionada, amosando de novo a máxima do proxecto do artista portugués, o diálogo entre tradición e innovación. A letra, rica en poesía popular, celebra o amor e a memoria, mentres o ritmo invita á danza e a festa.
Data de lanzamento do seu próximo álbum
OMIRI está xa ante o inminente lanzamento do seu próximo álbum de longa duración. Este último tema exerce como terceiro e último sinxelo do xa nomeado Modas Novas e Algumas Velhas, con data de lanzamento xa anunciada para o próximo venres7 de febreiro.
Presentación do disco cun concerto en Galicia
O seu primeiro concerto de presentación do novo disco será en Galicia. O sábado 15 de febreiro estará na sala Rebullón de Mos a partir das 22:00h. As entradas están xa á venda en salarebullón.com por 10€ + gastos de xestión.
RICHI CASÁS ESTARÁ ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA FALAR DO CANTAR DE ROSA E ADOLFINA, A SÚA AVOA E MADRIÑA, CANTAREIRAS EN QUE SE PERSONIFICA, ENTRE OUTRAS, O DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2025
O músico e estudoso da música tradicional interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina
Richi Casás, músico, profesor, estudoso da música tradicional e saxofonista da Banda Xangai, estará este sábado, día 25 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei) para falar do cantar de Rosa e Adolfina, a súa avoa e madriña respectivas, cantareiras en que se personifica, entre outras, o Día das Letras Galegas de 2025, dedicado este ano á poesía popular oral.
Richi interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina, e que recolle no libro-cd Fuliada na vila (2020), editado por aCentral Folque. Quen quixer, pode traer a súa pandeireta este sábado, para o acompañar nestas composicións.
Rosa e Adolfina foron dúas labregas do concello de Cerceda (A Coruña), que naceron e viviron na Vila da Igrexa. Tiveron sona na contorna por ser boas cantadoras e pandereteira. As súas letras e melodías foron recollidas pola musicóloga Dorothé Schubarth.
A actividade deste sábado, que conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
O directo que estrearán esta fin de semana na sala But inclúe melloras respecto do show de 2024, coa intención de que o público “goce aínda máis do concerto”
Inverfest, Festa do Queixo, FIV, O Son do Camiño, SonRías Baixas e Caudal Fest son as primeiras confirmacións festivaleiras para este ano, no que os muradáns acompañarán a La Raíz no Coliseum da Coruña e no pavillón da Magdalena de Avilés
La máquina del buen rollo acende de novo o seu motor. Logo dunha pausa para preparar novos temas e mellorar o seu directo, The Rapants iniciará este venres, 24 de xaneiro, a tempada de concertos de 2025, unha xira que levará por título La máquina del buen rollo: cambiamos la rayita del peinado, e coa que os muradáns actuarán en distintos puntos da Península Ibérica. A primeira parada do percorrido é o Inverfest: a banda presentará o seu último disco o día 24 na Sala But de Madrid. Aínda é posible adquirir entradas no espazo web https://inverfest.com/events/the-rapants/.
The Rapants aterrará esta fin de semana en Madrid tras unhs meses de pausa, nos que tiveron ocasión de descansar -tras unha intensa xira o ano anterior-, preparar novos temas e, especialmente, mellorar un directo que inclúe cambios con respecto do show presentado no 2024, coa intención de que as persoas asistentes aos concertos “gocen aínda máis” dunha proposta que destaca especialmente pola súa intensidade e conexión co público.
Logo da actuación no Inverfest, as seguintes paradas xa confirmadas pola banda son algunhas das citas musicais máis relevantes e coñecidas de Galicia. É o caso da Festa do Queixo de Arzúa, FIV de Vilalba, O Son do Camiño, SonRías Baixas ou Caudal Fest. Son os primeiros nomes que se coñecen dunha xira coa que a banda visitará novos escenarios. Ademais, os muradáns serán a banda de apertura dos concertos da nova xira de La Raíz, que regresa aos escenarios logo de seis anos de ausencia. Os rapantes abrirán os directos do grupo liderado por Pablo Sánchez nos concertos que estes ofrecerán o 22 marzo na no Coliseum da Coruña (últimas entradas á venda en Ataquilla.com) e o 26 de abril en Avilés, cuxas entradas xa están agotadas.
Primeiras datas confirmadas deLa máquina del buen rollo. Tour 2025
24.01 | Inverfest (Sala But, Madrid) 15.03 | Festa do Queixo 22.03 | Xira La Raíz (Coliseum, A Coruña)
25-26.04 | FIV de Vilalba.
26.04 | Xira La Raíz (Pabellón de La Magdalena, Avilés)
O CONCERTO TERÁ LUGAR O DOMINGO 4 DE MAIO CON ENTRADAS Á VENDA ESTE VENRES A PARTIR DAS 12:00H EN WWW.SALACAPITOL.COM
ADEMAIS HOXE DESVELA ‘RECUERDO’, O SEU NOVO SINXELO
LODE arranca o ano con forza anunciando a estrea en directo do seu proxecto e comezo da súa xira, que terá lugar nun dos mellores recintos de concertos de toda Galicia, a sala Capitol de Santiago de Compostela. Desta maneira, o artista presentará a súa novidosa proposta, nunca antes vista no xénero urbano en Galicia, no que será o punto de partida do seu tour de 2025. O domingo 4 de maio o artista naronés subirá ao escenario da Capitol cun espectáculo que combinará a súa versatilidade vocal e musical coa súa destreza no baile, que dotará ao show dunha posta en escena moi diferencial dentro da escena. As entradas para este concerto saen á venda este venres 17 por 10€ en www.salacapitol.com.
‘Recuerdo’, 5º e novo sinxelo do proxecto, ve hoxe a luz
LODE está de celebración por partida dobre, e segue dando pasos adiante afianzando o seu proxecto co lanzamento de ‘Recuerdo’, un novo reguetón que mestura toques de R&B e flows de hip hop, cunha temática íntima e profundamente persoal, tocando o desamor e a superación. Este tema exerce xa como cuarto adianto do seu seguinte traballo discográfico, que espera ver a luz proximamente.
O artista volve a amosar as súas capacidades para mesturar estilos, collendo os ritmos contaxiosos do reguetón para innovar e saír do establecido mediante elementos melódicos e actitudes doutros xéneros. A letra de ‘Recuerdo’ está infestada de sentimento, como xa é costume en LODE, tratando o desamor dunha maneira moi visceral e sincera coa que moitas persoas poden chegar a sentirse identificadas. Tras mergullarse en estilos como a cumbia, o EDM ou mesmo o afrobeat e pop urbano nos seus anteriores adiantos, o de Narón remarca a súa versatilidade e capacidade de adaptación a cada estilo.
MÁIS DE LODE
LODE é o futuro do xénero urbano. Cun estilo versátil e multidisciplinar, o artista galego está abraiando ao seu público pola gran combinación nas súas composicións de sons actuais e bailables cunha gran voz. Tras o seu éxito en redes sociais e o seu paso por programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero, o de Narón presenta un ambicioso proxecto no que conflúen o seu talento como cantante coa posta en escena que desprende grazas ás súas capacidades como bailarín. A súa presenza non pasou desapercibida dentro da industria musical, sendo apoiado por grandes figuras do panorama internacional e nacional como Juanes ou Álex Ubago.
Actualmente, o cantante, bailarín e compositor está preparando o seu novo traballo discográfico, que verá a luz este ano baixo o formato de EP e que conta xa cos adiantos de Cárita de Ángel, Tres Tragos, TKILA e Recuerdo. A presentación do mesmo terá lugar o domingo 4 de maio nun dos mellores recintos de concertos de Galicia, a histórica sala Capitol de Santiago de Compostela. Nel deixará patente a súa versatilidade e capacidade vocal, aos que se lles sumará o seu talento coreográfico e posta en escena, nun espectáculo nunca antes visto no xénero urbano en Galicia.
INFO DO CONCERTO
Domingo, 4 de maio – SANTIAGO DE COMPOSTELA – Sala Capitol