Recital MULHERES GALAICAS no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Cartel Exposición fotográfica MULHERES

O martes 26 de febreiro ás 20:00 horas, no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia terá lugar o Recital MULHERES GALAICAS como acompañamento á Exposición fotográfica MULHERES, de Mercedes Vázquez Saavedra.

Poema de Concha Rousia

Participarán en dito recital as voces poéticas de Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Belém de Andrade, Cruz Martínez, Verónica Martínez, Teresa Moure, Irene Quinteiro, Concha Rousia. E na arpa, Clara Pino.

Será “un recital de mulleres poetas para honrar a memoria de todas as mulleres galegas, e do mundo, no medio dunha aperta dada polas fotografías de Mercedes Vázquez Saavedra, que permanecerán expostas no COPG ata o 7 de marzo. Como ingrediente máxico, a arpa, a música, que é sen dúbida a linguaxe máis universal da natureza. Un encontro a non perder, no que fotografía, música e palabra se trenzan para criar unha dimensión especial na que as mulleres da cultura tradicional serán as verdadeiras protagonistas. Como unha aperta dada polo propio tempo.

Crónica gráfica DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019 no Museo das Aves de Cospeito

Ao redor do mediodía deste 24 de febreiro de 2019, no Museo das Aves de Cospeito, e organizado por Culturalia GZ e polo Concello de Cospeito e coa colaboración da AELG, tivo lugar un recital poético para conmemorar o DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019.

Baixo a presentación do escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, decenas de persoas, entre poetas participantes e público asistente, congregáronse na Sala de Exposicións do Museo das Aves de Cospeito co gallo de celebrar o 182º aniversario de nacemento da grande poeta Rosalía de Castro. Poetas achegados de distintos lugares (Ana Mar Fraga Rábade, Branca Villar, Adolfina Mesa, Iria López, Luz Airado Bello, Valentín Sanjurjo, Emilia Martínez Fuentes, José Carlos Ulloa García, Pilar Maseda) mesturaron as súas voces coas de estudantes do colexio de Cospeito (algúns dos cales recitaron acompañados das súas nais poemas propios ou da autora homenaxeada), e coas doutras persoas que quixeron pousar a súa voz nos versos rosalianos, creándose unha fonda atmósfera emocional. Ao remate de cada un dos recitados, as persoas participantes recibían de parte do Concello o agasallo dun diploma acreditativo da súa participación no evento poético, así coma un folleto, con marcapáxinas incluído, obsequiado pola AELG e que contiña o Manifesto feito nesta edición de 2019 pola escritora Ana Romaní. Lembrar que tanto o diploma de participación coma o cartel difusor do evento foron realizados pola artista Adolfina Mesa, tomando como referencia unha imaxe de Rosalía de Castro tratada dixitalmente.

Deu conclusión ao acto houbo un pequeno ágape, xentileza do Concello de Cospeito, para participantes e asistentes a este Día de Rosalía de Castro 2019 na Vila de Valverde.

A continuación unha galería fotográfica que reflicte distintos momentos acontecidos neste recital poético.

MILITO EN TI

O único exército que debera existir é o da palabra. E cada ano somos máis disparando poesía.

Rosalía de Castro

MILITO EN TI

Daría canto soñei ser

Por un só dos teus pulsos

Perpetrar a poesía na vida

Os versos que quixen compoñer

eran un simulacro de fuxida

Temor nas noites de coitelos

Nos asubíos mediocres, bébedos

de ignorante cobardía.

Quero sair da casa que foi gaiola

Arrincar as portas e os barrotes

En rimas consoantes e libre pensar

Cos pés nus na aventura do sentir

Ceibar a ilusión,espir paseniño a alma viva

Sen medo voar coma unha andoriña

Quero saír da casa, agarimar o aire

Respirar osíxeno,

ser unha pequena lavandeira

Ollar a súa danza ecléctica

Escoitar os teus versos recitados

Tras as fiestras abertas

afirmados no poema da língua

Na irreverencia proclamada Matria

Daría canto soñei ser

Por un só dos teus pulsos

Morar na escravitude da dúbida

Son parte da túa insurxencia

Milito en ti na resistencia

Milito na retagarda subversiva

Coa voz do amor que aprendín de ti

Rosalía…

PILAR MASEDA BARRIO.  ( Febreiro 2019 )

Corredores de Sombra, unha simbiose en rebeldía de música e poesía

Da man da poeta Pilar Maseda e os músicos Baruk Domínguez, Rosana Domínguez e Carmen Mato nace unha mestura de palabra e melodías que desembocan no inmenso mar de CORREDORES DE SOMBRA.

Este grupo, na súa curta andaina, xa amosou unha boa dose do potencial poético-musical que nos pode ofrecer durante a celebración de entrega do II Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Mostra desa actuación é a que temos no vídeo que aparece a continuación.

Longo percorrido a CORREDORES DE SOMBRA!

Inauguración das exposicións fotográficas MULHERES e VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA, de Mercedes Vázquez Saavedra, no Museo Provincial de Lugo

O vindeiro venres, 22 de febreiro de 2019, ás 20:00 horas, celebrarase a inauguración das exposicións fotográficas MULHERES e VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA, de Mercedes Vázquez Saavedra, no Refectorio e Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo.

Refectorio e Sala Multiusos do MPLugo (22 de febreiro – 31 de marzo de 2019).

Horario de visitas MPLugo:

Luns a venres: de 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

Acompañará a autora das exposicións o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde.

MULHERES

A exposición “Mulheres” é froito dun proxecto arredor das mulheres arrainas, da  raia galego-portuguesa, e mesmo da raia  portuguesa-zamorá, e até da raia galego-berciá…, e continuará.

Comezou en Pitôes das Junias (Montalegre) por ser unha aldea que conservou rasgos do comunitarismo en parte da veciñanza pero especialmente  nas mulheres idosas, e noutras mulheres  que foron fotografadas, despois de longas conversas e de convivir con elas na aldea, estableceuse unha corrente de  irmanamento moi forte coas mulheres.

 As mulheres da raia son mulheres fortes, moi traballadoras, que foron pais e nais, cando os homes marcharon, elas coidaron do gando e da facenda, das casas e dos fillos, entón participaron nos trasfegos típicos das fronteiras.  As mulheres de Pitôes e Tourem, falan dos galegos e galegas como se fosen a mesma xente.

“Son coma nós”, o que é certo. As mulheres de máis idade as que rondaban os 100, contaron que súas nais axudaran aos escapados despois da “guerra  dos españois”, e incluso algunha destas mulheres sendo case unhas  mozas, vixiaban cando  súas nais levaban aos galegos polo monte, esa axuda foi por humanidade, elas non sabían de política:

“Cómo non íamos axudar se eran galegos,  nosos irmâos”. Contaron que algúns escapados estiveron nas casas, e o doutor de Tourém, axudou a todos, tiña aos galegos  na casa, até que  marchaban a embarcar.

Tamén fotografei as mulheres  arraianas galegas, de Gundimil e Requiáns, mesmo na raia.

Mais outras foron as mulheres  coas que falei e fotografiei, as mulheres de Castro Laboreiro (Melgaço), mesmo na raia, tamén con costumes  do comunitarismo. E tamén falei e fotografei mulheres do Soajo, Arcos de Valdevez etc. e outras mulheres galegas da raia, mesmo da Mezquita, lindeiras con Vinhais, ou mesmo mulheres de Río de Onor (Bragança), onde o cumutarismo foi importante, ou as mulheres das aldeas arraianas de Miranda do Douro ou Mogadouro. Por outra banda afondei na raia galega-bierzo, e na raia galega-astur. Pero neste caso, a exposición afondou nas que están máis  nas mulheres de Pitôes, Covelâes, Tourem, Requians, Gundimil, Salto, Soajo, Río de Onor …

Mercedes Vázquez Saavedra, de Sarria (Lugo), escritora e fotógrafa correcamiños levou a  cabo unha pesquisa etnográfica arredor do mundo da máscara, o que deu pé á presente exposición.

VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA

A miña vida é o mundo da Máscara,  un mundo máxico e paralelo.

Non quero saír deste mundo de caretos e mascarados, non quero vivir no mundo real, non gosto nadiña do que está a acontecer.

Inmigrantes que non son aceptados, miseria, fame,  falla de principios e solidariedade …

Que está a pasar? Son tres días os que vivimos neste mundo, non paga a pena acumular riquezas, non paga a pena nada.

Polo que decido quedar no mundo dás máscaras, no que atopei xente que é quen de compartir o que ten.

*Información facilitada polo Museo Provincial de Lugo.