Cunqueiro e as novas voces da narración galega, protagonistas da terceira xornada do Festival Atlántica (Velaquí un enlace á programación)

·       Iñaki Carretero, do País Vasco, dará a charla-espectáculo ‘Cans, deporte, mocidade e cidade’ no IES Eduardo Pondal

·       ‘Cunqueiro en Compostela’ é o título do paseo con contos que brindará Miguel Vila polos lugares emblemáticos da obra do escritor

·       A ‘Noite nova’ abriralles as portas do festival ás novas voces da narración galega na Borriquita de Belem e no Modus Vivendi

O Festival Atlántica afronta a súa terceira xornada con tres propostas moi diferente. A primeira delas está dirixida ao público escolar e terá lugar no IES Eduardo Pondal ás 11 da mañá. Alí estará Iñaki Carretero, do País Vasco, para lle brindar ao alumnado unha sesión de ‘Cans, deporte, mocidade e cidade’. Trátase dunha charla-espectáculo de narración oral sobre como os animais de compaña poden axudar a mocidade.

Cada vez hai máis rapaces que teñen can, pero ás veces non saben como pasar o tempo con eles, así que Carretero vailles ofrecer un desafío: educar os cans desde o deporte na cidade e, deste xeito, educarse eles mesmos. Todo isto desde o bo entendemento entre as especies, compartindo o tempo de lecer sen violencia nin “líderes de mandas”.

Xa á tarde, ás 18:30 horas, será a quenda dunha das actividades con máis éxito das últimas edicións do Atlántica: os contos nas rúas. Desta volta, o narrador vai ser Miguel Vila Pernas, quen, baixo o título de ‘Cunqueiro en Compostela’, vai compartir cos seus acompañantes unha viaxe pola cidade que viviu e escribiu Álvaro Cunqueiro e que os levará ás tabernas e aos recunchos emblemáticos da obra do autor. Esta actividade ten un custo de 6 euros e para asistir cómpre inscribirse previamente a través do correo festivalatlantica@gmail.com.

Algo máis tarde, a partir das 21 horas, será o momento da ‘Noite nova’, unha oportunidade para escoitar as novas voces da narración galega nos locais da Borriquita de Belem e do Modus Vivendi. Cris de Caldas apoiará a unha nova fornada de contadores na súa noite de estrea: Lorena Pinheiro, Esteban Yáñez, Lidia Luna e Dani Blanco, todos eles integrantes do Grupo de Narración da Almáciga.

Os artistas

Iñaki Carretero é contador de historias desde o ano 98 e percorre a xeografía cos seus contos, libros e cans. Ten unha enorme experiencia en descubrir historias e capta a atención do seu auditorio coma poucos. Curiosamente, é disléxico, cústalle ler e ás veces mestura as palabras ao falar, pero esa visión tan particular do mundo oral e escrito é o que lle gusta e o que lle funciona. É o que fai escoitar a quen lle custa escoitar, e ler a quen lle custa ler.

Miguel Vila Pernas (http://www.miguelvila.com) naceu na Habana en 1958 pero criouse en Galicia. É xornalista e escritor gastronómico. Colabora en medios diversos como diarios, revistas, radio, televisión e internet. Compaxina a execución de actividades arredor do mundo da gastronomía con traballos de comunicación corporativa.

Cris de Caldas é unha bibliotecaria namorada dos contos. Di sobre ela: “Tanto me gustaban os contos de pequena que me levaron a estudalos a través da filoloxía, pero como os botaba de menos convertinme en bibliotecaria para telos máis preto. A paixón por eles foi en aumento e houbo un día no que desexei contar os seus segredos, compartir o seu corazón a quen quixera escoitar e así é como me convertín en contadora de contos e historias”.

O Grupo de Narración da Almáciga é un colectivo que xurdiu dun proxecto que naceu no 2017 e que aspira a incorporar novas voces ao mundo dos contos. O grupo ten a súa orixe no curso de narración oral ‘Ti xa tes moito que contar’ coordinado e impartido polo equipo de contacontos de Atlántica no Centro Xove da Almáciga. Esta formación, que xa vai pola súa terceira edición, articúlase en tres eixes: as ferramentas da narración oral, o proceso de creación dun universo narrativo e a narración do territorio. Todo dentro dun deseño metodolóxico práctico desta arte escénica.