por Miguel Díaz | Sep 27, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: DISPARO
Houbo un momento. Un reloxo de area conxelado. Amar nese intervalo. Nunha tregua filtrada entre a treboada, unha fuxida desprezadora do aramado.
E logo rompeu o espazo, o lenzo preparado rachou dun bandazo.
E seguiu a obra. Cabalos aloucados, galopar no escenario. Volveu o ruído, a batalla terrible, a palabra perdida.
E entón, de novo retornar ao soldado. Fusil, escudo. Pólvora disposta, famenta bala. Achégase alguén na noite e non hai pregunta. Só disparo
por Miguel Díaz | Ago 19, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: DESCABALGA
Pregúntome que fica en pé tralo publicado. Un ego absurdo, danzando nun escenario sobre o que, probablemente, ninguén repara. Queda a obra, supoño, desprazada e desprezada.
Pode que alguén a nomee de cando en vez, como quen nomea un papel engurrado tirado no chan, que con indiferenza patea. Mírao, como roda, desprovisto de todo anhelo.
Talvez agoche unha carta de amor que se desfará coa chuvia. A ninguén lle importa a quen vai dirixida nin por quen firmada. Un sentimento descabalga, rendido, exhausto, sen esperanza.
por Miguel Díaz | Jul 18, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: O PETO
Eles, alleos, os outros, na súa estendida indiferenza, non queren abrazarme nin ferirme. Pero desde a inconsciencia achegan a min os seus coitelos afiados, abrindo brecha nova ou furgando na vella. E sei que, cando o tallo é grande, cicatriz só é outro xeito de nomear a ferida.
Mais non o fan á mantenta. Ignoran. Simplemente non consideran o escenario no que, de cando en vez, son vulnerable.
Simplemente non saben que aínda latexa o teu poema no peto do pantalón do meu cadáver.
por Miguel Díaz | May 16, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: QUE DEFENDO?
Co coitelo entre os dentes, que defendo? Asoman hordas que me varrerán e defendo se cabe ruínas. Ruínas que son pero que non deben ser defendidas. Porque na súa memoria non habita xa ningún corazón á espera.
por Miguel Díaz | Abr 26, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: MIRÁMONOS
Mirámonos, amor,
no que xa non somos.
E asemade somos
mirados polo abismo.
Polo abismo estendido
de ollos interrogadores.
Polo abismo que ignora
que non temos respostas.
Que aínda non ou xa non.
E que as que posuímos
forman parte do espazo
que acedo nos observa.
Que nos observa xélido
coas súas cuncas baleiras.
Que observamos efémeros
cos nosos ollos ardentes.
por Miguel Díaz | Abr 10, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: ASUBIANDO
O verso e o amor, na súa expresión torpe, insuficientes. Se cabe pola súa limitación, sexa en modo, tempo ou dimensión. O verso e o amor, con potencial infindo pero acotío debuxados con trazo dubidoso, en esbozo inútil, en expresión indecisa. Temerosos ambos, reducidos a un tecido infame de situacións que os devoran. O verso, teimudo pero exiguo. O amor, persistente pero silenciado. Os dous da man, asubiando na primavera, como asubían as flores da cerdeira neste oído meu desencantado pero insurrecto.