O Festival Atlántica programa unha ducia de funcións na súa cuarta xornada

O Festival Atlántica programa unha ducia de funcións na súa cuarta xornada (Velaí o enlace da programación)

·       Pepepérez e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela brindarán dous pases para escolares da ‘Bela Dormente’

·       Seis centros cívicos da cidade acollerán espectáculos de contacontos

·       Un encontro de grupos da terceira idade poderán gozar coas historias de José Luis Gutiérrez

·       Aínda quedan prazas para o paseo con contos ‘Morte en Compostela’ con Carmela Sánchez Arines

·       Maricuela e Celso F. Sanmartín ofrecerán un programa dobre no Centro Xove da Almáciga

A cuarta xornada do Festival Atlántica vai programar unha ducia de actividades repartidas por todo Santiago de Compostela nunha maratón que se desenvolverá desde a mañá ata a noite. Neste día van ter un protagonismo moi especial os centros cívicos, con nada menos que oito espectáculos, e tamén as funcións escolares, entre as que salientan os pases musicados da ‘Bela Dormente’ que vai ofrecer o sevillano Pepepérez co apoio da Banda Municipal de Música da cidade na Sala Mozart do Auditorio de Galicia ás 10 e ás 12 horas.

Tamén ás 10 da mañá está previsto que Iñaki Carretero se achegue ata o IES Rosalía de Castro para dar a charla-espectáculo ‘Cans, deporte, mocidade e cidade’ sobre como os animais de compaña poden axudar a mocidade. Cada vez hai máis rapaces que teñen can, pero ás veces non saben como pasar o tempo con eles, así que Carretero vailles ofrecer un desafío: educar os cans desde o deporte na cidade e, deste xeito, educarse eles mesmos. Todo isto desde o bo entendemento entre as especies, compartindo o tempo de lecer sen violencia nin “líderes de mandas”.

Á mesma hora, pero no CEE López Navalón, vai estar Cris de Caldas e ‘Os contos do meu baúl’, un convite para entrar nun mundo máxico cheo de historias, adiviñas e versos que emocionan, sorprenden, fan rir e deixan pegada… con só abrir o baúl.

Barrios cheos de historias

Xa á tardiña, ás 18 horas, vai dar comezo ‘Contos no barrio’, título que engloba as contadas que se desenvolverán asemade nos centros cívicos de Santiago. Raquel Queizás estará no CC de Meixonfrío con ‘Romaría’, un espectáculo de narración oral onde as lendas tradicionais achegan o mundo rural e antigo aos rapaces, descubríndolles un modo de vida descoñecido para os máis deles.

O vasco Iñaki Carretero recuncará nesta xornada con ‘Os cans tamén contan’ no CC do Ensanche, unha sesión de contos con cans sobre aprender a convivir con eles na cidade. De xeito divertido e educativo, aprenderemos os dereitos e deberes dos cans e tamén dos donos, de como poder mantelos felices por medio do deporte e os paseos na cidade.

Pola súa banda, Yoshi Hioki vai levar os seus ‘Contos populares do Xapón’ ata o CC das Fontiñas. As tramas destas historias inclúen campesiños dos arrozais e nobres da corte imperial, animais e monstros, dragóns e bolboretas, mesturando sempre a poesía e a picaresca. O público gozará da habilidade do artista xaponés para ‘pintar’ as historias e os costumes do seu país con humor e sensibilidade.

O Centro Cívico de Vite tamén recibirá a súa dose de Festival Atlántica grazas ás ‘Animaladas’ da narradora tinerfeña Laura Escuela, unha sesión de historias tradicionais e álbums ilustrados cos animais como protagonistas que estará acompañada por instrumentos musicais.

E mentres Laura Escuela entretén os máis cativos, José Luis Gutiérrez ‘Guti’ renderalles homenaxe aos maiores, tesoureiros da tradición oral, con ‘Historias de don Guti’, tamén no Centro Cívico de Vite, ás 18 horas, nun encontro con grupos da terceira idade.

No tocante a Pepepérez, o narrador sevillano vai facer triplete ao ofrecer un pase do espectáculo ‘O coleccionista de palabras’ no Centro Cívico da Pontepedriña, a partir das 18 horas. Unha sesión de contos para público familiar con historias sobre a procedencia das palabras, algún clásico da literatura universal, algún avó, ruídos corporais e algunha que outra sorpresa máis.

Tamén cómpre mencionar que os contos volverán saír á rúa este venres, a partir das 18 horas, coa historiadora Carmela Sánchez Arines e ‘Morte en Compostela. Antigos recintos funerarios’. É ben sabido que a cidade naceu arredor dunha tumba, pero neste paseo o público vai descubrir que hai moitas máis e mais o que acontecía nelas. Esta actividade ten un custo de 6 euros e para asistir é preciso inscribirse previamente a través do correo festivalatlantica@gmail.com.

Ás 19.15 horas, no CC de Conxo, estará Ramiro Neira co seu espectáculo ‘Cun ollo aberto…’, unha peza de narración oral baseada na obra ‘Cun ollo aberto e outro sen cerrar’ de Xabier P. Docampo, un libro de relatos breves marcado pola tradición oral e os contos marabillosos.

Este intenso venres de contos espallados pola cidade vai ter o seu remate ás 21 horas no Centro Xove da Almáciga cunha sesión para público adulto que xuntará a Maricuela e a Celso F. Sanmartín. A turolense vai ofrecer a función ‘Vai por elas’, historias de mulleres sen zapatos de cristal, que cambian, que viaxan e protestan, que fan marmeladas e aman ata que a noite non dá máis de si. Porque cada muller ten unha historia e todas merecen ser contadas.

Na súa quenda, Celso F. Sanmartín vai levar á escena ‘Contar’, un feixe de contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. Chegarán cun toque contemporáneo, para probar que tamén son actuais, e mesturadas coas historias de invención propia do artista.

Unha morea de contadores

Pepepérez comezou a súa andaina profesional no ano 1987 e é quen de contar con calquera en calquera sitio de España ou do estranxeiro. Alén diso, tamén imparte cursos de narración e animación á lectura en centros de profesores, en universidades, festivais de narración e escolas de verán. No 2012 creou o selo editorial Pepepérez, no que publicou o seu libro de contos ‘Un corazón que no cojea’ e os poemarios ‘La noche multiplicada’ e ‘Vuelo con raíces’ de María Ruiz Faro, ‘Las cosas quebradas’ de Carmen Herrera Castro e ‘Que tengan ustedes un buen día’, tamén de autoría propia. É membro fundador do Gremio da Narración Oral en Andalucía.

A Banda Municipal de Santiago de Compostela é unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848. Nun principio tiña carácter afeccionado, ata que en 1876 o Concello decidiu facerse cargo dela e comezou a se profesionalizar. Na actualidade conta con 37 compoñentes e desenvolve unha intensa actividade de concertos ao longo de todo o ano. O seu director é o pontevedrés Casiano Mouriño Maquieira.

Iñaki Carretero é contador de historias desde o ano 98 e percorre a xeografía cos seus contos, libros e cans. Ten unha enorme experiencia en descubrir historias e capta a atención do seu auditorio coma poucos. Curiosamente, é disléxico, cústalle ler e ás veces mestura as palabras ao falar, pero esa visión tan particular do mundo oral e escrito é o que lle gusta e o que lle funciona. É o que fai escoitar a quen lle custa escoitar, e ler a quen lle custa ler.

Cris de Caldas é unha bibliotecaria namorada dos contos. Di sobre ela: “Tanto me gustaban os contos de pequena que me levaron a estudalos a través da filoloxía, pero como os botaba de menos convertinme en bibliotecaria para telos máis preto. A paixón por eles foi en aumento e houbo un día no que desexei contar os seus segredos, compartir o seu corazón a quen quixera escoitar e así é como me convertín en contadora de contos e historias”.

Cunha traxectoria de mais de vinte anos dedicada á narración oral profesional e ao teatro, a galega Raquel Queizás (www.raquelqueizas.com) mantén en cartel case unha ducia de espectáculos de contacontos, de diferentes temas e adaptados a diversas idades, desde bebés ata adultos. De formación filóloga, cursou estudos de Artes Escénicas en varios centros e encontros de formación.

Yoshi Hioki trasladouse no 1991 desde a súa Osaka natal ata Barcelona para estudar pintura. Alí entrou en contacto coa narración oral e comezou a súa carreira profesional como contador. Desde aquela, xa pasou por festivais de todo o mundo e segue a desenvolver actividades que mesturan as súas dúas paixóns: a pintura e a narración.

Laura Escuela (Tenerife) é mestra en Educación Infantil, licenciada en Psicopedagoxía e conta, ademais, cun Mestrado en Promoción e Animación Lectoras. Traballa desde hai máis de dez anos arredor do mundo da literatura infantil, a música e a discapacidade. Dedícase á narración oral desde o 2008 e cómpre salientar que nos últimos anos ten levado a cabo proxectos pioneiros de sesións de bebecontos en bibliotecas de Canarias.

José Luis Gutiérrez ‘Guti’ é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Todos os contos e romances que usa recolleunos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte de anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Procura conservar o carácter dialectal de cada narración e mais a atmosfera que envolvía o narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio. ‘Guti’ traballa principalmente na contorna rural tentando dalgunha maneira de restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.

Ramiro Neira é diplomado en Maxisterio especialista en Audición e Linguaxe. Actualmente compaxina os seus traballos como docente, actor e director coa coordinación de diferentes proxectos do Concello da Coruña e do Fórum Metropolitano, como o Programa Horas Punta, a Mostra de Teatro Escolar e os Encontros de Teatro Independente da Coruña.

Carmela Sánchez Arines é historiadora da arte e intérprete do patrimonio. Traballou no Museo de Pontevedra, no MARCO de Vigo e en Etnoga, empresa que cofundou no 2005. Trala obtención do Diploma de Estudos Avanzados sobre arquitectura civil do XIX e XX no Deza e Tabeirós, comezaron as súas investigacións doutorais centradas na produción do ferro das antigas fábricas de fundición galegas e o seu reflexo na arte. Unha arte reflectida en moitas ocasións nos cemiterios, un patrimonio que estuda para a súa posta en valor, con exemplos como o compostelán de Boisaca ou o de San Amaro de Pontevedra.

Maricuela (www.maricuela.com) é o nome artístico de María Molina García, unha licenciada en Belas Artes e diplomada en Xornalismo que desde o ano 1992 traballa profesionalmente no eido do clown, do teatro corporal e da narración oral. Ademais, tamén imparte obradoiros de teatro e clown e de narración, escribe en revistas especializadas sobre literatura e narración e ten publicados varios álbums infantís.Celso F. Sanmartín é un poeta e contacontos galego. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais). Como contacontos, caracterízase polo seu labor como recolledor e reinventor de historias e contos. O seu repertorio está composto por historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, que presenta nos seus espectáculos como un verdadeiro tesouro, cheo de coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua. 

Día da Poesía 2019 na Casa da Cultura de Vilalba

Con motivo da conmemoración do Día da Poesía 2019, o Concello de Vilalba, concretamente as Concellarías de Cultura e Educación, e coa colaboración de Culturalia GZ, organiza un recital poético o vindeiro 21 de marzo na Casa da Cultura de Vilalba, a partir das 20 horas.

A comunidade educativa e a cidadanía, en xeral, están convidadas a celebrar o Día da Poesía na edición de 2019 recitando un poema de calquera autor/-a ou da súa propia autoría (de temática libre). Para iso deberán inscribirse cubrindo unhas fichas que xa foron remitidas aos centros educativos ou dispoñibles na mesma Casa da Cultura de Vilalba para quen estea interesado/-a en participar.

Ademais contarase coa actuación especial do Grupo Poético-Musical CORREDORES DE SOMBRA (formado por Pilar Maseda, Carmen Mato, Baruk Domínguez e Rosana Domínguez) que intervirá en distintos momentos ao longo do recital.

Todas persoas asistentes, tanto recitadores/-as coma público ouvinte e espectador, recibirán un agasallo elaborado para a ocasión polos usuarios do Centro Ocupacional Vilalba-Terra Chá.

Ópera CAVALLERIA RUSTICANA, de Pietro Mascagni, no Auditorio Municipal de Vilalba

O auditorio Carmen Estévez de Vilalba, acollerá o domingo 31 de marzo ás 19.30h, a ópera “CAVALLERIA RUSTICANA” de Pietro Mascagni.

Cavalleria Rusticana é un melodrama nun acto con música de Pietro Mascagni e libreto en italiano de Giovanni Targioni- Tozzetti e Guido Menasci, baseado nun relato do novelista Giovanni Verga. Considerada unha das clásicas óperas do verismo, estreouse o 17 de maio de 1890 no Teatro Costanzi de Roma .

Argumento.

É a historia dun amor roubado e vingado. O título alude ao código de honra dunha pequena comunidade italiana, unha aldea de Sicilia, onde transcorre o drama, a finais do século XIX.

Antes de marchar a cumprir o servizo militar —antes de ser soldado—, o campesiño Turiddu foi noivo de Lola, a quen xurou —como se di no libreto— fidelidade eterna. Cando regresa, Lola casouse con outro. O seu marido é un home de certa posición económica: o carretero do pobo, Alfio.

Turiddu, profundamente resentido, cun novo amor, “tratou de apagar a chama que ardía no seu corazón”. Seduce a outra moza do pobo, Santuzza —Santa—, que se namora locamente del.

Lola, entón, envexosa da sorte de Santuzza, ardendo de celos, cede; fai caso a Turiddu. Lola coquetea con Turiddu: acepta os seus galanteos. E é a propia Santuzza, quen, resentida e desesperada tras o desprezo de Turiddu, cóntalle o enredo a Alfio, o marido que ela cre burlado. Coa máis absoluta crueza: “Que mentres ides baixo a choiva e o vento para gañarvos o pan, Lola adórnavos o teito de mala maneira!”. Enseguida, Santuzza arrepíntese: “Foi unha infamia falarvos así!”. A traxedia, desátase. Turiddu mórdelle a orella a Alfio, o modo tradicional siciliano de aceptar un duelo. Sangue: morte.

Turiddu e Alfio, os dous rivais, bátense en duelo nos arredores do pobo en pleno domingo de Resurrección. Cúmprese o maleficio que Santuzza, desgarrada, lánzalle a Turiddu cando entra na igrexa seguindo a Lola: “A che a mala Pasqua, spergiuro!” (Deséxoche unha mala Pascua, perjuro!).

E tan mala! Polo berro dunha muller —”Mataron ao compadre Turiddu!”— sabemos que Alfio cumpriu a súa sentenza: “Quero sangue, abandónome á ira; todo o meu amor volveuse odio”.

Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Día: 31 de marzo 2019

Hora: 19:30h

Duración:1h 15min.

Prezos:

Entradas Adultos: anticipada 10€ – o día da actuación 12€

Entradas Nenos: anticipada 5€ – o día da actuación 6€ ( de 6 a 18 anos inclusive)

Entradas Gratuíta Para Menores de 6 anos.

Venda anticipada na Casa da Cultura de 11h a 13h e de 17:30h a 21h., venda online en Ataquilla.com

PARA TODOS OS PÚBLICOS.