TECIDO RESISTENTE proxéctase este sábado na Casa-Museo Manuel María

A CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PROXECTA ESTE SÁBADO, APÓS O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, “TECIDO RESISTENTE”, DE MARINA CHIAVEGATTO

 Estesábado día 9 de marzo, ás 20 hrs, após a xornada reivindicativa do Día internacional da muller, a Casa-Museo Manuel María proxecta Tecido Resistente, un documentario de Marina Chiavegatto que foi o gañador, en 2018, do I Premio Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade convocado pola Deputación da Coruña.

O documental recupera a historia dos centos de mulleres que protagonizaron “unha silenciosa revolución” na vila de Présaras (Vilasantar) nos primeiros anos do século XX e que mudaron a economía e a organización social de toda unha comarca. É un relato sobre o empoderamento e o feminismo. Trailer:  https://vimeo.com/289877887

Tras a proxección de Tecido Resistente, de 40 minutos de duración, haberá un coloquio coa súa directora, Marina Chiavegatto. 

A entrada para ver o documental é libre até encher o aforo e pode reservarse o billete de entrada en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621.

*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María.

Álbum gráfico da inauguración de NATUREZA ÍNTIMA, de Adolfina, na Casa da Cultura de Vilalba

O pasado venres, 1 de marzo, inaugurouse na sala de exposicións da Casaa da Cultura de Vilalba a NATUREZA ÍNTIMA, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa Nesa inauguración contouse coa participación poética de Pilar Maseda, Beatriz Dourado e Martiño Maseda, que engalanaron cos seus versos o ambiente cromático e conceptual que mana de NATUREZA ÍNTIMA. E tamén se estivo presente a concelleira de Cultura de Vilalba, Chery Grandío, que abriu o acto de inauguración, o cal rematou coas palabras da propia Adolfina Mesa, que a través de verbas explicativas convidou ao público asistente a realizar unha peregrinaxe visual e emocional pola exposición que achegou á vila chairega.

A exposición NATUREZA ÍNTIMA está composta por un total de trinta e seis obras, das cales tres son instalacións. Vinte obras, e mais as instalacións xa mencionadas, abarcan o tema da figura feminina, o feminismo, a loita pola igualdade de xénero, o maltrato, a violencia machista, etc. Amosando tamén no resto das obras un compromiso de protesta, crítica e reflexión en diversas temáticas sociais.
Nunha das instalacións titulada CLAUSTRO PATRIARCAL, a artista Adolfina Mesa afirma “vivimos nun claustro patriarcal, onde a diario a violencia contra as mulleres así como o caso omiso que se fai delas e as súas denuncias, dos seus dereitos e da súa existencia. Só o feito de que teñamos que seguir dando a loita en todos os ámbitos sociais, profesionais, etc., sobre todo para vivir sen medo a ser asasinadas, maltratadas ou violadas… O feito de que continúen noticias, que observamos diariamente, sobre feminicidios ou atentados contra a liberdade da muller son o mellor exemplo diso.”


Esta exposición permanecerá aberta na Casa da Cultura de Vilalba durante todo o mes de marzo.

FOLIADA DE INVERNO 2019, de Castiñeiro Milenario

Comezamos o ano cunha nova edición das Foliadas de Inverno de Castiñeiro Milenario, como sempre na Casa do Pobo da Asociación Veciñal do Castro (Begonte).
Nesta ocasión, os eventos previos á foliada, veñen con novidades, pois faremos a presentación do I Ciclo de Cine Galego de Castiñeiro Milenario. Un proxecto que levamos intentando sacar adiante desde hai tempo e que este ano, por fin, vai ver a luz. A primeira cita co Ciclo de Cine (do que teredes novidades en breve) vai ser a proxección do mediometraxe documental de Xurxo Souto e Martín Rodas titulado “Dos Gaiteiros do Mar”. A película proxectarase ás 19:15 e servirá tamén como unha pequena lembranza a un dos seus protagonistas, Lito de Pinténs, recentemente falecido.

Despois deste inicio espectacular, seguiremos co concerto que vai dar a banda de gaitas, Sons da Chaira. A partires da 8 da tarde, a banda vai tocar o repertorio co que representaron, de xeito fantástico, á Escola de música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei no afamado Festival de Lorient este pasado verán.

Logo dun ratiño para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 21:15, aproximadamente. Nesta ocasión contamos con dous grupos. Por primeira vez, cruzamos a fronteira luguesa e veñen a facer unha festaza das boas, Os Feroces da Galgueira, desde As Pontes, e despois, un dos grupos míticos da música tradicional de Lugo, A Volta do Agro. Sen dúbida dúas agrupacións que van facer que o torreiro se quente en pleno inverno. Ao remate da súas intervencións, comezará a foliada aberta.

Toda a info na nosa páxina web: https://castinheiromilenario.wordpress.com/2019/03/01/foliada-de-inverno-2019/

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/