Desde este xoves, día 18 de xullo, e até o martes 30, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador desenvolverá o seu proxecto de creación escénica ‘Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia’, co que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social

Unha vez finalizada a súa residencia, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso no Pazo da Cultura de Carballo no mes de outubro de 2024, no marco da celebración da 33ª edición do festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT

Paralelamente, o artista interdisciplinar participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O artista José Ramón Hernández, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación, inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este xoves, 18 de xullo, en Carballo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura da localidade bergantiñá acolle, desde mañá xoves e até o martes 30 de xullo, a sexta destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta do artista interdisciplinar que ten por título Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia, un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. 

Unha vez finalizada a súa residencia artística, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mes de outubro de 2024, no marco da celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT.

Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo en España.

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é a segunda investigación da serie escénica Opira, iniciada en Cuba en 2019 e que propón explorar o cruzamento entre o corpo filosófico yoruba, as ritualidades afrocaribeñas e as performatividades contemporáneas.

Trátase dun exercicio de combinación do espiritual e o matérico a partir da escoita profunda e a crítica dos camiños e designios que propoñen cada uns dos doce signos do diloggún, sistema ancestral yoruba de adiviñación na Regra Osha Ifa, practicada en Nixeria, Benín, Cuba, Brasil e outros países do Caribe e AbyaYala, para mirar as problemáticas das nosas sociedades contemporáneas.

SOBRE O ARTISTA 

José Ramón Hernández (Palma Soriano, Cuba, 1988) é un artista interdisciplinar afrocubano graduado do Instituto Superior de Arte de Cuba, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación. A súa práctica desprázase entre a dirección artística, a dramaturxia, a coreografía, o comisariado de artes en vivo, a instalación, a performance, a educación, a mediación e a xestión cultural. A súa investigación creativa pon o foco nas ritualidades afrodescendientes, a performatividade das corporaleidades periféricas, as materias, as espiritualidades, as memorias, as migracións, as cartografías e os desexos. Ensaia os límites entre a ficción e a realidade, o traballo con documentos non ficcionais e as ferramentas do sensible para afectar e intervir procesos sociais e comunidades.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá. 

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras. 

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2024.07.17.-NP-Residencias-Paraiso-Osikan