Semana da Novela Negra. Capítulo 2, organizada pola Librería Pedreira

O barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, será o escenario, entre o venres 29 de marzo e o domingo 7 de abril, do segundo capítulo da SEMANA DA NOVELA NEGRA, unha iniciativa promovida por Libraría Pedreira e que contará cunha serie de actividades arredor deste xénero. Levaranse a cabo coloquios, debates e presentacións, coa presenza de escritoras e escritores de prestixio na literatura galega como Manuel Rivas, Alberto Varela Ferreiro, Manuel Esteban, Bieito Iglesias, Pedro Feijóo ou Domingo Villar, entre outras.

‘Roseiras de rosas roxas. Homenaxe poética a Manuel Leiras Pulpeiro’, no Concello de Mondoñedo

Este sábado celebraremos a proximidade do Día Mundial da Poesía coa xornada ‘Roseiras de rosas roxas. Homenaxe poética a Manuel Leiras Pulpeiro’, organizada polo Concello de Mondoñedo. No marco da mesma daremos a coñecer a antoloxía ‘Roseiras de rosas roxas. Premios de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro (2012-2018)’, que se agasallará axs presentes, unha obra con cuberta de Caxigueiro e edición de Belén Bouzas e miña, da que se fixeron moi poucos exemplares. Haberá recital de boa parte dxs premiadxs, música e intervencións diversas. Avisadxs quedadxs. Xs que non veñades, logo non choredes o libro, que é precioso e no que están moitxs dxs mellores poetas da nosa hora: Xurxo Martínez, Ramón Sandoval, Olalla Barro, Martiño Maseda, Modesto Fraga, Antón Fortes, Ramón Sánchez, Alberte Momán, Xurxo Alonso, Carmen Pereiras, Paulino Peña Álvarez, Jacobo Llamas (Llamitas Martínez), Eduard Velasco, Gonzalo Hermo, José Antonio Grela Martínez, Elvira Ribeiro Tobío, Óscar García Ramos, Miriam Ferradáns, Lorena Souto (Arqueira Sou) e Emilio Salgado Freire.

*Texto de Armando Requeixo

O Festival Atlántica celebra en Lugo o Día Internacional da Narración Oral

O Festival Atlántica celebra en Lugo o Día Internacional da Narración Oral con Pablo Albo, Celso F. Sanmartín e Fátima Fernández (Enlace ao programa)

  • O Atlántica chega este ano por primeira vez á provincia lucense grazas á Deputación e ao Concello de Lugo cun programa que se vai desenvolver entre o 20 e o 23 de marzo
  • Unha ducia de artistas de Xapón, Uruguai, Alacante e Galicia actuarán nos concellos de Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Viveiro

O Festival Atlántica, o encontro máis grande de narración oral da Península Ibérica, vai chegar por primeira vez á provincia lucense na súa sétima edición. Entre o 20 e 23 de marzo os concellos de Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Viveiro van poder gozar coas historias dunha ducia de contadores que participarán nas quince actuacións gratuítas incluídas no programa. As funcións en Lugo son posibles por mor da colaboración co Concello mentres que as demais son grazas á colaboración da Deputación de Lugo. (Enlace á nota informativa)

O arranque do festival vai ser este mércores, 20 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Narración Oral, a gran festa dos contadores que se celebra desde 1991 e que este ano celébrase baixo o tema dos mitos, lendas e epopeas. As funcións do día van comezar ás 12:15 horas no CEIP Rosalía de Castro de Lugo, onde Fátima Fernández lle ofrecerá ao alumnado un pase do espectáculo ‘Un, dous, tres! Contos ao revés”. Os cativos deste centro van aprender que aínda que hai contos que comezan cun “Había unha vez…”, tamén hai outras historias que comezan cando lles apetece: cando sopra o vento do norte, cando as follas mudan de cor, cando a señora Lola baila ou cando alguén berra forte un, dous, tres… Pero iso si, non moi forte que igual se contan ao revés.

Algo máis tarde, ás 18:30 horas, o alacantino Pablo Albo vai actuar na Biblioteca Municipal de Lugo con ‘Contos de medo que dan risa’. Nesta función para o público infantil a familia Albo fará aparecer monstros diversos empregando a súa voz, os seus xestos e a súa ollada. Haberá monstros peludos, comedores de netas e de casas, pero non haberá nada que temer porque todos eles serán quen de espertar a gargallada do público infantil.

O peche da xornada chegará ás 20:30 horas da man de Celso F. Sanmartín e ‘Contar’ no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo. Este espectáculo para adultos consiste nun feixe de contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e europea asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. Chegarán cun toque contemporáneo, para probar que tamén son actuais, e mesturadas coas historias de invención propia do artista.

Contadores de acó e de aló

Fátima Fernández é un alicerce fundamental da Semana da Oralidade de Lugo. É tamén fundadora e membro activo do grupo de teatro infantil “Matapiollos” e exerce como contadora de contos desde o ano 1988, un labor que compaxina coa dirección nun centro de maiores. Participa tamén en actividades de animación á lectura por bibliotecas de toda Galicia, dentro da programación do ‘Ler conta moito’, e ten coordinado diferentes eventos de lecer e tempo libre, e mesmo traballado en campañas de educación viaria coa DXT e a Cruz Vermella.

O alacantino Pablo Albo (www.pabloalbo.com) iniciouse no mundo dos contos en 1994 e desde aquela xa percorreu contando historias case toda a xeografía nacional e boa parte do estranxeiro. Na súa faceta de escritor ten publicados trinta e seis libros infantís e participou en cinco libros de contos para adultos. Entre os seus premios figuran o Lazarillo nas modalidades de creación literaria (2008) e de álbum ilustrado (2013), o Ciudad de Alicante (2003), o Villa dÍbi (2008) e o Leer es vivir (2009). Ademais, tres das súas obras apareceron no The White Ravens, a lista dos 250 mellores libros do mundo que realiza cada ano a Internationale Jugendbibliothek (Biblioteca Internacional da Mocidade) con sede en Munich.

Celso F. Sanmartín é un poeta e contacontos galego. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais). Como contacontos, caracterízase polo seu labor como recolledor e reinventor de historias e contos. O seu repertorio está composto por historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, que presenta nos seus espectáculos como un verdadeiro tesouro, cheo de coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua.

Máis fotos en: www.flickr.com/photos/festivalatlantica

Os medios están autorizados a descargalas e a usalas con fins informativos.

CONTACTO: Soledad Felloza | 635 95 28 20 | festivalatlantica@gmail.com

PROGRAMA PROVINCIA DE LUGO 2019

Todos os espectáculos teñen entrada libre e gratuíta ata completar o aforo

Mércores 20 de marzo (Día Internacional da Narración Oral)

“Un, dous e tres! Contos ao revés” | Fátima Fernández (Galicia) | En galego

12.15 I CEIP Rosalía de Castro | Lugo

Público infantil

“Contos de medo que dan risa” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

18.00 | Biblioteca Municipal | Lugo

Público infantil e familiar

“Contar” | Celso F. Sanmartín (Galicia) | En galego

20.30 | Centro Cultural O Vello Cárcere | Lugo

Público adulto

Xoves 21 de marzo

“Contos de medo que dan risa” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

“Romaría” | Raquel Queizás (Galicia) | En galego

17.30 | Salón de Actos dos Chaos | A Fonsagrada

Público infantil

“Contos, lerias e cousas pequenas” | Vero Rilo (Galicia) | En galego

“Contos para viaxar a Xapón” | Yoshi Hioki (Xapón)

17.30 | Sala Multiusos da Casa do Concello | Viveiro

Público familiar

“Contos pouco edificantes” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

“Palabras na boca” | Raquel Queizás (Galicia) | En galego

20.00 | Salón de Actos dos Chaos | A Fonsagrada

Público adulto

“Lavandeiras” | Vero Rilo (Galicia) | En galego

“Contos populares do Xapón” | Yoshi Hioki (Xapón)

20.00 | Sala Multiusos da Casa do Concello | Viveiro

Público adulto

“Contos do que non hai” | María da Pontragha (Galicia) | En galego

“Nas corripas da memoria” | Lois Pérez (Galicia) | En galego

20.30 | Centro Cultural O Vello Cárcere | Lugo

Público adulto

Venres 22 de marzo

“Contos lerias e cousas pequenas” | Vero Rilo (Galicia) | En galego

“Contos para viaxar a Xapón” | Yoshi Hioki (Xapón)

17.30 | Biblioteca Municipal | Lugo

Público infantil e familiar

“De Tin Marín” | Soledad Felloza (Uruguai-Galicia) | En galego

“Contar” | Celso F. Sanmartín (Galicia) | En galego

17.30 | Casa da cultura ‘Poeta Lois Pereiro’ | Monforte de Lemos

Público familiar

“Contos de medo que dan risa” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

“Contos de hai mil anos… ou máis” | Ángeles Goás (Galicia) | En galego

17.30 | Casa Habanera | Guitiriz

Público familiar

“Lavandeiras” | Vero Rilo (Galicia) | En galego

“Contos populares do xapón” | Yoshi Hioki (Xapón) | En castelán

19.30 | Centro Cultural O Vello Cárcere | Lugo

Público adulto

“O comezo do mundo” | Soledad Felloza (Uruguai-Galicia) | En galego

“Contar” | Celso F. Sanmartín (Galicia) | En galego

20.00 | Casa da Cultura ‘Poeta Lois Pereiro’ | Monforte de Lemos

Público adulto

“Contos pouco edificantes” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

“O medo é libre” | Ángeles Goás (Galicia) | En galego

20.00 | Casa Habanera | Guitiriz

Público adulto

Sábado 23 de marzo

“Entre arrolos e contiños” | Bea Campos e Manuel Pombal (Galicia) | En galego

11.30 I MIHL – Museo Interactivo de la Historia de Lugo | Lugo

Nenos de 6 meses a 3 anos

Presentación do libro DÉIXAME A LÚA ACESA, de Anxo Boán Rodríguez

O vindeiro venres 22 de marzo, a partir das 20:30 horas no Centro Recreativo e Cultural de Chantada, terá lugar a presentación do último libro do poeta chantadés Anxo Boán Rodríguez que leva por título Déixame a lúa acesa.

Anxo Boán Rodríguez, nado en Sandiás (VilaúxeChantada) o 7 de abril de 1961, é un e escritor e avogado galego.

A súa infancia na aldea, no mundo rural, marcará toda a súa obra literaria. Estudou no instituto chantadino Lama das Quendas e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Exerce a avogacía en Chantada.

Colaborou coa revista Xistral e o xornal lugués El Progreso. Comparte habitualmente as súas creacións poéticas nas redes sociais[.

O seu primeiro libro de poemas é As árbores das idades (2004). “As Árbores das Idades” é o primeiro poemario publicado polo autor e debe o título a un dos poemas dedicados a todos aqueles que emigraron a ultramar a mediados do século pasado e que xa non retornaron ou cando o fixeron todo era diferente. En cada unha das árbores que bebían na beira do rigueiro era unha etapa na vida que se ía esfumando no emigrante protagonista do poema

Continuou con Poemas para unha alma ferida (2016), con Limiar de Xosé Lois García Fernández: “Poemas para unha alma ferida” conta con limiar e comentarios do prestixioso poeta e historiador Xosé Lois García, e o eixe fundamental da obra contén un heptapoemario de laio e doer de Marian que acaba de perder ao seu fillo traxicamente. Son poemas de musicalidade redactados de maneira sinxela e concisa que levan mensaxes e esperanza a Marian e a todos aqueles que soportan a pesada carga da traxedia e da ausencia

En 2017 publicou Corenta sonetos de amor e conforto, con Epílogo de Xulio López Valcárcel. Non abonda ao poeta coller un papel, e escribir frases ben compasadas, sexan frases libres ou ben rimadas, cando a musa non quere estar con el.

“Ser poeta é ser a pedra e o cicel,

un escultor das musas inspiradas,

un trobador para almas apaixoadas,

e un azoute para o corazón cruel”

Estamos ante un poemario que é un soporte de fidelidade á nosa lingua, de dignidade ao noso país e de aprendizaxe nos bos desexos e vontades dun amor lúcido e transparente. A persoalísima riqueza de obedecer aos desexos do amor soñado, desexado ou conquistado, maniféstase neste libro dunha maneira moi contundente (Xosé Lois García.

En 2018 publicou o poemario Déixame a lúa acesa. Segundo a editora: “O lector axiña identificará a musa do poeta coa súa propia namorada ou namorado, pretendida ou pretendido”. Xosé M. Eyré sinala no limiar: “Entréganos así un poemario de expresividade limpa, clásica nos días que corren, que recupera a métrica e a rima e, sobre todo, o fulgor do sentimento como motor da vida”.

Tamén escribiu narrativa, As cousas do Fuco (2016), con limiar de Pablo Rubén Eyré: O autor retrátanos a vida dun neno que tiña que axudar nos traballos agrícolas dos seus pais como realidade social no mundo rural da Galicia profunda a finais dos anos 1970. O neno protagonista deste relato, chamado Fuco, escribe nun caderno íntimo e persoal as súas vivencias narradas en primeira persoa. Faino coas expresións populares propias do xeito de falar do rural da vila chantadina, onde naceu o autor, quen, á súa vez, ao longo deste relato, mantén conversas co neno protagonista da obra, que acaba entregándolle o caderno escrito de forma tan natural como sinxela

Para Xosé Lois García: Por tanto, Sandiás é o epicentro dunha cultura nutrida entre a ribeira e as valgadas altas de Vilauxe. Un espazo transversal e poliédrico que transmite as esencias mais puras para que unha sensibilidade tan adherida a seu medio manifeste neste libro oito capítulos ou secuencias sobre as andanzas de Fuco, que non deixa de ser unha autobiografía -supoño- como acontece neste tipo de literatura infantil que, na maioría dos casos non deixa de ser allea aos adultos.

Segundo Alfredo Pardo: Anxo Boán puntualiza unha narrativa tendencialmente realista, contribuíndo notablemente e de forma crítica sobre a marxinación de certas palabras, usos e costumes lingüísticas.

Publicacións

Poesía

  • As árbores das idades (2004).
  • Poemas para unha alma ferida (2016). Corona del Sur.
  • Corenta sonetos de amor e conforto (2017). Ed. Círculo Rojo.
  • Déixame a lúa acesa (2018). Ed. Círculo Rojo. 90 páxs. Ilustracións de Miranda García Fonseca.

Narrativa

  • As cousas do Fuco (2016). Letras de Autor.

Premios

  • En 1976 foi premiado no Certame literario convocado pola asociación cultural Lumieira de Chantada pola obra de teatro Traxicomedia de Luís e Margarita
  • En 1976 foi premiado no Certame convocado polo Círculo Recreativo e Cultural de Chantada pola obra de teatro Nadal Tráxico
  • En 1980 foi premiado polo INMB de Chantada polo poema Camiñando de noite
  • En 2001 gañou o premio Xohán de Requeixo
  • En 2011 gaña o premio de xornalismo “Moncho do Pío” por un artigo no Xornal El Progreso sobre a muller traballadora na Ribeira Sacra chantadina

Na seguinte imaxe pódese observar con total detalle o programa de dito evento literario.