Cando se quere que rachen os muros de calquera convencionalismo artístico por medio do son e a palabra, xorde CRACK. Retorcer o poema até extraer a cada verso todo o zume da emoción, co adobío indisoluble da linguaxe musical. Provocar un estourido emocional no proceso comunicativo dos sentimentos. CRACK busca a rebelión na cerna das conciencias, para que non adormezan no solpor perversamente decretado.
Marcos Maoxu
Licenciado en Xeografía e Historia pola especialidade de Musicoloxía na Universidade de Oviedo, cursa até oitavo de piano e cuarto de violín no Conservatorio Profesional de Música de Oviedo. Formación esta que completa con distintos cursos de música medieval e obradoiros de jazz.
Durante os anos 80 é premiado varios recitais e tamén participa en distintas corais, con todo será nos 90 cando comece a súa andaina en distintos grupos de folk e rock como multiinstrumentista: The Trankis (guitarra y voz), Mal de Gueyu (violín), grupo co que registrará un LP compartido(Sáca -yos la LLingua) e Balandrán (violín) co que gravará o seu segundo álbum.
Dende mediados dos 90 e até a actualidade participa compoñendo para diversos proxectos compartidos xunta ao poeta Hermes González (Mitututyo, 1995), coa pintora Carmen Cabaneiro (Códigos, 2002) ou co colectivo multidisciplinar (Movemento, 2004).
No ano 1994 recibe o primeiro premio en composición de música tradicional do Principado de Asturias na compaña de Ramon Moran e Tina Cuadriello. Será durante este ano e o seguinte que realice traballos de Etnomusicoloxía para Andecha Folklor d´Uvieu. Ademais nestes dous anos porase ao fronte do programa de radio “Música Banana” das Radios Libres da Rioja.
Tamén leva a cabo a composición da música e efectos sonoros de obras de teatro en Logroño e Galicia (El niño que quiso ser rey, La Casa de Bernarda Alba, Annus Horribilis, …). Foi director do coro do Llar Solidariu entre os anos 2004 e 2006.
Dende o ano 2005 forma parte do grupo do cantautor asturiano Rafa Lorenzo (teclados e violín) co que ten gravados tres discos: Primos Hermanos (2007) e Voy pa la braña (2010) e A Hierro Y Fuego (2013)
No 2008 participa na banda de Reggae Experimental “Merry Melodiers”
Xunta a Lucinio Medel e J.L.Carrasco crea oEspectáculo “Pasen e Vexan”sobre as orixes do cine con musica en directo
Teclista dos Moondogs Blues Party a partir de mediados do ano 2010 até 2016 cos que gravou os discos Thirty Roads y Trough the darkness of the forest.
Desde o 2016 forma parte de” Magical Colors” banda de Rock Psicodélico.
No 2017 iniciou un proxecto poético-musical ao carón do escritor vilalbés, producindo dita colaboración un disco de poemas musicados, que leva por título CRACK.
Martiño Maseda
Puxéronme de nome Martiño, se cadra relacionado coa etapa temporal na que nacín, finais de novembro de 1970. Recibín os primeiros grolos de existencia no manancial da Chaira; concretamente na parroquia vilalbesa de Xoibán, onde aprendín a amar esta Matria mamando na foula da terra a enxebreza inmaterial da lingua que me constitúe e que me define.
Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, unha anomalía coma outra calquera e por causa da cal me flaxelo a diario escribindo en galego. Aínda que o realmente esencial é a perpetua necesidade de sentirme escritor e poeta.
Colaboro, ás veces, con artigos de opinión no suplemento A Chaira de El Progreso, en Sermos Galiza ou no portal Galicia Dixital. E afirmo ás veces, porque a aplicación do concepto “de balde” agregado ao eido da cultura xa resulta obscena.
Tamén me dá por facer de Dinamizador Cultural (que nunca deixe de medrar o ser famento de cultura), Activista Político (hai moito lixo que varrer), e, dende finais, do pasado ano, Administrador da weblog Culturalia GZ na que busco que un espazo da Cultura Plural para o Suxeito Colectivo.
Participo habitualmente en recitais poéticos, ou noutros que fomenten a promoción da cultura en todos os ámbitos (publicacións en revistas literarias, xurado de premios literarios, etc.).
Levo máis de dúas décadas adicando fragmentos de tempo existencial ao pracer da escrita, o que concedeu o privilexio de verme gañador de distintos certames literarios nos campos da poesía e da narrativa na Galiza ou fóra dela.
Privilexio completado polo nacemento de varios fillos literarios, con nomes tan variados coma os seguintes: os relatos Todo por unha teima e O mercenario, e os libros de poemas Diario dun ser perdido, Nos labirintos da alma, Entre as paredes do silencio, Fotogramas da desfeita e Xeografía da desolación.
Aínda que fican pendentes de publicación outros, cando menos física, dado que oralmente xa aproveito eu a continxencia propicia para concederlles a liberdade comunicativa que precisan. Nese limbo preeditorial latexan os poemarios A linguaxe das palabras rotas e Ti, (Des)Amor, ademias do relato Omnisciencia.
De xeito recente, nunha combinación de palabra e música, decidín xunto a Marcos Maoxu gravar un disco chamado CRACK, onde van musicados varios poemas extraídos dos meus libros.