O alacantino Pablo Albo imparte un obradoiro de narración oral en Santiago

O alacantino Pablo Albo imparte un obradoiro de narración oral en Santiago (Véxase enlace ao programa)

·       O obradoiro será este sábado, 23 de marzo, a partir das 10:30 da mañá, cunha duración de 8 horas

·       A actividade está dirixida a persoas con algo de experiencia no mundo da narración oral

·       A inscrición ten un custo de 50 euros e debe formalizarse a través do correo festivalatlantica@gmail.com

No marco do Festival Atlántica, o alacantino Pablo Albo vai impartir o obradoiro de narración oral ‘Na procura do silencio’, este sábado, 23 de marzo, en Santiago de Compostela. A actividade comezará ás 10:30 da mañá e terá unha duración de 8 horas cunha pausa para comer. Os interesados en participar deben ter certa experiencia no mundo da narración oral. O custo é de 50 euros e a inscrición ha de formalizarse no correo festivalatlantica@gmail.com.

Trátase dunha oportunidade única para afondar no eido dos contos da man dun dos artistas nacionais máis reputados. No obradoiro ‘Na procura do silencio’ pártese da premisa de que o alumno leva certo tempo contando e coñece o valor das palabras. O que Albo propón nesta actividade e intentar descubrir a importancia do silencio porque “contamos ás veces con tanto barullo por dentro”. O alacantino Pablo Albo (www.pabloalbo.com), que nesta semana está a actuar en Lugo dentro do programa do Festival Atlántica, é un habitual dos encontros de narración oral. Iniciouse no mundo dos contos en 1994 e desde aquela xa percorreu contando historias case toda a xeografía nacional e boa parte do estranxeiro. Na súa faceta de escritor ten publicados trinta e seis libros infantís e participou en cinco libros de contos para adultos. Entre os seus premios figuran o Lazarillo nas modalidades de creación literaria (2008) e de álbum ilustrado (2013), o Ciudad de Alicante (2003), o Villa dÍbi (2008) e o Leer es vivir (2009). Ademais, tres das súas obras apareceron no The White Ravens, a lista dos 250 mellores libros do mundo que realiza cada ano a Internationale Jugendbibliothek (Biblioteca Internacional da Mocidade) con sede en Munich.

Espectáculo “Canta miña pedra, canta”, de Xoan Curiel e Charo Pita, no Auditorio Municipal de Vilalba

Este domingo 24 para os nenos no auditorio Carmen Estévez:

Canta miña pedra, canta, un espectáculo familiar dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos que levarán adiante o músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita, baixo xestión da Editorial Galaxia.

Tras o seu éxito con Estamos no verán!!! e con A casa do terror, Xoán Curiel volve ao FalaRedes acompañado desta volta da narradora e contadora Charo Pita. A actividade xira arredor dos relatos populares galegos e mais de cancións que don Antonio Fraguas, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, recolleu nas súas Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade.

Co obxectivo de que o público que ve o espectáculo poida seguir afondando na lectura en galego e no coñecemento do noso patrimonio lingüístico e literario, cada familia asistente recibirá antes de marchar unha pequena antoloxía de narracións tradicionais de Galicia escolmadas por Quique Harquindey e Maruxa Barrio titulada O fillo do rei e outros contos populares.

Espectáculo que pertence ao programa FalaRedes 2019 da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e en virtude da adhesión do Concello de Vilalba a Rede de Dinamización Lingüística de Galicia.

Día: Domingo 24 de marzo

Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Hora: 18:00h

Idade: 6 a 12 anos. Público familiar.

Entrada de balde.