O Festival Atlántica celebra a súa sétima edición

O Festival Atlántica (véxase arquivo ao programa) comeza a súa sétima edición con máis actuacións e sedes ca nunca

·       A canaria Laura Escuela ofrecerá unha función de ‘Animaladas’ na Aula de Pediatría do CHUS

·       Pep Bruno deleitará a nenos e maiores con ‘Na miña mochila traio contos’ na librería Follas Novas

·       Vero Rilo e Paula Romero pecharán a xornada con ‘Por unha peseta’ na Borriquita de Belem

O Festival Atlántica comeza este martes, 12 de marzo, a súa sétima edición, que se vai desenvolver ata o vindeiro día 23 en 16 concellos de toda Galicia: Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén, A Fonsagrada, Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Coruña, Ourense, Vigo, Rianxo, Brión e Cuntis. Están programadas máis de 90 funcións dirixidas a todos os públicos e nas que participarán unha trintena de artistas internacionais e nacionais.

Como salienta a súa directora, Soledad Felloza, trátase do “encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica” e de Galicia, “un referente do mundo da lusofonía”. Seguindo a liña doutras edicións, Atlántica recunca con espectáculos para todos os públicos e en espazos diversos. Volverán as contadas en lingua de signos, para bebés e para os maiores, e tamén os paseos con contos. As historias tomarán os teatros, as bibliotecas, os centros cívicos, os bares, as rúas, os parques e mesmo os cemiterios. O festival vai estrear novos formatos, como os contos de orella a orella nas rúas, as contadas cos cans nos parques e tamén haberá tapas atlánticas nos bares e tabernas.

Un triplete para comenzar

A primeira función de Atlántica 2019 vai ser, a partir das 18 horas, na Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago. A narradora tinerfeña Laura Escuela levará ata alí as súas ‘Animaladas’, unha sesión de historias tradicionais e álbums ilustrados cos animais como protagonistas que estará acompañada por instrumentos musicais.

Á mesma hora na librería Follas Novas estará o contador Pep Bruno de Guadalaxara. O artista brindará unha sesión do seu espectáculo ‘Na miña mochila traio contos’, dirixido ao público familiar con entrada gratuíta ata completar aforo. Unha invitación a descubrir todas as historias que Bruno vai colleitando nas súas viaxes polo mundo e que constitúen unha auténtica festa da palabra dita.

A primeira xornada do Festival Atlántica rematará cunha función de ‘Por unha peseta’ da compañía galega Apatacón no local Borriquita de Belem (21 h, 6 euros, venda no local). Neste espectáculo conxunto de Vero Rilo e Paula Romero converxen voz narrada e cantada “para atopar canto vale unha peseta”. Historias de vida próximas e afastadas que se xuntan nunha peza para achegar a partes iguais o humor, a sensibilidade e a tenrura propias da nosa xente. ‘Por unha peseta’ é unha volta aos tempos dos nosos devanceiros, pero desde un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións, historias e retranca.

Os artistas

Bebecuentos de Primavera. Isabel Bolívar y Laura Escuela. Espacio Cultural de CajaCanarias © Aarón S. Ramos/CajaCanarias

Laura Escuela (Tenerife) é mestra en Educación Infantil, licenciada en Psicopedagoxía e conta, a maiores, cun Mestrado en Promoción e Animación Lectoras. Traballa desde hai máis de dez anos arredor do mundo da literatura infantil, a música e a discapacidade. Dedícase á narración oral desde o 2008 e cómpre salientar que nos últimos anos ten levado a cabo proxectos pioneiros de sesións de bebecontos en bibliotecas de Canarias.

Pep Bruno, barcelonés afincado en Guadalaxara, é licenciado en Filoloxía Hispánica, Teoría da Literatura Comparada e diplomado en Traballo Social. Comezou a contar contos en 1994 e desde aquela xa percorreu numerosos festivais de todo o mundo compartindo historias para nenos e adultos. Compaxina a súa actividade como narrador coa súa faceta de blogueiro e coa impartición de cursos, conferencias e obradoiros literarios e de creación. Tamén organiza actividades de animación á lectura, escribe artigos de reflexión en revistas especializadas e colabora decote cos medios de comunicación. No ano 2010, coa obra ‘La familia C’, ganou o III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado outorgado pola Editorial Kalandraka en colaboración co Concello de Santiago. Os seus libros están traducidos a máis de dez linguas.

Vero Rilo é contadora e educadora. No ano 2013 decidio mergullarse no eido da narración e formou a compañía Daboapipa e, máis tarde, o dúo Rilo&Penadique a carón de Sonsoles Penadique. É unha participante habitual dos encontros narrativos galegos e tamén das programacións das redes AGADIC, Cultura no Camiño, Programa Apego, Deputación de Lugo, Deputación da Coruña, etc. É unha das transmisoras de emocións máis importantes do momento, unha narradora cunha forza, técnica e expresividade que a fan única e inesquecible.Paula Romero é unha cantora galega que medrou arredor da música tradicional. Petou forte na pandeireta desde nena e foi máis adiante cando estudou canto moderno. Na actualidade está a traballar nos proxectos De Vacas, A Gramola Gominola e Coro Encaixe.

AELG – Parlamento de Escritoras/es en Pontevedra

A AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, celebra outro Parlamento de Escritoras-es que terá lugar o 15 e 16 de marzo de 2019 en Pontevedra, baixo o lema Identidade e dereitos civís desde a escrita.

Con esta actividade preténdese reflexionar, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos.

Este é o programa previsto que foi presentado este 11 marzo en rolda de prensa:

Venres 15 de marzo no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira).

Tarde

  • 16:30 Mesa redonda. Liberdades civís e dereitos nacionais. Moderador: Cesáreo Sánchez Iglesias.
    • Relatoras-es: Carme Adán, Laura Mintegi (Euskadi) e Clàudia Pujol (Òmnium Cultural, Catalunya).
  • 18:30 Mesa redonda. Violencia institucional, violencia estrutural na sociedadeModeradora: Mercedes Queixas.
    • Relatoras-es: Joan Elies Adell Pitarch (director da Institució de les Lletres Catalanes), Ana Luísa Amaral (Portugal) e Suso de Toro.

Sábado 16 de marzo

Mañá

Pazo da Cultura de Pontevedra. Seminarios 2 e 3.

  • Grupo de traballo (temas escollidos abaixo).
  • 10:30 a 12:00. 2 grupos simultáneos, con posibilidade de acceso a socias-os da AELG até cubrir o aforo das aulas.
  • 12:30 a 14:00. 2 grupos simultáneos con posibilidade de acceso a socias-os da AELG até cubrir o aforo das aulas.

Grupos de traballo:

De 10:30 a 12:00 h.

  • Feminismos. Identidades. Coordinadora: Marta Dacosta. Relatoras-es: Daniel Asorey, María Reimóndez e Antía Yáñez.
  • Desposesión da terra e da identidade. As migracións de hoxe. A emigración galega no século XXI. Coordinador: Xoán Carlos Domínguez Alberte. Relatoras-es: Ana Acuña, Vicente Araguas e Afonso Becerra. Inclúense comunicacións escritas de varias persoas residentes fóra de Galiza, para completar a perspectiva deste grupo de traballo.

 De 12:30 a 14:00 h.

  • Lingua e patrimonio cultural. Papel do/a creador/a na sociedade actual e exercicio de dereitos nacionais. Coordinador: Antonio Reigosa. Relatoras-es: Pilar García Negro, David Otero e Diana Varela Puñal.
  • Cultura, medios de comunicación e poderes. A literatura e a creación/expresión literaria como ferramenta construtora dunha sociedade libre. Coordinadora: Rosalía Fernández Rial. Relatoras-es: Manuel Bragado, Camilo Franco e Ana Romaní.

Tarde

Teatro Principal (Rúa Paio Gómez Chariño, 6)

  • De 17:00 h. a 19:00 h. Lectura e debate das achegas das mesas anteriores. Cesáreo Sánchez, Mercedes Queixas, e as/oscoordinadoras/es das mesas de traballo da mañá.
  • 19:30 h. Acto literario e musical de peche. Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Antía Otero, Eli Ríos, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Rafa Vilar. Conducen: Aldaolado.

Animámosvos encarecidamente a participardes neste Parlamento de Escritoras-es, dada a situación de especial gravidade na que se atopa a nosa realidade cultural e social.

*Información facilitada pola Secretaría Técnica da AELG.

Presentacións do libro A GOTIÑA VIAXEIRA, de Toño Núñez

O escritor TOÑO NÚÑEZ levará a cabo esta semana próxima dúas presentacións do seu último libro, A GOTIÑA VIAXEIRA, un conto publicado por Edicións Fervenza e que ilustrado por Miguel Anxo Macía.

A primeira desas presentacións terá lugar en Santiago de Compostela, na Biblioteca Afundación o xoves 14 de marzo ás 19:30 horas. Nela participarán, ademais do propio Toño Núñez, o profesor, escritor e crítico literario Armando Requeixo e o director xeral de Políticas Culturais Anxo Lorenzo.

A outra presentación de dito conto vaise realizar en Monterroso, no edificio da Cúpula o sábado 16 de marzo a partir das 11:30 horas, durante a celebración da IV Feira do Disco e do Libro Galego.