Con motivo da conmemoración do Día da Poesía 2019, o Concello de Vilalba, concretamente as Concellarías de Cultura e Educación, e coa colaboración de Culturalia GZ, organiza un recital poético o vindeiro 21 de marzo na Casa da Cultura de Vilalba, a partir das 20 horas.

A comunidade educativa e a cidadanía, en xeral, están convidadas a celebrar o Día da Poesía na edición de 2019 recitando un poema de calquera autor/-a ou da súa propia autoría (de temática libre). Para iso deberán inscribirse cubrindo unhas fichas que xa foron remitidas aos centros educativos ou dispoñibles na mesma Casa da Cultura de Vilalba para quen estea interesado/-a en participar.

Ademais contarase coa actuación especial do Grupo Poético-Musical CORREDORES DE SOMBRA (formado por Pilar Maseda, Carmen Mato, Baruk Domínguez e Rosana Domínguez) que intervirá en distintos momentos ao longo do recital.

Todas persoas asistentes, tanto recitadores/-as coma público ouvinte e espectador, recibirán un agasallo elaborado para a ocasión polos usuarios do Centro Ocupacional Vilalba-Terra Chá.