CONCERTO DE PALOMA SUANZES NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Após ter que o suspender o pasado mes de febreiro por mor dunha gripe, PALOMA SUANZES ofrecerá un concerto, na Casa-Museo Manuel María, so o título “Verbas de Auga”.

Este sábado, día 30, ás 20 hrs, o auditorio da Casa-Museo Manuel María acollerá un concerto musical de Paloma Suanzes baixo o título “Verbas de Auga”. 

Paloma, residente en Lugo, estivo centrada desde o 2008 na súa formación como directora de coro, cantante lírica e mestra de música e en compor e escribir composicións. É unha das grandes voces da nosa música e ten unha longa traxectoria musical iniciada en 1995. Cun traballo musical, “Feitizo”, e a súa participación directa noutros, como “Catro mulleres, catro estilos, catro voces”, xunto a María Manuela, Julie Guravich e Claudia Campos, Paloma Suanzes compartiu escenario no espectáculo “Son Delas”, con Uxía Senlle, María Manuela, Sonia Lebedynski, Mercedes Peón, Guadi Galego, Susana Seivane, Ugia Pedreira e Rosa Cedrón. Tamén, xunto a Miguel Mosquera, creou o dúo musical “Alba Nocturna”.

Na actualidade, Paloma Suanzes está a preparar a gravación de novos temas que formarán parte dun novo proxecto musical persoal.

A entrada para asistir a este concerto é libre até encher o aforo. As persoas interesadas poden reservar a súa entrada en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información facilitada desde a Casa-Museo Manuel María.

O Festival Atlántica pecha a súa sétima edición batendo récords de sedes, público e duración

O Festival Atlántica pecha a súa sétima edición batendo récords de sedes, público e duración (Enlace ao balance)

·       8080 espectadores, 12 xornadas, 30 artistas, 90 funcións e 16 concellos son as cifras que confirman o Atlántica como o encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica

·       Nesta edición tamén se apostou por novos espazos e propostas artísticas para todo tipo de públicos

O Festival Atlántica vén de clausurar oficialmente a súa sétima edición o pasado sábado, 23 de marzo, logo de 12 xornadas que se desenvolveron en 16 concellos diferentes. A cifras deste ano converten ao festival no encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica: 8080 espectadores, 30 artistas e 87 funcións.

Como salienta Soledad Felloza, directora do Atlántica, esta edición “é a da consolidación pero tamén a da apertura de novos espazos e propostas e, por tanto, do achegamento de novos públicos”. O festival segue a apostar por funcións para todos, desde bebés ata encontros con maiores e incluíndo pases en lingua de signos; pero non dubida en programar espectáculos con formatos novidosos e en lugares diferentes. Deste xeito, os artistas saíron ao exterior para brindar contadas con cans nos parques e tomaron as rúas para agasallar con historias no ouvido aos transeúntes, por citar algunhas das propostas.

Todo iso sen esquecer os formatos que xa presentou en edicións previas: paseos con contos, espectáculos musicados coa colaboración da Banda Municipal de Santiago, o achegamento aos barrios coas funcións nos centros cívicos, o apoio ás novas voces da narración galega, etc.

Teatros, bibliotecas, bares, centros cívicos, librerías, tabernas, rúas, escolas, parques e mesmo cemiterios foron escenarios para os contos de Atlántica 2019, que este ano chegou por fin ás catro provincias galegas cunha programación especial de catro días en Lugo. Felloza subliña que “a ambiciosa programación desta edición foi posible grazas á colaboración das institucións e o apoio do público” e agradece tamén a “implicación dos locais que colaboraron no encontro e a xenerosidade e entrega dos artistas”. Para rematar, a directora tamén quixo lembrar que nesta edición a cornamusa de honra foi para a agrupación musical Leilía, que está a celebrar os seus trinta anos e foi protagonista da Gala Inaugural.

????????????????????????????????????

Na foto: Vero Rilo e ao fondo, María Uzal como “Marmuradores na Zona Vella de Santiago”

Acto do IESCHA.- Proxección de MATRIA, de Álvaro Gago, no Auditorio Municipal de Vilalba

Adxuntamos cartaz e nota informando da proxección da curtametraxe MATRIA, de ÁLVARO GAGO,  nun acto organizado polo IESCHA coa colaboración do CONCELLO DE VILALBA, e que terá lugar o vindeiro VENRES, DÍA 29 DE MARZO, ÁS 20:30 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL, con entrada de balde. Así mesmo, ao remate desta curtametraxe, proxectarase “RETALLOS CHAIREGOS”, de Benigno Mayán, con personaxes e paisaxes da Terra Chá dos anos 60.

*Información facilitada polo IESCHA.

O alacantino Pablo Albo imparte un obradoiro de narración oral en Santiago

O alacantino Pablo Albo imparte un obradoiro de narración oral en Santiago (Véxase enlace ao programa)

·       O obradoiro será este sábado, 23 de marzo, a partir das 10:30 da mañá, cunha duración de 8 horas

·       A actividade está dirixida a persoas con algo de experiencia no mundo da narración oral

·       A inscrición ten un custo de 50 euros e debe formalizarse a través do correo festivalatlantica@gmail.com

No marco do Festival Atlántica, o alacantino Pablo Albo vai impartir o obradoiro de narración oral ‘Na procura do silencio’, este sábado, 23 de marzo, en Santiago de Compostela. A actividade comezará ás 10:30 da mañá e terá unha duración de 8 horas cunha pausa para comer. Os interesados en participar deben ter certa experiencia no mundo da narración oral. O custo é de 50 euros e a inscrición ha de formalizarse no correo festivalatlantica@gmail.com.

Trátase dunha oportunidade única para afondar no eido dos contos da man dun dos artistas nacionais máis reputados. No obradoiro ‘Na procura do silencio’ pártese da premisa de que o alumno leva certo tempo contando e coñece o valor das palabras. O que Albo propón nesta actividade e intentar descubrir a importancia do silencio porque “contamos ás veces con tanto barullo por dentro”. O alacantino Pablo Albo (www.pabloalbo.com), que nesta semana está a actuar en Lugo dentro do programa do Festival Atlántica, é un habitual dos encontros de narración oral. Iniciouse no mundo dos contos en 1994 e desde aquela xa percorreu contando historias case toda a xeografía nacional e boa parte do estranxeiro. Na súa faceta de escritor ten publicados trinta e seis libros infantís e participou en cinco libros de contos para adultos. Entre os seus premios figuran o Lazarillo nas modalidades de creación literaria (2008) e de álbum ilustrado (2013), o Ciudad de Alicante (2003), o Villa dÍbi (2008) e o Leer es vivir (2009). Ademais, tres das súas obras apareceron no The White Ravens, a lista dos 250 mellores libros do mundo que realiza cada ano a Internationale Jugendbibliothek (Biblioteca Internacional da Mocidade) con sede en Munich.