Após ter que o suspender o pasado mes de febreiro por mor dunha gripe, PALOMA SUANZES ofrecerá un concerto, na Casa-Museo Manuel María, so o título “Verbas de Auga”.

Este sábado, día 30, ás 20 hrs, o auditorio da Casa-Museo Manuel María acollerá un concerto musical de Paloma Suanzes baixo o título “Verbas de Auga”. 

Paloma, residente en Lugo, estivo centrada desde o 2008 na súa formación como directora de coro, cantante lírica e mestra de música e en compor e escribir composicións. É unha das grandes voces da nosa música e ten unha longa traxectoria musical iniciada en 1995. Cun traballo musical, “Feitizo”, e a súa participación directa noutros, como “Catro mulleres, catro estilos, catro voces”, xunto a María Manuela, Julie Guravich e Claudia Campos, Paloma Suanzes compartiu escenario no espectáculo “Son Delas”, con Uxía Senlle, María Manuela, Sonia Lebedynski, Mercedes Peón, Guadi Galego, Susana Seivane, Ugia Pedreira e Rosa Cedrón. Tamén, xunto a Miguel Mosquera, creou o dúo musical “Alba Nocturna”.

Na actualidade, Paloma Suanzes está a preparar a gravación de novos temas que formarán parte dun novo proxecto musical persoal.

A entrada para asistir a este concerto é libre até encher o aforo. As persoas interesadas poden reservar a súa entrada en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información facilitada desde a Casa-Museo Manuel María.