O Festival Atlántica pecha a súa sétima edición batendo récords de sedes, público e duración (Enlace ao balance)
· 8080 espectadores, 12 xornadas, 30 artistas, 90 funcións e 16 concellos son as cifras que confirman o Atlántica como o encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica
· Nesta edición tamén se apostou por novos espazos e propostas artísticas para todo tipo de públicos
O Festival Atlántica vén de clausurar oficialmente a súa sétima edición o pasado sábado, 23 de marzo, logo de 12 xornadas que se desenvolveron en 16 concellos diferentes. A cifras deste ano converten ao festival no encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica: 8080 espectadores, 30 artistas e 87 funcións.
Como salienta Soledad Felloza, directora do Atlántica, esta edición “é a da consolidación pero tamén a da apertura de novos espazos e propostas e, por tanto, do achegamento de novos públicos”. O festival segue a apostar por funcións para todos, desde bebés ata encontros con maiores e incluíndo pases en lingua de signos; pero non dubida en programar espectáculos con formatos novidosos e en lugares diferentes. Deste xeito, os artistas saíron ao exterior para brindar contadas con cans nos parques e tomaron as rúas para agasallar con historias no ouvido aos transeúntes, por citar algunhas das propostas.
Todo iso sen esquecer os formatos que xa presentou en edicións previas: paseos con contos, espectáculos musicados coa colaboración da Banda Municipal de Santiago, o achegamento aos barrios coas funcións nos centros cívicos, o apoio ás novas voces da narración galega, etc.
Teatros, bibliotecas, bares, centros cívicos, librerías, tabernas, rúas, escolas, parques e mesmo cemiterios foron escenarios para os contos de Atlántica 2019, que este ano chegou por fin ás catro provincias galegas cunha programación especial de catro días en Lugo. Felloza subliña que “a ambiciosa programación desta edición foi posible grazas á colaboración das institucións e o apoio do público” e agradece tamén a “implicación dos locais que colaboraron no encontro e a xenerosidade e entrega dos artistas”. Para rematar, a directora tamén quixo lembrar que nesta edición a cornamusa de honra foi para a agrupación musical Leilía, que está a celebrar os seus trinta anos e foi protagonista da Gala Inaugural.
Na foto: Vero Rilo e ao fondo, María Uzal como “Marmuradores na Zona Vella de Santiago”