O alacantino Pablo Albo imparte un obradoiro de narración oral en Santiago (Véxase enlace ao programa)
· O obradoiro será este sábado, 23 de marzo, a partir das 10:30 da mañá, cunha duración de 8 horas
· A actividade está dirixida a persoas con algo de experiencia no mundo da narración oral
· A inscrición ten un custo de 50 euros e debe formalizarse a través do correo festivalatlantica@gmail.com
No marco do Festival Atlántica, o alacantino Pablo Albo vai impartir o obradoiro de narración oral ‘Na procura do silencio’, este sábado, 23 de marzo, en Santiago de Compostela. A actividade comezará ás 10:30 da mañá e terá unha duración de 8 horas cunha pausa para comer. Os interesados en participar deben ter certa experiencia no mundo da narración oral. O custo é de 50 euros e a inscrición ha de formalizarse no correo festivalatlantica@gmail.com.
Trátase dunha oportunidade única para afondar no eido dos contos da man dun dos artistas nacionais máis reputados. No obradoiro ‘Na procura do silencio’ pártese da premisa de que o alumno leva certo tempo contando e coñece o valor das palabras. O que Albo propón nesta actividade e intentar descubrir a importancia do silencio porque “contamos ás veces con tanto barullo por dentro”. O alacantino Pablo Albo (www.pabloalbo.com), que nesta semana está a actuar en Lugo dentro do programa do Festival Atlántica, é un habitual dos encontros de narración oral. Iniciouse no mundo dos contos en 1994 e desde aquela xa percorreu contando historias case toda a xeografía nacional e boa parte do estranxeiro. Na súa faceta de escritor ten publicados trinta e seis libros infantís e participou en cinco libros de contos para adultos. Entre os seus premios figuran o Lazarillo nas modalidades de creación literaria (2008) e de álbum ilustrado (2013), o Ciudad de Alicante (2003), o Villa dÍbi (2008) e o Leer es vivir (2009). Ademais, tres das súas obras apareceron no The White Ravens, a lista dos 250 mellores libros do mundo que realiza cada ano a Internationale Jugendbibliothek (Biblioteca Internacional da Mocidade) con sede en Munich.