Este mércores, 29 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina
Paula Quintas presentará o “work in progress” Desde o corsé a danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade
Xa o xoves 30, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, terá lugar a lectura dramatizada de Mal Ollo, a cargo da Aula de Teatro de Carballo, tamén con entrada de balde
O Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público en 2024 co seu celebrado Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes Artístics
O sábado 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despedirase das táboas cunha festa a ritmo de cabaré para os voluntarios e os socios de Telón e Aparte, da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura
Esta semana, o FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, bota o pano da súa 34ª edición. Así, mañá mércores, 29 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina Paula Quintas presentará o “work in progress” Desde o corsé a danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade.
Paula Quintas é un bailarina, creadora, coreógrafa e directora artística galega de referencia e cunha linguaxe persoal que explora a danza contemporánea, a verticalidade e a relación do corpo co espazo, sempre na procura de novos modos de comunicar e de compartir co público. No #FIOT33 estreamos o seu espectáculo Multiperspectivas#3. Agora, a creadora regresa ao OTNI cunha unha conferencia en movemento que propón un percorrido vivo e poético pola historia da danza e do circo, entre a disciplina do corpo e a súa liberdade aérea.
Xa o xoves, 30 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, tamén con entrada de balde, terá lugar a lectura dramatizada de Mal Ollo. Comedia de ambente mariñeiro. Con motivo do 120 aniversario do nacemento do dramaturgo carballés Cándido Alfonso González Tiradas (Carballo, 1905 – Bos Aires, 1966), a Aula de Teatro de Carballo presenta esta divertida peza que mestura o humor popular co mundo máxico galego.
O carballés foi un dramaturgo e activista cultural que desenvolveu en Arxentina un importante labor a prol da emigración galega. A obra, premiada no Certame Castelao e publicada en Bos Aires en 1954, está considerada un folk-drama no que conviven música, tradición e simbolismo. Os diálogos vivos, o ambiente mariñeiro e a presenza do mítico fan desta peza unha mostra singular do noso teatro. Con esta lectura dramatizada, a Aula de Teatro recupera para o público unha obra esencial da memoria cultural galega.
Pola súa banda, o Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público en 2024 co seu celebrado Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes Artístics. Vulcano é a historia dunha familia que tenta salvarse dun trauma pasado: o incendio do seu edificio, un suceso con consecuencias tráxicas, que deixa pegadas profundas nos que sobreviviron. A chegada dunha reporteira e o intento de reconstruír o que sucedeu alteran o concepto da verdade e poñen en dúbida a versión orixinal dos feitos.
Cun moito humor e cun formato de thriller e investigación criminal ponse de manifesto como manipulamos a memoria á hora de construír os nosos relatos e de como os precisamos para comprender ou curar, para dar sentido ao que somos. Unhas excelentes interpretacións e unha imaxinativa posta en escena con gran protagonismo da cámara en directo fan da obra un xogo escénico que investiga os cruces entre realidade e ficción e que mestura drama social, tensión e misterio con comedia.
Vulcano é o resultado do encontro entre as miradas de dúas puxantes figuras da escena contemporánea española, a dramaturga Victoria Szpunberg –Premio Nacional de Literatura Dramática 2025– e a directora Andrea Jiménez, que, na procura dun teatro vivo, realizaron un proxecto de creación colectiva que contou coa coprodución do Centro Dramático Nacional.
Finalmente, o sábado 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despedirase das táboas cunha festa a ritmo de cabaré para os voluntarios e os socios de Telón e Aparte, da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura, con convite.
SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO
Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresou ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegou a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.
Así, o FIOT de Carballo encheu ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.
Nesta 34ª edición, o FIOT volveu converterse no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación.
No FIOT houbo Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.
Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltaron producións con selo galego que forman parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.
Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas estiveron orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, houbo espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes e, en definitiva, o descubrimento.
“Raíz viva, memoria colectiva” foi o leitmotiv dunha edición que buscou poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Tratóuse dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo.
Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
Este pasado domingo, durante a celebración do V Magosto Cal Da Loba, comunicouse a resolución da quinta edición do Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, convocado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Caldaloba.es e Culturalia GZ. O xurado de dito certame, integrado por Lola Domínguez, Xesa Roca e Noa Pena, despois de valorar case medio cento de obras presentadas, tomou a seguinte decisión:
Primeiro premio á obra Constanza no espello, cuxa autoría corresponde a Nanda Misa, de Nigrán.
Segundo premio para o caligrama 11 pulsos contra o esquecemento, da coruñesa Alba Rodríguez.
A entrega de galardóns celebrarase na Biblioteca Rural San Martiño de Pino no mes de febreiro de 2026, coincidindo cos actos arredor do Día de Rosalía.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe documental FILMEI PAXAROS VOANDO, dirixida por Zeltia Outeiriño, continuando así co CICLO MESTRE MATEO-2025 que durante estes meses brídanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta NOVENA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 30 de outubro de 2025, ás 20:30 horas.
A entrada será de balde pero haberá que facer reserva de localidade na web www.entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura de Vilalba.
NON CHO PODO DAR, TEMA CONXUNTO COA SÚA COMPAÑEIRA DE EDICIÓN EN OT 2018, SAE CUN VIDEOCLIP GRAVADO EN CERVO CON REFERENCIAS Á MARUXAINA
Sabela publica o seu tan esperado EP, Bríllanche os olliños. Nel, a cantante aposta por poñer en valor o mundo e a vida rural, dende o máis cotiá ao popular. As lendas, os oficios, figuras como Maruja Mallo, os animais ou mesmo o desexo son temas nos que a artista afonda neste traballo discográfico. Seis temas que transitan o pop electrónico dende vertentes máis eufóricas ata outras máis ambient, pasando por tons máis eclécticos ou intimistas. Aos xa publicados Hi, my love, Eu espero aquí, Camponarai, Cerca de ti e A quen ignora, únese Non cho podo dar, focus track do EP que sae en colaboración coa súa compañeira de edición en Operación Triunfo, María Escarmiento.
A canción destacada de Bríllanche os olliños é o tema Non cho podo dar, que ve a luz en colaboración cunha compañeira de edición do programa televisivo Operación Triunfo, María Escarmiento. Esta unión entre dúas amigas deu como resultado un tema de pop con sons máis ambientais e retrousos instrumentais, pero cun ton moito máis directo.
Nel, Sabela e María xogan coa idea de amar fóra do socialmente establecido, reivindicando que sentir nunca é un erro, por moito que desafíe as normas impostas. O tema nace desa capacidade inmensa de amar máis alá do permitido, de amar sen culpa; desa honestidade que leva a cuestionarse se o problema está en quen sente ou en quen impón os límites.Ao longo do tema extráense referencias aos mitos das sereas: mulleres libres, temidas e xulgadas por ser diferentes. En conexión con isto, o videoclip que o acompaña, gravado en Cervo, recolle a esencia dunha das grandes lendas da Mariña lucense, a Maruxaina, símbolo desa liberdade rebelde e indómita.
A PORTADA E A PRODUCIÓN
Este novo traballo discográfico da de Ourol tenta reivindicar o local como o concepto do que nace todo. Bríllanche os olliños é esa referencia galega á reacción tan xenuína como pura das cousas que te ilusionan, que che sentan ben. Dende este punto, Sabela constitúe un contexto no que converxen as distintas facetas da súa vida no rural. A portada do EP non deixa de ser outra defensa de que non é preciso marchar do rural para atopar o talento, xa que está confeccionada polo ilustrador e tatuador Pérez, natural de Viveiro. Nela podemos atopar referencias claras tanto ao título do disco, co ollo e o brillo que sae del, como a temas incluídos dentro do mesmo, como pode ser Non cho podo dar e esa referencia ás sereas.
O EP está confeccionado dende o rural pero cun son internacional, onde a faceta experimental de Sabela fixo que tomara a iniciativa de producir os seus temas baixo este prisma. Unha proposta ambiciosa que destaca as distintas versións que pode ofrecer a artista galega, dende o proceso de composición da letra ata o proceso de produción do tema. Este traballo recoñece a versatilidade da de Ourol e eleva o teito do seu pop electrónico a niveis de execución.
Este EP conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra,SonRías Baixas,Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, Sabela presenta o seu novo EP, Bríllanche os olliños, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e Camponarai, Cerca de ti, A quen ignora e Non cho podo dar, en colaboración con María Escarmiento, son os temas que o compoñen.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Bríllanche os olliños, último traballo discográfico de Sabela, vén de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.
Este xoves, 23 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, o actor e bailarín galego Bal Castro presentará o work in progress do seu proxecto Instinto Desexo,no marco das Residencias Paraíso 2025 do Colectivo RPM
Tamén o xoves 23, de 16.00 a 20.00 horas, a Deputación da Coruña organiza no marco do #FIOT34 as xornadas ‘Cultura para todas: acceso e inclusión nas actividades culturais’, con inscricións de balde a través de https://fiot.gal/programa/cultura-para-todas/
O Programa de Sala do FIOT achegará ao público a estrea en Galicia da nova aventura escénica de Contraproducións: Yo solo quiero irme a Francia, protagonizada por María Galiana, Alicia Armenteros, Nieves de Medina e Anna Mayo, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura o sábado 25, ás 20.00h
Antes da función, o elenco e a produtora de ‘Yo solo quiero irme a Francia’ participará nun Café con… aberto a todos os públicos, no Salón da TV do Pazo da Cultura, o sábado 25, ás 17.45 horas
O OTNI chegará o domingo 26, contra ás 20.00 horas, a golpe do mellor circo contemporáneo con Masa madre, da Cía. CAÍ, unha proposta poética con técnicas aéreas, teatro físico e texto que explora o destino humano
Pola súa banda, o FIOT en Ruta achegará ao Centro Social de Verdillo a obra Absurdia, de The Momento Impro, o domingo 26, contra ás 18.00 horas
O FIOT despedirase da VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2coa representación de dúas novas creacións o sábado 25: Alicia Wants To,de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra, ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30h, na Residencia de Maiores e no Pazo da Cultura, respectivamente
Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz
As últimas entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función
O circo contemporáneo, o clown, as Residencias Paraíso, as micro-escenas e a estrea en Galicia de Yo solo quiero irme a Francia protagonizan unha nova fin de semana no FIOT. Para abrir boca, este xoves, 23 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, o actor e bailarín galego Bal Castro presentará o work in progress do seu proxecto Instinto Desexo, no marco das Residencias Paraíso 2025 do Colectivo RPM. Instinto Desexo é un proxecto de corte autobiográfico no que o creador fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.
Tamén o xoves 23, de 16.00 a 20.00 horas, a Deputación da Coruña organiza no marco do #FIOT34 as xornadas ‘Cultura para todas: acceso e inclusión nas actividades culturais’, con inscricións de balde a través de https://fiot.gal/programa/cultura-para-todas/. Pola súa banda,o Programa de Sala do FIOT achegará ao público a estrea en Galicia da nova aventura escénica de Contraproducións: Yo solo quiero irme a Francia, protagonizada por María Galiana, Alicia Armenteros, Nieves de Medina e Anna Mayo, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura o sábado 25, ás 20.00h. Antes da función, o elenco e a produtora de Yo solo quiero irme a Francia participará nun Café con… aberto a todos os públicos, no Salón da TV do Pazo da Cultura, o mesmo sábado 25, ás 17.45 horas.
Mentres, o OTNI chegará o domingo 26, contra ás 20.00 horas, a golpe do mellor circo contemporáneo con Masa madre, da Cía. CAÍ, unha proposta poética con técnicas aéreas, teatro físico e texto que explora o destino humano. Pola súa banda, o FIOT en Ruta achegará ao Centro Social de Verdillo a obra Absurdia, de The Momento Impro, o domingo 26, contra ás 18.00 horas.
O FIOT despedirase da VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2 coa representación de dúas novas creacións o sábado 25: Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra, ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30h, na Residencia de Maiores e no Pazo da Cultura, respectivamente. Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As últimas entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña en Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.
SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO
Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresará ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.
Así, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.
Nesta 34ª edición, o FIOT volverase converter no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación.
No FIOT haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.
Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.
Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas están orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, haberá espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes… e, en definitiva, unha invitación ao descubrimento.“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Trátase dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo.
Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.