Sabela homenaxea a Maruja Mallo no seu novo sinxelo “A quen ignora”

ESTE ÚLTIMO SINXELO ANTES DO LANZAMENTO DO SEU EP PON EN VALOR A FIGURA DA PINTORA VIVEIRENSE
O LANZAMENTO COINCIDE COA INAUGURACIÓN NO MUSEO REINA SOFÍA DE MADRID DA MAIOR EXPOSICIÓN DA ARTISTA ATA A DATA
Sabela acaba de publicar o último adianto do seu novo traballo discográfico, A quen ignora. Este novo sinxelo vén inspirado na figura de Maruja Mallo, unha das pintoras surrealistas máis importantes da historia do arte a nivel estatal. A de Viveiro é recoñecida pola súa visión tan diferente e vangardista para a época, aproximando un prisma diferente a elementos cotiás. Esta visión tan única é a que trata de replicar Sabela nesta nova canción, cun son moito máis ecléctico dentro do seu xa característico pop electrónico.
No proceso compositivo, Sabela mergullouse na vida e obra da ilustre viveirense para atopar inspiración e, en base ao colleitado, foi construíndo o tema. A quen ignora racha coa estrutura clásica do pop e xoga cos sons para que sexan máis duros. Durante a canción pódese escoitar a voz de Maruja Mallo que, de maneira inspiradora, fala desa cantidade de arte que se crea e que se dilúe co tempo. Con esa frase “40.000 pintores en París, 40.000 que ya no existen”, trae a unha reflexión moi actual sobre a velocidade e cantidade de creación hoxe en día, que axuda a pensar en non perder a perspectiva e valorar o arte que facemos.
A propia Sabela confesa que construír esta canción foi duro pola alta exixencia e o respecto que impoñía inspirarse na figura de Maruja Mallo, feito que foi desaparecendo a medida que foi xogando co tema, como facía a pintora, constituíndo así a mellor homenaxe posible á súa visión do arte. Desta maneira, a artista busca poñer en valor unha figura silenciada e infravalorada ao longo da historia.
A portada do tema é un fungo Penicillium visto dende un microscopio, representando a visión de Maruja de aportar un novo enfoque a cousas cotiás. O que simplemente podería ser o mofo dun limón, adquire unha nova perspectiva e forma no momento no que o miras dende un microscopio.
O lanzamento de A quen ignora coincide coa inauguración da exposición “Maruja Mallo. Máscara y compás”, a maior retrospectiva da obra realizada ata a data, que se poderá visitar ata marzo de 2026 no Museo Reina Sofía de Madrid. A mostra fai un percorrido cronolóxico pola súa traxectoria, reunindo 90 obras entre as que se poden atopar pinturas, debuxos, vídeos e mesmo escritos.
Desta maneira, Sabela segue acrecentando este momento doce arredor da súa música que está a vivir. Tras a gran acollida dos primeiros adiantos, Hi, My love, Eu espero aquí, Camponarai e Cerca de ti, así como das dúas extensas xiras por salas de España e Galicia, a artista recolleu os froitos do traballo feito en forma de recoñecementos, recibindo o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. A artista encara desta forma este final de ano, no que publicará o seu tan esperado traballo discográfico en forma de EP.
Este tema conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, durante as próximas semanas Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e Camponarai, Cerca de ti e A quen ignora, publicados recentemente, son xa os seus primeiros sinxelos.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. A quen ignora,último sinxelo de Sabela, precede a temas como Hi, My Love, Eu Espero Aquí, Camponarai e Cerca de ti, que veñen de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.
20251009-NP-GAL-LANZAMENTO-A-QUEN-IGNORA-SABELA