50 anos despois, o xesto dos futbolistas Aitor Agirre e Sergio Manzanera no Sardinero sobe ao escenario con BRAZALETES de Amorodio Teatro

UNHA VIAXE DE MEMORIA DEMOCRÁTICA DESDE O FÚTBOL AO ESCENARIO

  • Interpretado por Javier Castiñeira e dirixido por Santiago Cortegoso, con dramaturxia de Ernesto Is, Brazaletes recupera a memoria de futbolistas que converteron o balón nun acto de resistencia.
  • A compañía galega Amorodio Teatro presenta a súa cuarta produción tras Reino da extinciónA nai e Cortello de amor.
  • A peza vivirá unha residencia técnica en Vimianzo do 13 ao 17 de outubro e abrirase ao público cunha preestrea o día 17 coa presenza de Sergio Manzanera.

28 de setembro de 1975, nos Campos de Deporte de El Sardinero, o Racing de Santander enfrontábase ao Elche nunha tarde que semellaba rutineira. Porén, algo alterou o silencio da grada: Aitor Agirre e Sergio Manzanera, dous xogadores locais, portaban discretos cordóns negros nas súas mangas a modo de brazaletes. Foi un xesto sinxelo pero valente, un desafío á ditadura e unha protesta polos derradeiros fusilamentos do franquismo.

Cincuenta anos despois, Amorodio Teatro rescata esa acción simbólica con Brazaletes, unha peza de teatro documento e memoria democrática que converte o fútbol en escenario de resistencia. Neste monólogo, Javier Castiñeira, actor e cofundador da compañía, asume en solitario a tarefa de dar vida a figuras históricas que usaron o balón para defender a liberdade: desde Bebel García, capitán do Deportivo da Coruña fusilado en 1936, até Sócrates, estrela do Corinthians que se enfrontou á ditadura militar brasileira.

O resultado é un monólogo de 70 minutos onde a interpretación de Castiñeira é o eixo central. A súa presenza escénica guía o espectador a través de diferentes épocas e xeografías, cun texto escrito por Ernesto Is e baixo a dirección de Santiago Cortegoso. Máis alá do recordo, a peza cuestiona de maneira directa as políticas machistas, corruptas e violentamente capitalistas que rodean ao chamado “deporte rei”, subliñando que o fútbol, como calquera expresión cultural, tamén pode ser un espazo de disidencia.

“Queremos lembrar que mesmo no terreo de xogo cabe a dignidade e a resistencia. Que o xesto máis pequeno pode converterse en memoria colectiva”, explica Carmen Facorro, produtora e cofundadora de Amorodio Teatro. Pola súa parte, Castiñeira engade: “esta obra é unha homenaxe a quen se atreveu a saírse do guión. O noso deber como artistas é traer esas voces ao presente e poñelas fronte ao público”.

A estrea de Brazaletes chega nun momento clave da traxectoria de Amorodio Teatro, compañía fundada en 2021 por Facorro e Castiñeira. Tras o seu debut con Reino da extinción, a agrupación consolidouse con A nai —galardoada co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade e nomeada a Mellor Texto Orixinal nos Premios María Casares 2024— e explorou novas linguaxes con Cortello de amor. Agora, con esta cuarta produción, regresan ao teatro documento, reafirmando a súa vocación crítica e o seu compromiso coa memoria.

Fiel ao seu compromiso co territorio e coa creación desde Galicia, Amorodio afronta agora con Brazaletes unha residencia técnica en Vimianzo, do 13 ao 17 de outubro, que non será só o espazo de ensaio último, senón tamén un punto de encontro entre a obra e a comunidade. Alí terá lugar a preestrea para público xeral o día 17, que contará coa presenza de Sergio Manzanera, protagonista do xesto que inspira a peza.

Cincuenta anos despois daquel partido en Santander, Brazaletes lembra que a historia se escribe tamén desde os xestos mínimos, os corpos en resistencia e a voz da arte. Como aqueles cordóns negros que desafiaron á ditadura, o teatro de Amorodio reafirma desde Galicia que a memoria segue latexando nos escenarios e que a dignidade nunca debería quedar en fóra de xogo.

Ficha técnica

  • Actor: Javier Castiñeira
  • Dirección: Santiago Cortegoso
  • Dramaturxia: Ernesto Is
  • Iluminación: Violeta Martínez
  • Movemento escénico: Inés Santos
  • Espazo sonoro: VAZONE
  • Vestiario: Carmen Facorro
  • Produción: Carmen Facorro
  • Compañía: Amorodio Teatro

Información práctica

Duración: 70 minutos
Residencia técnica: do 13 ao 17 de outubro en Vimianzo
Preestrea: 17 de outubro, Vimianzo (coa presenza de Sergio Manzanera)

Máis imaxes e vídeos dispoñibles aquí.

Acerca de Amorodio

Amorodio Teatro nace en 2021 da man de Carmen Facorro e Javier Castiñeira, dous artistas que entenden o escenario como un espazo de resistencia e memoria. O seu nome reflicte a contradición entre o amor e o odio cara á propia terra, unha tensión que se converte en motor creativo e compromiso con Galicia. Desde os seus inicios, a compañía apostou por un teatro crítico e documental, sempre en diálogo coas problemáticas sociais e políticas contemporáneas.

A súa traxectoria inclúe títulos como Reino da extinción (2021), debut co que abriron camiño na escena galega; A nai (2023), dirixida por Marián Bañobre e recoñecida co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade e a nomeamento a Mellor Texto Orixinal nos Premios María Casares 2024; e Cortello de amor (2024), unha peza que achegou a comedia e a música a novos públicos. Con Brazaletes (2025), a compañía regresa ao teatro documento, consolidando unha linguaxe escénica propia que combina rigor, emoción e memoria democrática.

www.amorodioteatro.com