Creación sonora e vinilos de cerámica reproducibles: nace o selo musical ANALOGIK DREAMS

O proxecto, impulsado por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura, conxuga experimentación en directo, tecnoloxía analóxica e traballo artesán a través de gravacións nas  que cada obra é única e exclusiva

A iniciativa, que conta coa participación do musicólogo Aleksander Kolkowski e da ceramista Olalla Lojo (Misoco Designs), inicia esta semana o seu proceso de residencia artística no espazo multidisciplinar e tenda de discos Río Lagares 

Clo Plas, Os Lindes e Carme López visitarán Río Lagares desde este xoves 20 para gravar, ao vivo, a súa música sobre discos feitos con cerámica, en tres eventos que serán abertos para o público ata completar a capacidade do lugar

Unha nova proposta de creación sonora e investigación cultural, que une experimentación, tecnoloxía analóxica, música en directo e traballo artesán, ve a luz en Vigo. Nace ANALOGIK DREAMS, un selo musical analóxico promovido por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura, que propón a edición de gravación de pezas musicais en vinilo acompañadas de discos de cerámica reproducibles, unha proposta tan inusual como especial polo seu percorrido interdisciplinario e vital. 

O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais. “É un modelo de selo musical expandido: a produción física, o acceso dixital e a participación social intégranse coa promoción do talento emerxente local”, apunta o artista.

O proceso arranca coa gravación directa en vinilos con bandas emerxentes. “Lonxe de semellar nostálxicas, falamos de prácticas resistentes que se resignifican fronte á homoxeneidade do streaming”, expón Cancelo. Estas gravacións lévanse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar unha peza “única e limitada, tanto a nivel artístico como sonoro, sen favorecer a sobreprodución”. 

En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunha plataforma dixital. “ANALOGIK DREAMS non só estimula a economía circular cultural arredor da música, o deseño ou a cerámica, senón que posiciona a Galicia como referente no eido da innovación artesá e sonora a nivel europeo”, asevera o responsable do proxecto.


Inicio da residencia artística e gravacións ao vivo en Río Lagares

Logo de numerosos meses de traballo e investigación, ANALOGIK DREAMS comeza ser unha realidade co inicio, esta semana, do seu programa de residencias artísticas. Da man do musicólogo Aleks Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro, no que se fará efectiva a gravación sobre o soporte físico.

Precisamente ao longo destes días realizaranse tres gravacións con bandas e solistas do país que estarán abertas ao público, a fin de dar a coñecer desde a proximidade esta proposta e poñer en marcha unha das ideas chave do proxecto, como é favorecer os espazos de escoita colectiva e a xeración de comunidade.

A primeira delas terá lugar este xoves 20, ás 20.00 horas, e chegará da man de Clo Plas, o proxecto artístico de Xiana Arias e Berio Molina que explora a oralidade da montaña de Lugo con música experimental e midi. A seguinte gravación sobre cerámica será a d’Os Lindes (o dúo conformado polo compositor Marco Maril -Apenino- e o cineasta Álex Cancelo) o xoves 27, tamén ás 20.00 horas e, finalmente, o sábado 29 será a quenda da música e investigadora lucense arredor da tradición oral e a experimentación coa gaita,  Carme López.


ANALOGIK DREAMS


Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámica

Do luns 17  ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde.

Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)

Gravacións abertas ao público (ata completar capacidade)

– Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS

– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES

– Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ

20251117-ANALOGIK-DREAMS

Palestra ISAAC DÍAZ PARDO, MILAGRES E ESPOLIO, por Felipe Senén, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, organiza a Palestra Isaac Díaz Pardo, milagres e expolio, impartida por Felipe Senén, historiador da cultura galega, que será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

O acto terá lugar o vindeiro venres 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Andanzas do Suso de Lameliña A SEREÍÑA DE COPENHAGUE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A SEREÍÑA DE COPENHAGUE

Odio eterno á pequena serea de Copenhague. Foi ela quen esnaquizou os meus soños de nenez. Pequena si, pero non tanto como prometían os contos, ho! Que só se ve un penedo e cabezas de xaponeses e xaponesas disparando fotos sen descanso. Un auténtico escándalo.
A primeira vez que fun e a vin, que gran decepción! Saín de alí pitando camiño do primeiro pub para beber unha Calsberg e quitarme de enriba a xenreira que me corroía.
Aquela noite, entre vapores de cervexa e rancores, soñei que era un deses vándalos que se adican a cometer falcatruadas nos monumentos e mobiliario urbano e que cun spray descargaba toda a miña furia nunha mensaxe:

Desgraciada, que es unha desgraciada… e pensar que cheguei a estar namorado de ti!

COPENHAGUE

Ao cabo duns anos, volvín de novo,
e a pequena serea seguía alí,
impávida…
aturando aqueles efémeros pero intensos
feixes de luz.
Pero xa non estaba o chinés da rúa Stroguet,
xa non estabas ti,
agardando a que rematara de xantar,
para botarme unha filípica en contra
dos efectos nocivos do alcohol.
Xa non estaba o bar de Miguel, nin
aquel pub onde cantabamos “As canoiras* de Abres”…
Ao cabo duns anos, volvín de novo,
e a pequena serea seguía alí,
e cansei de beber cervexa,
e cansei de escoitar jazz…
Mais xa non estabas ti.

*Pola parte do Occidente de Asturias e a Mariña, chámanlle “canoiras” ás mulleres que polo mes de setembro, cando marchaban os veraneantes, ían darse os nove baños de rigor.

Inauguración da exposición RETRATOS, de Pedro Cabarcos, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, na conmemoración do XXV aniversario da súa fundación, organiza a Exposición RETRATOS, unha colección de cadros pintados polo artista vilalbés Pedro Cabarcos.

A inauguración terá lugar o vindeiro xoves 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e permanecerá aberta ao público ata o 31 de decembro, no horario habitual de apertura do Auditorio.

Saibran lanza ‘Meu’, o segundo avance de ‘Atardecer harmonioso con gotas de primavera’

O tema, producido por Møu (DKTC, Lumedoloop), contrapón a actitude do rap máis descarado coa fraxilidade emocional e a introspección

Saibran, o novo proxecto musical liderado por Cibrán García (Boyanka Kostova), publica este venres 14 Meu,o segundo avance do seu álbum debut Atardecer harmonioso con gotas de primavera, que verá a luz o 5 de decembro. 

Cunha base de Møu (DKTC, Lumedoloop), e con Julián Goicoa no baixo e Fiz García na batería, Meu contrapón a actitude do rap máis descarado coa fraxilidade emocional e a instrospección. “Teño cheo o cenicero, cada calada unha neurona menos, cada colilla un problema que enterro, queda gardada dentro do cerebro, teño que facelo si non me quebro e…” canta Cibrán García, quen xoga coa dualidade e rima ao compás das cousas propias da vida, sexan de noite ou de día. Meu é un tema escuro e sucio. É nocturno e é (en) directo. Achégase ao máis fondo mais, se cabe, tamén abre a porta a un novo inicio.


Atardecer harmonioso con gotas de primavera

Atardecer harmonioso con gotas de primavera, o álbum debut de Saibran, forma parte dunha triloxía que editará Tremendo Audiovisual. Serán tres discos diferentes, cada un cun estilo e temática perfectamente identificable e, ademais, asinados por distintos produtores. 

A triloxía de Saibran percorre os sons, ritmos e acontecementos que agroman desde as vivencias cotiás até os momentos de introspección. Temporalmente, esta evolución transita desde o solpor (primeiro disco) até o amencer (o terceiro): as cavilacións desenvólvense na medida que avanza a xornada de quen sae da súa casa contra última hora da tarde, sen máis pretensión que ver ás amizades pero que, cando regresa, xa alboreceu.


Escoita Meu: https://orcd.co/saibranmeu
Videoclip Meu: https://www.youtube.com/watch?v=Z-x4uULHVQo 

20251114-SAIBRAN-MEU