Camiño Escena Norte bota o pano da súa sétima edición con teatro e danza en Vimianzo e Ribadeo

A compañía cántabra El Tejo Producciones presentará El jardín de las posibilidades o sábado 25 no auditorio municipal vimiancés, mentres que a asturiana ZigZag Danza bailará na Mariña a súa premiada Postales rotas

A sétima edición de Camiño Escena Norte bota o pano esta fin de semana coas derradeiras funcións, que terán lugar en Vimianzo e Ribadeo. O  programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa chega así as últimas representacións, logo de ofrecer numerosos pases dos 18 espectáculos do seu Itinerario Constelacións en 60 sedes espalladas polos seis territorios.

En Galicia, Camiño Escena Norte -que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais- programou desde o pasado 12 de setembro funcións tanto a ceo aberto como en recintos escénicos de Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Negreira, Outes, Santiago de Compostela e Vilalba. Esta fin de semana terán lugar as últimas dúas representacións nos auditorios municipais de Vimianzo e de Ribadeo.

Así, o sábado 25, a compañía cántabra de artes escénicas e audiovisuais El Tejo Producciones presentará na Terra de Soneira El jardin de las posibilidades, do dramaturgo Carlos Troyano, quen describe así a peza:”Conta Federico García Lorca nas súas Suites que el coñece un lugar marabilloso chamado 

O xardín das posibilidades, alí habitan os amores que nunca foron, os fillos que non naceron e as decisións que nunca se tomaron. Se cadra alí aínda vive a súa amiga da alma Emilia Llanos, empeñada nun amor que nin sequera foi” .A obra propón un percorrido pola figura desta muiller e da investigación que iniciou con Agustín Penón para esclarecer o asasinato de Lorca.

O domingo 26 será a quenda de ZigZag Danza, a compañía asturiana de referencia en danza contemporánea que crea propostas innovadoras para todos os públicos. O seu traballo, presente en escenarios nacionais e internacionais, aposta pola emoción, a calidade e a accesibilidade, achegando a escena a públicos novos.

ZigZag Danza visitará o Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo con Postales Rotas, a súa premiada proposta de danza contemporánea para todos os públicos que aborda a realidade da migración en Asturias nos séculos XIX e XX, e coa que obtivo numerosos recoñecementos, como catro Premios Oh! das Artes Escénicas 2025 -entre eles, o de Mellor Espectáculo- ou o Premio Jovellanos á Produción Escénica 2024. 

CAMIÑO ESCENA NORTE

Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. É unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto. 

Na súa sétima edición, Camiño Escena Norte conta no seu programa de exhibición, nomeado Itinerario Constelacións, con 18 espectáculos de teatro, danza e artes do movemento e circo que se representan en 60 sedes. Neste 2025, CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial; nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais, CEN onta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

AXENDA 25 E 26 DE OUTUBRO | CAMIÑO ESCENA NORTE 2025

25.10, ás 20.30h | Vimianzo. Auditorio Municipal 

El jardín de las posibilidades, de El Tejo Producciones (Cantabria)

Teatro. Público adulto. Venda de entradas en www.woutick.es (5€ / reducido: 2,5€)

Teaser: https://vimeo.com/918910493

26.10, 20.00h | Ribadeo. Auditorio Municipal Hernán Naval

Postales rotas, de Zig Zag Danza (Asturias) 

Danza. Todos os públicos. Venda de entradas: desde 30 minutos antes da función na billeteira do auditorio (3€)

Teaser: http://youtu.be/2oXOFFuEUtM 

20251020-Axenda-CEN-Vimianzo-e-Ribadeo