O Recinto Feiral de Pontevedra acolle este sábado, 9 de maio, a partir das 22.00 horas, a estrea do segundo LP do dúo vigués
Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta, Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e Zetak subirán ao escenario pontevedrés; mentres que a DJ Rapante amenizará a entrada do público
Fillas de Cassandra abrirá este sábado, 9 de maio, as portas á gran ‘Tertúlia’. María SOA e Sara Faro presentarán ao vivo o seu novo álbum, publicado o pasado 24 de abril, no Recinto Feiral de Pontevedra. As entradas para a cita, que comezará ás 22.00 horas, están á venda en Woutick.
O dúo vigués, acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Cultura da localidade, Demetrio Gómez, deu a coñecer esta mañá os detalles dun evento que porá o poder da palabra e do diálogo no centro. Collendo o relato do seu novo traballo, Fillas de Cassandra transformarán o Recinto Feiral de Pontevedra nunha gran praza para a conversa. A intención non é outra que trasladar, tanto desde a escenografía como desde o movemento e, moi especialmente, a música, un convite “a desobedecer” para poñer o foco nos afectos, nas liberdades, nas amizades, na xustiza social e no encontro.
Fillas de Cassandra estrearán o seu novo directo acompañadas doutras artistas recoñecidas do panorama galego e estatal, como son Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta (coprodutores de ‘Tertúlia’), Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e o navarro Zetak. No Recinto Feiral de Pontevedra escoitaranse por primeira vez a ducia de temas que conforman a ‘Tertúlia’, mais tamén algúns dos seus grandes éxitos revisitados e actualizados.
O Recinto Feiral de Pontevedra abrirá as súas portas ás 20:00 horas e , desde as 20.30h, a viguesa DJ Rapante (Paula Somoza) amenizará o acceso do público. A partir das 22.00h, Fillas de Cassandra ofrecerá un poderoso e enérxico directo dunha hora e media de duración que contará coa complicidade de Icía Varela (percusións e voces), Elena Domínguez (percusións, voces e violoncello), e Vicky González na batería. A banda, cunha escenografía do colectivo As dúas e punto e baixo a dirección de movemento de Daniel Rodríguez, arrancará este sábado unha xira que as levará a visitar numerosas prazas e festivais de todo o territorio estatal.
TERTÚLIA
O segundo LP de Fillas de Cassandra, producido polas propias María SOA e Sara Faro con Çantamarta, supón un paso firme na evolución artística das viguesas, que expanden o seu universo sonoro. A electrónica -desde os ritmos rotos ao ambient– convértese na linguaxe protagonista dun álbum que se articula arredor de doce temas nos que colaboran nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.
O traballo, publicado o pasado 24 de abril, xa está dispoñible tanto en plataformas dixitais coma en tendas físicas. A boa acollida inicial do vinilo situou ‘Tertúlia’ (Altafonte, 2026) entre os 30 discos máis vendidos en España estas semanas. Durante o concerto de presentación habilitarase un espazo no que será posible adquirir tanto o disco coma o novo merchandising de Fillas de Cassandra.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘TERTÚLIA’
Data: Sábado 9 de maio de 2026 Hora: 22.00h (apertura de portas ás 20.30h) Lugar: Recinto Feiral de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n)
Os medios interesados en cubrir o concerto deberán solicitar a súa acreditación a lucia@tremendoaudiovisual.com antes das 13.00h do venres 8 de maio.
Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) presentan o seu debut discográfico na Sala Rebullón (Mos)a partir das 21:00 horas
A Sala Rebullón acolle este venres 8 o concerto de presentación de ABRIL, o dúo folk galego formado por Claudia Abril e Marina Carpente, que chega aos escenarios con Medrar, o seu primeiro álbum de estudio.
ABRIL é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O dúo adapta melodías tradicionais galegas con sonoridades actuais, con intimidade, personalidade e frescura.
As nove pezas de Medrar beben de fontes orais e arquivos fundamentais da tradición, dende melodías de Caroi (Cotobade) e Toutón (Mondariz), ata sonoridades de Balouta (Ancares leoneses), o legado de Florencio dos Vilares na Fonsagrada ou o canto de ‘Teresa dos Cucos’ en Malpica. Esta materia prima transfórmase en mans de ABRIL en novos himnos grazas á suma de letras orixinais e á colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco.
O álbum, producido por Zalo Rodríguez e mesturado por Hevi (Laboratorio Soyuz), logra un equilibrio hipnótico onde a pandeireta e o violín conviven organicamente coa electrónica. A narrativa visual foi creada por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e José Faro ‘Coti’ e o deseño gráfico de Sara Castro.
PRESENTACIÓN MEDRAR
Data: Venres 8 de maio Hora: 21:00 horas Lugar: Sala Rebullón (Av. do Rebullón, 23, 36416, Pontevedra) Acto: Presentación en directo de Medrar, o álbum debut de ABRIL.
Para asistir a cubrir o evento é Imprescindible solicitar acreditación antes das 14.00 horas do venres 8 de abril.
Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán de música, da Deputación da Coruña.
SonDeSeu celebra 25 anos de vangarda folk co cartel de “entradas esgotadas” para o concerto deste sábado 9 no Auditorio Mar de Vigo
A primeira orquestra folk de gran formato de Galicia conmemora un cuarto de século reunindo a máis de 60 músicos nun espectáculo único, no que artistas de renome como Abraham Cupeiro, Rodrigo Romaní, Tanxugueiras e Xabier Díaz acompañarán á formación
A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu chega este sábado, 9 de maio, a un dos momentos máis importantes da súa historia: a celebración do seu 25º aniversario. O evento, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, espertou unha expectación tal que as localidades están totalmente esgotadas, confirmando a vixencia e o agarimo que o público sente por este proxecto único no panorama europeo.
O que se vivirá este sábado 9 será a gran noite da música galega de raíz, xa que haberá un auténtico despregamento de talento e identidade. Sobre o escenario do Mar de Vigo daranse cita os 62 membros que compoñen a orquestra, aos que se unirán figuras imprescindibles da cultura do país e que, sen dúbida, representan o mellor da música galega contemporánea: Abraham Cupeiro, Tanxugueiras, Xabier Díaz e Rodrigo Romaní. Deste xeito, case 70 personas compartirán as táboas para celebrar que a música tradicional se atopa nun proceso vivo e en constante evolucion.
Dada a previsión de afluencia masiva ao Auditorio Mar de Vigo ante o cheo absoluto do recinto, recoméndase acudir con antelación. As portas do auditorio abrirán ás 19:30 horas, unha hora antes de que comece o espectáculo, fixado para as 20:30 horas.
SonDeSeu naceu no ano 2001 no seo da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo (ETRAD). O que comezou como un proxecto pioneiro e rupturista -crear unha orquestra de gran formato baseada exclusivamente en instrumentos tradicionais galegos, na que convivisen intérpretes, compositores e arranxistas de distintas xeracións- converteuse hoxe nun referente internacional.
Ao longo destes 25 anos, o proxecto non só consolidou un repertorio propio de alta complexidade orquestral, senón que serviu como motor de profesionalización do sector e como espazo de transmisión do patrimonio inmaterial. Nese cuarto de século, SonDeSeu percorreu Europa e participou nos festivais máis prestixiosos de músicas do mundo, contribuíndo á dignificación e proxección da identidade cultural galega e facendo que esta ocupase escenarios relevantes.
O aniversario, ademais, reivindica o papel de Vigo como cidade motor da creación e difusión da música tradicional. A relacion entre SonDeSeu e a ETRAD, a escola municipal da cal procede e na que reside, é un gran exemplo do valor que ten a colaboración sostida entre institucións públicas e proxectos culturais de longo percorrido.
CONCERTO 25º ANIVERSARIO – SONDESEU
Data: Sábado, 9 de maio de 2026
Hora: 20:30h (apertura de portas ás 19:30h)
Lugar: Auditorio Mar de Vigo
Entradas esgotadas*
* Os medios gráficos -foto e vídeo- poden solicitar acreditación para cubrir o evento.
O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas,
seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto
e recibirán unha compensación económica de 500 euros, unha vez representadas
As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT
entre o 3 e o 31 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema
de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo
As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá:
un parque-ximnasio, unha xoiaría, un cuarto de conserxes, unha tenda de moda e decoración,
unha tenda de moda infantil, un comercio de artigos de segunda man, unha zapatería, unha pastelería,
unha tenda de complementos, un parque e unha tenda de informática
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na décima edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.
O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, que neste 2026 festexa o seu décimo aniversrio, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes.
Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
Este luns, 4 de maio, o FIOT abre a inscrición da décima edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 31 de outubro de 2026.
Neste 2026, os espazos ofertados de Carballo serán un parque-ximnasio, unha xoiaría, un cuarto de conserxes, unha tenda de moda e decoración, unha tenda de moda infantil, un comercio de artigos de segunda man, unha zapatería, unha pastelería, unha tenda de complementos, un parque e unha tenda de informática.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 500€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 21 de xuño.
313 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN NOVE ANOS
Ao longo dos seus primeiros nove anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (313) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nestes primeiros nove anos de actividade, M2 contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
No 2025, o FIOT recibiu un total de 25 propostas para participar no Micro-Escenas M2, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As seis pezas finalistas seleccionadas para o #FIOT34 foron: Domitila, de Amparo Martínez; Katharsis, de Catuxa Leira; O novo, de Dani Blanco; Covers2, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Finalmente foi Gracias por su visita, de Uxía Algarra, a peza que recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no #FIOT34, cunha puntuación de 4,56 sobre 5 outorgada polo público asistente, mentres que Estrella Tomé, de Bengala Teatro Físico, foi a galardoada co premio á mellor interpretación do IX Certame Micro-Escenas M2 polo espectáculo Alicia Wants To, cunha puntuación de 4,62 sobre 5.
Desde a Casa-Museo Manuel María anuncian un ambicioso proxecto musical que se vai levar a cabo proximamente: o Concerto As rúas do vento ceibe. Un espectáculo musical baseado na musicalización de poemas de Manuel María, pertencentes ao seu poemario “As rúas do vento ceibe”, alén doutros poemas de Rosalía e Celso Emilio Ferreiro, que se poderá desfrutar gratuitamente o 15 de maio, ás 20.30 hrs, en Lugo (Auditorio Municipal Fuxan os Ventos); o 29 de maio, ás 20.30 hrs, en Pontevedra (Pazo da Cultura); e o 30 de maio, ás 20,30 hrs, en Santiago de Compostela (Auditorio de Galicia).
O concerto vai reunir máis de 300 voces, músicos e músicas, que interpretarán as pezas compostas por Xosé Carlos Seráns. A Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a mezzosoprano, Julia Portela Piñón e unha ampla representación coral de Galiza, cun un coro mixto -composto por cinco corais (Coro de Cámara Thalassa de María, Coro do Hospital de Lugo, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral de Solfa de Santiago de Compostela e Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra)- e un coro xuvenil -formado por tres coros (Peque Coro In Crescendo de Ferrol, Voces da Terra Chá e Coro do IES A Xunqueira de Pontevedra)-, todo dirixido polo director de orquestra, David Fiuza. Unha montaxe de grande envergadura musical e de grande significación cultural para Galiza.
Os billetes para poder presenciar este espectáculo pódense retirar en:
–Lugo: poden solicitarse, despois do 5 de maio, en liña: en https://entradaslugo.es ou presencialmente: no Vello Cárcere ou na Oficina de Turismo (Praza do Campo).
–Pontevedra: non hai que retirar. Entrada libre até completar o aforo.
–Santiago de Compostela: poden solicitarse, a partir do 19 de maio en liña: en https://compostelacultura.gal ou presencialmente: na Zona C (Preguntoiro, 1-Praza de Cervantes, en horario de martes a sábado, de 11 a 14 hrs e de 16 a 19 hrs).
O concerto está patrocinado pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Dinamización Social e Cultural, e pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Tamén colaboran a Concellaría de Cultura,Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Concello de Santiago de Compostela.
CAMINHO, O NOVO SINXELO DE QUINKILLADA QUE PROFUNDIZA NO LADO MÁIS ÍNTIMO DA BANDA
OS DO MORRAZO CAMBIAN DE REXISTRO E APOSTAN DESTA VEZ POR UN TEMA MÁIS LENTO E REFLEXIVO
MAÑÁ SÁBADO 2 DE MAIO TERÁ LUGAR O SEU CONCERTO DE COMEZO DE XIRA, CON ENTRADAS Á VENDA EN ENTRADIUM.COM
A banda morracense Quinkillada racha os seus esquemas musicais con Caminho, un tema que versa sobre a superación persoal e que permite coñecer unha visión máis intimista e persoal da banda, con ritmos máis lentos dos que teñen acostumados ao seu público, mergullándose en retrousos de música urbana lenta que derivan en ventos máis animados, creando unha sensación de que o tema vai medrando co paso dos segundos. Esa composición estrutural non é aleatoria, xa que é unha representación musical dese crecemento persoal que fai que vaias superando os obstáculos da vida.
Caminhopon o foco nas dificultades persoais que atravesamos na nosa vida, e, dende un enfoque persoal, a banda rebusca no seu interior para ofrecer un novo sinxelo que contrasta no musical e no letrístico co resto de traballos da banda. Unha nova cara que expón a versatilidade da banda que leva presentados neste ano os sinxelos Os reis do lugar e Quinkirumba.
COMEZO DA XIRA ENTRE CUMBIAS E RUMBAS
Quinkillada porá o punto de partida da súa nova xiraEntre Cumbias e Rumbas cun concerto especial na sala Adro de Cangas mañá sábado 2 de maio. O show terá lugar a partir das 22:00 e servirá para celebrar o quinto aniversario da banda, que ten preparado un directo cheo de momentos inesquecibles que levarán polas distintas festas, festivais e salas, para convertelas en torreiros cheos de baile e moita diversión. As entradas están xa dispoñibles en entradium.com.
Polo momento, os festivais confirmados son o SonRías Baixas, un dos máis importantes do verán galego, e no que xogarán na casa, así como o festival Asalto ao Castelo (Vimianzo) e Festival de la Luz (Boimorto).
28-30/08 · Festival de la Luz · Boimorto | ENTRADAS
MÁIS SOBRE QUINKILLADA
Transitando xéneros como a cumbia, o rock, o ska e os ritmos máis bailables, Quinkillada é o grupo que sintetiza a alma da festa galega. Combinando nas súas composicións tons festivos, populares e reivindicativos, a banda constrúe o seu legado a base de músicas enérxicas, auténticas e, sobre todo, bailables. Dende os torreiros das festas máis populares ás tarimas das salas e festivais máis importantes, Quinkillada é capaz de transformar calquera contexto nunha pista de baile.
Cunha carreira meteórica ás súas costas, a banda morracense xa conta con máis dun centenar de concertos no seu haber, levando o seu bo rollo a grandes festivais galegos como OurenSound, Festival de la Luz, Castañazo ou Armadiña Rock. A súa música chegou tamén ás grandes salas de concertos do estado, con actuacións nas míticas Razzmatazz de Barcelona ou Capitol de Santiago de Compostela.
Con xa tres discos publicados, acumulando centos de milleiros de reproducións en plataformas, a banda traballa en novos horizontes aos que levar a súa festa de guitarras, ventos e diversión. A verbena galega busca expandirse e chegar a todas partes envolta na súa música.