
A velada de Londres, a homenaxe de ButacaZero a Manuel Lourenzo, pecha a súa xira en Foz, Noia e Cee
A montaxe dirixida por Xavier Castiñeira chega á Sala Bahía de Foz (27 de novembro), ao Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e á Casa da Cultura de Cee (12 de decembro)
Tras a estrea no Teatro Rosalía Castro e o seu paso por Muros, As Pontes e Vigo, onde esgotou as entradas, o espectáculo encara a súa recta final acompañado da exposición didáctica Manuel Lourenzo. A pegada que continúa

A velada de Londres, a produción coa que a plataforma creativa ButacaZero rende tributo ao dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025), afronta a última tríade de funcións da súa xira. A montaxe, dirixida por Xavier Castiñeira, visitará nas próximas semanas tres escenarios das provincias de Lugo e da Coruña: a Sala Bahía de Foz (venres 27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (sábado 5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (sábado 12 de decembro).
Estreada o pasado 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a peza percorreu durante o outono os escenarios de Muros, As Pontes e Vigo, onde o Auditorio Municipal colgou o cartel de entradas esgotadas. Con estas tres últimas datas, a homenaxe ao mestre do teatro galego chega á Mariña -a poucos quilómetros do Valadouro, terra natal de Lourenzo-, á comarca de Noia e á Costa da Morte.

A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira adéntrase con esta montaxe, por vez primeira, no universo de Lourenzo. Faino cun texto incluído no volume Veladas indecentes, co que o autor se converteu en 1997 no primeiro dramaturgo galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática.
A peza garda, ademais, unha relación especial con Castiñeira, quen traballou como axudante de dirección do propio Lourenzo nesta mesma obra en 1999. Daquela, o mestre deulle un consello que o acompañou desde entón: “Abre os ollos e róubame o que poidas”. Case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e devolve aquel xesto de xenerosidade cunha montaxe rigorosa, luminosa e chea de gratitude.

En A velada de Londres, Lourenzo propón unha orixinal farsa e fantasía arredor do Drácula de Bram Stoker. A trama parte do regreso do procurador Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos, obsesionado pola figura do Conde. A súa esposa, Mina, tenta protexelo, pero a chegada dun misterioso doutor -que resulta ser o propio Drácula- desencadea un proceso no que o mundo sobrenatural vai desprazando a ríxida moral vitoriana. Lonxe do terror convencional, a proposta explora a tensión entre a razón e os instintos e entende a “vampirización” como un acto de amor, liberación e aceptación do desexo.
Cunha duración dunha hora, a posta en escena acompaña esa transformación: a estética vitoriana vaise alterando a medida que a natureza e o elemento atávico se apoderan do espazo. O elenco combina a traxectoria de Xurxo Cortázar (Iribarne, Shakespeare en Roma, O Premio) co pulo de Sophia Rodal e Teo Piñeiro, fiel ao compromiso de Lourenzo co talento mozo. Completa o reparto a soprano e violonchelista Esperanza Mara, que interpreta en directo a banda sonora orixinal de Iago Hermo e intervén na acción dramática, o que converte cada función nunha velada teatral, mais tamén musical.

Unha exposición didáctica para manter vivo o legado do mestre
Como en cada parada da xira, o público que acuda ao teatro poderá visitar no vestíbulo a exposición didáctica Manuel Lourenzo. A pegada que continúa. A mostra informativa, composta por seis paneis, foi concibida por Xavier Castiñeira coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e os fondos da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.
O percorrido achégase ás múltiples facetas de Lourenzo: autor de máis de 300 pezas teatrais; impulsor de espazos fundamentais para a escena galega como O Facho, a Escola Dramática Galega ou Casahamlet; pedagogo e autor do manual Pensar co corpo; tradutor ao galego de clásicos como Esquilo, Shakespeare, Brecht ou Beckett; e rostro popular grazas a personaxes televisivas como Melgacho (Mareas vivas) ou Terito (Fariña).
“Seis paneis apenas poden suxerir a dimensión dunha vida dedicada ao teatro. Esta exposición didáctica non pretende contalo todo, só abrir unha pequena fiestra a un home que nos ensinou a mirar e entender a escena como vida compartida”, sinala Castiñeira.
As funcións de Foz e Noia forman parte da programación da Rede Galega de Teatros e contan co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que a de Cee se enmarca no programa Outono das Artes da Deputación da Coruña.
Calendario · Xira ‘A velada de Londres’
Sinopse
A velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das obsesións creativas de Manuel Lorenzo. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.
Ficha artística
- Dirección: Xavier Castiñeira.
- Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
- Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
- Deseño de luz: Violeta Martínez.
- Espazo escénico: Beatriz de Vega.
- Figurinista: Carlos Pinilla.
- Produción e distribución: ButacaZero.
- Produción en xira: Rubén Capelán.
- Axudante de dirección: Nuria Montero.
- Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.