Este mércores, 29 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina 

Paula Quintas presentará o “work in progress” Desde o corsé a danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade 

Xa o xoves 30, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, terá lugar a lectura dramatizada de Mal Ollo, a cargo da Aula de Teatro de Carballo, tamén con entrada de balde

O Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público en 2024 co seu celebrado Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes Artístics

O sábado 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despedirase das táboas cunha festa a ritmo de cabaré para os voluntarios e os socios de Telón e Aparte, da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura

Esta semana, o FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, bota o pano da súa 34ª edición. Así, mañá mércores, 29 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina Paula Quintas presentará o “work in progress” Desde o corsé a danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade. 

Paula Quintas é un bailarina, creadora, coreógrafa e directora artística galega de referencia e cunha linguaxe persoal que explora a danza contemporánea, a verticalidade e a relación do corpo co espazo, sempre na procura de novos modos de comunicar e de compartir co público. No #FIOT33 estreamos o seu espectáculo Multiperspectivas#3. Agora, a creadora regresa ao OTNI cunha unha conferencia en movemento que propón un percorrido vivo e poético pola historia da danza e do circo, entre a disciplina do corpo e a súa liberdade aérea.

Xa o xoves, 30 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, tamén con entrada de balde, terá lugar a lectura dramatizada de Mal Ollo. Comedia de ambente mariñeiro. Con motivo do 120 aniversario do nacemento do dramaturgo carballés Cándido Alfonso González Tiradas (Carballo, 1905 – Bos Aires, 1966), a Aula de Teatro de Carballo presenta esta divertida peza que mestura o humor popular co mundo máxico galego.

O carballés foi un dramaturgo e activista cultural que desenvolveu en Arxentina un importante labor a prol da emigración galega. A obra, premiada no Certame Castelao e publicada en Bos Aires en 1954, está considerada un folk-drama no que conviven música, tradición e simbolismo. Os diálogos vivos, o ambiente mariñeiro e a presenza do mítico fan desta peza unha mostra singular do noso teatro. Con esta lectura dramatizada, a Aula de Teatro recupera para o público unha obra esencial da memoria cultural galega.

Pola súa banda, o Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público en 2024 co seu celebrado Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes Artístics. Vulcano é a historia dunha familia que tenta salvarse dun trauma pasado: o incendio do seu edificio, un suceso con consecuencias tráxicas, que deixa pegadas profundas nos que sobreviviron. A chegada dunha reporteira e o intento de reconstruír o que sucedeu alteran o concepto da verdade e poñen en dúbida a versión orixinal dos feitos.

Cun moito humor e cun formato de thriller e investigación criminal ponse de manifesto como manipulamos a memoria á hora de construír os nosos relatos e de como os precisamos para comprender ou curar, para dar sentido ao que somos. Unhas excelentes interpretacións e unha imaxinativa posta en escena con gran protagonismo da cámara en directo fan da obra un xogo escénico que investiga os cruces entre realidade e ficción e que mestura drama social, tensión e misterio con comedia.

Vulcano é o resultado do encontro entre as miradas de dúas puxantes figuras da escena contemporánea española, a dramaturga Victoria Szpunberg –Premio Nacional de Literatura Dramática 2025– e a directora Andrea Jiménez, que, na procura dun teatro vivo, realizaron un proxecto de creación colectiva que contou coa coprodución do Centro Dramático Nacional.

Finalmente, o sábado 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despedirase das táboas cunha festa a ritmo de cabaré para os voluntarios e os socios de Telón e Aparte, da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura, con convite.

SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresou ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegou a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Así, o FIOT de Carballo encheu ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

Nesta 34ª edición, o FIOT volveu converterse no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación. 

No FIOT houbo Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.

Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltaron producións con selo galego que forman parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.

Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas estiveron orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, houbo espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes e, en definitiva, o descubrimento.

“Raíz viva, memoria colectiva” foi o leitmotiv dunha edición que buscou poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Tratóuse dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.

SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo.

Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.

MÁIS INFORMACIÓN

www.fiot.gal 

2025.10.28.NP-Sexta-Semana-FIOT34