Proxección do documental DEUSES DE PEDRA, de Iván Castiñeiras Gallego, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental DEUSES DE PEDRA, de Iván Castiñeiras Gallego, continuando deste xeito co CICLO MESTRE MATEO-2026 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder desfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIV PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta sexta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o venres 2 de outubro de 2026, ás 20:00h.

A entrada é de balde, pero haberá que facer a correspondente reserva de localidade en entradasvilalba.es.

BUTACAZERO inicia a xira galega d’A VELADA DE LONDRES, a súa homenaxe a Manuel Lourenzo

A peza, estreada o pasado 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, inicia o seu percorrido por auditorios e salas de Muros, As Pontes, Vigo, Foz, Noia e Cee

O espectáculo acompáñase, no propio recinto da representación, dunha exposición sobre a traxectoria profesional do dramaturgo

A velada de Londres, a nova produción da plataforma creativa ButacaZero, inicia esta fin de semana a súa xira por auditorios e salas de Galicia. Muros, As Pontes, Vigo, Foz, Noia e Cee serán as escalas dunha montaxe que rende tributo á figura e legado do dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025).

A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira -quen dirixe o espectáculo- adéntrase con esta peza no universo de Lourenzo. Faino cun texto do gran mestre do teatro galego, incluido no seu volume Veladas indecentes (Premio Nacional de Literatura Dramática 1997), que ademais garda unha relación especial con Castiñeira: traballou como axudante de dirección do propio Lorenzo nesta mesma peza nos seus inicios profesionais. Agora, case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.

Após a súa estrea na Coruña o pasado 4 de setembro, A velada de Londres percorrerá diferentes escenarios da Coruña, Pontevedra e Lugo. Así, a primeira parada da xira será este sábado 3 en Muros. Á semana seguinte chegará ao Cine Alovi das Pontes e o venres 16 ao auditorio municipal de Vigo. Un mes despois, retomaranse as representacións: a sala Bahía de Foz (27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (12 de decembro) acollerán a última tríade de funcións deste tour.

Unha lectura sobre a moral vitoriana e o desexo

En A velada de Londres, a trama parte do retorno de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa posterior experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai trasformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, entendendo a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.

A posta en escena integra de xeito orgánico o traballo interpretativo dos actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro xunto á voz e o violonchelo de Esperanza Mara, quen executa a banda sonora orixinal composta para o espectáculo por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical.

Mostra no vestíbulo antes da función

Como complemento á representación, o público que acuda ao teatro poderá visitar a exposición ‘Manuel Lourenzo. A pegada que continúa’, un percorrido pola vida profesional de Lourenzo que axudará a comprender ao público asistente a importancia da figura do dramaturgo, director, docente, editor e actor na construción do teatro galego. A mostra, presentada canda a estrea da montaxe no Teatro Rosalía Castro o pasado 4 de setembro, poderase ver en cada unha das representacións desta xira.

ButacaZero

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.

A VELADA DE LONDRES: A XIRA

Sábado 3 de outubro, Muros

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil (20:30 horas)

Venres 9 de outubro, As Pontes

Auditorio M. Cine Alovi (20:30 horas)

Venres 16 de outubro, Vigo

Auditorio Municipal (20:00 horas)

Venres 27 de novembro, Foz

Sala Bahía (20:30 horas)

Sábado 5 de decembro, Noia

Teatro Coliseo Noela (20:30 horas)

Sábado 12 de decembro, Cee

Casa da Cultura

A xira d’A Velada de Londres conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Rede Galega de Teatros (funcions en Muros, Vigo, Foz e Noia); e da Deputación da Coruña a través do programa Outono das Artes (As Pontes e Cee).  

A cultura que mellora a vida: a Deputación da Coruña reúne proxectos que traballan dende a inclusión, a memoria, o patrimonio e a comunidade

  • A Área de Cultura da Deputación da Coruña reuniu este sábado representantes de diferentes iniciativas recoñecidas nas edicións de 2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.
  • O encontro permitiu compartir experiencias e necesidades, favorecer novas relacións entre os proxectos e recoller propostas para seguir mellorando o apoio público a iniciativas culturais con impacto social.

A cultura como ferramenta para recuperar a memoria, facer máis accesible o patrimonio, reforzar os vínculos comunitarios, favorecer a inclusión ou reflexionar sobre cuestións como a vivenda, a identidade e a relación coa contorna. Son algunhas das perspectivas que se atoparon este sábado na Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña, nunha xornada que reuniu representantes dos proxectos recoñecidos nas edicións de 2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.

Ao longo do día, 20 persoas en representación de 13 iniciativas compartiron experiencias e aprendizaxes desde ámbitos e linguaxes moi diversos. Participaron no encontro ComunitArte: comunicación, comunidade e arte, de María Victoria Teijeiro Álvarez; Pata de elefante: Alta costura, de Elefante Elegante; Martinete: maquetas accesibles do patrimonio industrial galego, de Despunte Diseño e Ingeniería; Miña casiña, meu lar, de Laboratorio Escénico Coop.; A Rede do Mar: memoria mariñeira e saberes do mar, de AAntena; CLIC. Programa de mediación cultural sobre o fin prematura da infancia, de Culturactiva; e Proxecto RUPESTRE SONORO, de aCentral Folque e Noente Paradise.

Completaron a participación Somos os monstros, de Berrobambán; ALCUMES, de A Furna S. Coop. Galega Xuvenil; Cámara Escura: Caderno de petróglifos da Coruña, de Martela Films; O noso pasar: A nosa fantasía, o videoxogo sobre o turismo de Melgo Cinema; Vidas de vidro: videolibro de memoria e resiliencia LGTBI e guía de boas prácticas para a terceira idade, de Promove Consultoría e Formación; e Soños analóxicos, de Sinsal Audio. En conxunto, as propostas abordan cuestións vinculadas á memoria e ao patrimonio, a inclusión e a accesibilidade, a creación e mediación cultural, os vínculos comunitarios ou a transmisión de saberes, entre outras realidades.

A diversidade de aproximacións permitiu poñer en común maneiras diferentes de entender a cultura non só como creación ou acceso aos bens culturais, senón tamén como espazo de participación, transmisión de coñecemento, construción de comunidade e mellora da vida das persoas.

Escoitar para seguir avanzando

A xornada tivo tamén unha importante dimensión de escoita. A través de diferentes dinámicas de traballo, as persoas participantes compartiron dificultades, necesidades e aprendizaxes e abordaron cuestións relacionadas coa sustentabilidade dos proxectos, o seu impacto social e as posibilidades de colaboración entre iniciativas.

Entre os principais retos compartidos durante o encontro apareceron cuestións como a continuidade dos proxectos máis alá das convocatorias, a capacidade para consolidar e ampliar o seu impacto e a necesidade de fortalecer as redes de colaboración entre iniciativas e axentes culturais. As persoas participantes coincidiron especialmente na importancia de contar con ferramentas e espazos de acompañamento que favorezan a continuidade, o intercambio de coñecemento e a conexión entre proxectos, unha das cuestións que a Área de Cultura recollerá para orientar futuras accións de apoio e acompañamento.

A posta en común permitiu tamén detectar puntos de encontro entre iniciativas que traballan desde disciplinas, contextos e metodoloxías diferentes, e abriu a posibilidade de explorar novas colaboracións, intercambiar recursos e coñecementos e dar continuidade aos vínculos xerados durante a xornada. Un resultado que reforza un dos obxectivos do encontro: que os Premios sirvan tamén para conectar iniciativas que, desde ámbitos distintos, comparten unha mesma vontade de incidencia social a través da cultura.

As achegas recollidas servirán á Área de Cultura da Deputación da Coruña para incorporar aprendizaxes ás próximas edicións dos Premios e identificar ferramentas, apoios ou posibles liñas de traballo que contribúan á continuidade e ao impacto destas iniciativas.

“Estes proxectos permítennos coñecer de primeira man como a cultura está respondendo a necesidades moi diferentes nas nosas comunidades. Para a Deputación é fundamental escoitar a quen os impulsa, entender con que dificultades se atopan e incorporar ese coñecemento ás políticas culturais. Queremos que os Premios sexan un punto de partida para seguir acompañando estas iniciativas, favorecer a súa continuidade e crear condicións para que poidan chegar máis lonxe”, sinala Xavier Campos, asesor cultural da Deputación da Coruña.

Con esta xornada, a Deputación dá un novo paso no percorrido iniciado coas dúas primeiras edicións dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social: do recoñecemento e apoio ás iniciativas á creación dun espazo no que compartir coñecemento, establecer vínculos e escoitar as necesidades dun ecosistema cultural que traballa desde a proximidade para mellorar a vida das persoas e das comunidades.

Máis imaxes dispoñibles aquí.

Sobre A Cultura é un Dereito

A acción cultural da Deputación da Coruña.

Cultura, cooperación e territorio. A política cultural da Deputación da Coruña desenvólvese ao redor destes elementos, a partir dos cales procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.

Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social. E apostamos por traballar, para a conseguir, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Cooperamos cos concellos, as entidades e as e os artistas desde o local, desde a proximidade.

Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito. Que alimenta, que nos fai o que somos. O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas.

Máis información en aculturaeundereito.gal.

NP_ACEUD_Xornada26S

Exposición A LINGUA DO FUTURO / O FUTURO DA LINGUA, de Alba Díaz, no espazo A Chouzana (Vilalba)

O IESCHA organiza a Exposición A LINGUA DO FUTURO / O FUTURO DA LINGUA, de Alba Díaz, unha aproximación fotográfica ás faces da infancia e a rapazada que falan e viven en galego nunha situación de emerxencia lingüística. 

A exposición, promovida pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial, poderase visitar dende o 3 de outubro ata o 1 de novembro de 2026, no espazo A CHOUZANA, ao carón do Palco da Música de Vilalba. 

NOTA-INFORMATIVA-ALBA-DIAZ

Os portugueses Glockenwise presentarán en Galicia o seu novo LP,  VALE TUDO PARA CHEGAR A ALGUM LADO

A banda de rock publica hoxe nas principais plataformas dixitais o seu sexto álbum, que se poderá escoitar ao vivo en Vigo (30 de outubro) e Santiago de Compostela (31 de outubro) 

O cuarteto de Barcelos propón unha nova viaxe polo art-pop, na que parten do conflito da Guerra do Caulino para reflexionar sobre o futuro

▶︎ Escoita ‘Vale tudo para chegar a algum lado’

Os portugueses Glockenwise publican hoxe en todas as plataformas dixitais o seu novo traballo discográfico, Vale tudo para chegar a algum lado. O sexto LP da banda leva o selo Vida Vã -a súa propia discográfica- e achega un novo capítulo da viaxe do colectivo polo art-pop, que se poderá escoitar en directo en Galicia os días 30 e 31 de outubro. 

Após o avance dos sinxelos Vai dar e Guerra do Caulino, o punto de partida do álbum, o cuarteto portugués, unha das bandas máis destacadas da escena rock lusa, dá a coñecer este mércores os demais temas que compoñen o traballo. Así o presenta o propio grupo:

“Os nosos nacementos son contemporáneos á Guerra do Caulino, un conflito de intereses arredor dos terreos de explotación deste mineral e que envolveu, a través de protestas, os veciños de Barqueiros, en Barcelos. Esta coincidencia non ten en si unha particular relevancia, mais para nós é un marcador cronolóxico cuxo significado ten matices que só se van revelando co paso do tempo.

No caso do caolín, a forza do seu significado -levantamentos populares, aperturas de telexornais, declaracións solemnes de eminentes políticos- foise diluíndo co tempo. O futuro, pola súa banda, empeñouse en pospoñer a súa chegada: as súas tensións, as súas promesas, os mañás que se queren empezar agora, con toda a forza e contra a forza de todos, están en todas partes.

Con este taboleiro, as pezas insisten en ser as mesmas e o futuro non ten devir. Condenados a vivir nunha sala de espera, queremos indagar sobre o futuro, sobre as expectativas colectivas e sobre a capacidade -ou impotencia- de cadaquen na súa formación. Cuestionar cales son os futuros hipotecados, os futuros que ansiamos e despois desdeñamos, os futuros que nos din inevitables e os futuros estancados. Queremos saber se somos o que no pasado proxectamos para o futuro, ou o que aínda estamos a tempo de intentar ser.

No presente no que todo vale para chegar a algunha parte, queremos falar das sospeitas de que non chegaremos a ningún lado”.

Presentación en Galicia

Os de Barcelos, ademais, dan a coñecer nesta xornada as primeiras datas do tour de presentación en directo do álbum tanto en España coma en Portugal. Ás dúas citas anunciadas no Theatro Circo de Braga (10 de outubro) e Culturgest de Lisboa (16 de decembro), únense os concertos que ofrecerán en Vigo (La Fábrica de Chocolate, 30 de outubro) e Santiago de Compostela (Riquela Club, 31 de outubro). Deste xeito, o cuarteto regresa a Galicia após tocar en citas como o Festival Sinsal SON Estrella Galicia ou Osa do Mar. Nos directos galegos, cuxas entradas xa están á venda, o cuarteto acompañarase de Guilherme Zapata.


Vale tudo para chegar a algum lado

1. Vale tudo para chegar a algum lado

2. Guerra do Caulino

3. Lua

4. Janela

5. Azar

6. Vai dar

7. Colina alta

8. Tudo o que eu posso

9. Intenção

Ficha técnica:

Música por Glockenwise

Letras por Nuno Rodrigues

Producido por Glockenwise

Gravado e misturado por Cláudio Tavares

Masterizado por Jaime Gomez Arellano (Orgone Studios)

Artes gráficas por Ana Resende Studio

Coas colaboracións de Carolina Rodrigues, Gil Amado, Jorge “Cientista” Carvalho, Pedro Alves Sousa, Mafalda Matos, Pedro Augusto e Sérgio de Bastos

Glockenwise son Cláudio Tavares, Nuno Rodrigues, Rafael Ferreira e Rui Fiusa


Glockenwise

Glockenwise é unha banda de Barcelos composta por Nuno Rodrigues (voz e guitarras), Rafael Ferreira (guitarras), Rui Fiusa (baixo) e Cláudio Tavares (batería). Nos seus quince anos de traxectoria, actuaron nos principais festivais e salas do seu país, pero tamén en grandes citas europeas. Teñen, ata a data, cinco discos editados: Building Waves (2011), Leeches (2013), Heat (2015), Plástico (2018) e Gótico Português (2023).

Glockenwise © Renato Cruz Santos

Foz e Sarria acollen esta fin de semana funcións de JUANA I DE CASTILLA, dentro da programación de intercambio cultural Camiño Escena Norte

Camiño Escena Norte leva Juana I de Castilla, da rioxana Nueve Lunas Teatro, a Foz e Sarria esta fin de semana

O sábado 26 a cita será ás 19.30h na Sala Bahía de Foz, mentres que o domingo 27 será na Casa da Cultura de Sarria

Ao rematar a representación, a compañía rioxana participará nun encontro posfunción co público asistente 

A programación do Itinerario Constelacións do programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte (CEN) inicia mañá o seu percorrido por Galicia. A compañía rioxana Nueve Lunas Teatro presentará esta fin de semana a obra Juana I de Castilla na Mariña e na comarca de Sarria. A peza, dirixida a todos os públicos a partir de 8 anos e cunha duración de 55 minutos, aborda a figura histórica de Juana I desde unha perspectiva actual, combinando humor, música e ironía para tratar diferentes cuestións. Nas dúas citas, ao rematar, haberá encontro posfunción co elenco.

Teaser de Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro

Sinopse Juana I de Castilla

Dúas mulleres reais postas ao servizo da ficción: Juana, herdeira lexítima do trono dos Reis Católicos, e María Lara, doutora investigadora contemporánea. Un diálogo atemporal, un vínculo máxico ou talvez non tanto. Poderían ser amigas que se atopan onde non pasa o tempo ou, incluso, a mesma persoa. 

 Entrelázanse en escena dous momentos da historia, deixando ao descuberto circunstancias que non cambiaron a pesar dos séculos que as separan. As dúbidas, o medo, a presión social, as mentiras, a ambición… Máis coñecida como a Tola, Juana resultou ser unha das monarcas máis cordas e preparadas para gobernar de toda a historia. E se non estaba tola?

Nueve Lunas Teatro

Nueve Lunas Teatro é unha compañía da Rioxa liderada por Idoia Salguero, profesional escénica desde 2013, produtora e creadora de proxectos propios que combina a lixeireza formal con temas sociais. Un teatro íntimo e transformador que procura a conexión directa co público, apostando pola proximidade e a participación como motores da escena. As súas propostas son accesibles, de moito valor humano, cunha mirada comprometida e sensible. Crea espazos de reflexión e xera sinerxías co territorio, fortalecendo a escena rioxana. Caracterízase por un teatro contemporáneo e conmovedor. Nueve Lunas remite aos ciclos da xestación; cada creación é un proceso vivo que atravesa distintas fases, desde a primeira intuición ata o seu nacemento escénico.

Camiño Escena Norte

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo. 

Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.

AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE | 26 E 27 DE SETEMBRO

26.09.2026, 19:30 h | Foz. Sala Bahía

Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa)

Entrada · 5€ (venda en billeteira)

Encontro posfunción co público

27.09.2026, 20:00 h | Sarria. Casa de Cultura

Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa)

Entrada de balde (retirada de convites en cultura@sarria.gal)

Encontro posfunción co público