A ODISEA da Companhia do Chapitô e a adaptación á escena do fenómeno literario LAS GRATITUDES, con Gloria Muñoz á fronte, protagonizan a terceira semana do FIOT

A compañía portuguesa regresa este venres a Carballo cunha particular revisión cómica da epopea de Homero, mentres Gloria Muñoz protagoniza o sábado a estrea en Galicia de ‘Las gratitudes’, de Delphine de Vigan, dirixida por Juan Carlos Fisher

Do 8 ao 12 de outubro, a 35ª edición do FIOT ofrece propostas para públicos de todas as idades, desde o circo de ‘Domte’ ata o teatro documental de ‘Vidas enterradas’ e o OTNI ‘Yo nací en un surco de judías’, de almealera, Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo

Dani Blanco –que ven de gañar o premio a o mellor espectáculo de rúa pola peza ‘Crunch2!’, da Compañía MUU, nos Premios Manu Lago de Novo Circo Galego celebrados onte– e a súa compañía asSircópatas presentan a estrea absoluta de ‘Oh! Onde deterse a mirar’, o luns 12, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura, para toda a familia

O X Certame de Micro-Escenas M² estrea o sábado 10 as súas primeiras pezas deste ano, mentres que a Rúa dos Contos suma novas propostas de humor e improvisación

Todos os detalles desta 35ª edición do FIOT poden consultarse na páxina web do festival, www.fiot.gal, mentres que as entradas para as diferentes liñas da programación aínda dispoñibles poden adquirise a través de Ataquilla.com

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, entra na súa terceira semana de programación cunha axenda que, do xoves 8 ao luns 12 de outubro, volverá levar as artes escénicas a diferentes espazos de Carballo e tamén ás parroquias. A programación estará marcada por dúas grandes citas do Programa de Sala: o regreso da portuguesa Companhia do Chapitô, este venres 9, coa súa particular e hilarante revisión da Odisea, e a estrea en Galicia de Las gratitudes, o sábado 10, adaptación do fenómeno literario de Dephine de Vigan, con Gloria Muñoz como protagonista e dirección de Juan Carlos Fisher. 

A semana ofrecerá tamén OTNI, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Micro-Escenas M2, FIOTiño e FIOTeen, con circo contemporáneo, narración oral, teatro documental, creación experimental e propostas para os públicos máis novos. Entre elas, destacan Domte, de Nacho Flores; Vidas enterradas, de L’Om Imprebís, Micomicón Teatro, Teatro Corsario e Teatro del Temple; Yo nací en un surco de judías, de almealera, premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo ; e a estrea absoluta ‘Oh! Onde deterse a mirar’, de AsSircópatas, con Dani Blanco, que terá unha función escolar no FIOTeen e outra aberta ao público no FIOTiño.

Tampouco faltarán á cita as primeiras pezas curtas do X Certame de Micro-Escenas M², un taller-laboratorio con Torta Torta e as últimas propostas da Rúa dos Contos (Pequenos pero faltón, El famoso Trino, O show e DJ Maikel), nunha semana especialmente intensa que permitirá comprobar unha vez máis a diversidade de formatos, linguaxes e públicos que caracterizan o #FIOT35.

CHAPITÔ REGRESA AO FIOT COA SÚA PARTICULAR ‘ODISEA’

O venres 9 de outubro, ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, a Companhia do Chapitô regresará ao FIOT para presentar Odisea, unha revisión libre, artesanal e profundamente cómica do clásico de Homero. 

Todo comeza no Olimpo, nesa familia disfuncional de deuses que pon en marcha unha sucesión de aventuras, naufraxios e malentendidos arredor de Odiseo, o heroe máis cansado da mitoloxía grega. Monstros, deuses de mal xenio, astucia, teimosía e resistencia danse cita nunha viaxe na que a épica queda sometida ao particular universo da compañía portuguesa.

A Companhia do Chapitô, un dos grandes referentes do teatro portugués contemporáneo, desmonta a solemnidade do mito e constrúe unha Odisea baseada no xogo teatral, a comedia de equívocos, a mitoloxía e o absurdo. A peza está interpretada por Jorge Cruz, Pedro Diogo e Pedro da Silva e dirixida por José C. García. A troupe mantén así a súa relación co FIOT, onde xa presentou outras das súas particulares revisións dos grandes clásicos da literatura e do teatro. 

GLORIA MUÑOZ PROTAGONIZA ‘LAS GRATITUDES’, ESTREA EN GALICIA

O sábado 10 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, chegará unha das grandes citas do Programa de Sala desta semana: Las gratitudes, de Producciones Teatrales Contemporáneas, en estrea en Galicia.

A obra parte da aclamada novela de Delphine de Vigan para construír unha historia sobre a memoria, os coidados, a vellez e esas palabras de gratitude que ás veces quedan sen dicir. Michka, unha muller maior que ve como a afasia vai apagando lentamente a súa voz, ingresa nunha clínica onde un logopeda traballará con ela mentres Marie, vinculada afectivamente á protagonista, tenta acompañala nese proceso.

A través da relación entre Michka, Marie e Jérôme, a proposta aborda con delicadeza a perda da linguaxe, a memoria e a necesidade de expresar o que sentimos antes de que o esquecemento ou o paso do tempo nos impidan facelo. A montaxe está protagonizada por Gloria Muñoz, Macarena Sanz e Rómulo Assereto e conta coa dirección do peruano Juan Carlos Fisher, un dos directores máis recoñecidos da escena contemporánea latinoamericana.

Las gratitudes chega ao FIOT como estrea en Galicia e reafirma a aposta do festival por combinar grandes nomes da escena con textos contemporáneos e propostas de referencia internacional.

‘DOMTE’: CIRCO, EQUILIBRIO E POESÍA NO PARQUE DO ANLLÓNS

Antes da función de Chapitô, o venres 9, ás 19.30 horas, o Parque do Anllóns converterase nun gran escenario de circo contemporáneo coa proposta Domte, de Nacho Flores. 

Quen doma a quen? Esta é a pregunta que atravesa unha creación na que troncos e táboas van construíndo pouco a pouco un enorme ser en equilibrio, unha escultura viva que desafía a física e a mirada do público. 

Inspirada nun imaxinario mitolóxico, a peza acompaña a transformación dun protagonista obsesionado con controlar todo o que o rodea e que acaba descubrindo que a verdadeira forza nace do equilibrio compartido. A música en directo e a colaboración do público no movemento das estruturas forman parte dunha proposta que viaxa entre minotauros, cabalos de Troia, quimeras e liberdade.

Creado e interpretado por Nacho Flores, Domte combina escultura, equilibrio, teatro físico e circo contemporáneo para crear unha peza visual, poética e cómica, tan delicada como espectacular, que reivindica a colaboración fronte á dominación individual.

O X CERTAME M² ESTREA AS SÚAS PRIMEIRAS MICRO-ESCENAS

O sábado 10 de outubro chegará tamén unha das citas máis singulares do FIOT: o X Certame de Micro-Escenas M², unha iniciativa pioneira en Galicia que leva o teatro a espazos cotiáns e non convencionais e sitúa o público a moi poucos metros dos intérpretes.

Entre as 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas, poderán verse dúas das pezas finalistas desta décima edición, ambas en estrea absoluta.

Na Conserxería do Pazo da Cultura, Iván Dávila presentará wOHrk, unha peza de clown e humor absurdo que parte da historia dun conserxe que recibe candidatos que buscan emprego e, tamén, un lugar onde vivir. A creación mergúllase na precariedade e nas fronteiras cada vez máis difusas entre a vida e o traballo.

Na Pastelaría Zuccaro, a Compañía Humana presentará A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, unha peza de teatro de obxectos na que un doutor convertido en sacarrollas, unha protagonista que é un queixo de tetilla e unha nai-cigarro se rebelan contra os estereotipos de xénero e a discriminación das mulleres na sanidade.

As seis pezas finalistas do X Certame M² —cinco delas estreas absolutas— foron seleccionadas entre 25 propostas recibidas. O certame mantén o seu carácter de laboratorio para experimentar con novos formatos, linguaxes e relacións entre espazo, artistas e espectadores.

A RÚA DOS CONTOS DESPÍDESE ENTRE A NOVA RETRANCA E O HUMOR

A Rúa dos Contos terá dúas novas citas esta semana. O xoves 8, ás 21.00 horas no Valle Inclán Café, Adrián do Regenco e Pablo Alvite presentarán Pequenos pero faltóns, unha hora de humor na que os dous intérpretes e creadores combinan monólogos, improvisación e interacción co público. A infancia dos anos 90, a tecnoloxía, as tradicións, as relacións persoais e as pequenas contradicións da vida cotiá son algúns dos temas que percorre esta proposta da nova retranca galega. 

O sábado 10, ás 23.00 horas na Bombonera, chegará El Famoso Trino, en estrea en Galicia. O fenómeno viral das falsas noticias cargadas de humor, retranca e sátira salta aos escenarios da man de Trino García, que recupera os personaxes e situacións máis coñecidos dos seus vídeos para construír un espectáculo de monólogos, sketches e improvisación.

E o domingo 11, ás 22.30 horas en A Reserva, será a quenda de O show, de Fábrica de Impro, unha proposta na que nada está escrito. As palabras e ideas que o público introduce en tarxetas convértense no punto de partida de historias que nacen e medran sobre o escenario sen guión nin rede de seguridade. Cada función é, polo tanto, irrepetible.

A noite continuará ás 00.00 horas con DJ Maikel, tamén en A Reserva, prolongando a programación da Rúa dos Contos máis alá do escenario.

FIOT EN RUTA: TEATRO DOCUMENTAL PARA RECUPERAR MEMORIAS SILENCIADAS

O domingo 11 de outubro, ás 12.30 horas, o FIOT en Ruta achegarase á contorna do cemiterio de Bértoa con Vidas enterradas, unha coprodución de L’Om Imprebís, Micomicón Teatro, Teatro Corsario e Teatro del Temple. Fotografías, cartas, cadernos e recordos compartidos serven para devolver o nome e a historia a persoas asasinadas durante a Guerra Civil e o franquismo. Os seus fillos, veciños e compañeiros son os encargados de romper o silencio e rescatar unhas vidas que quedaron fóra da historia oficial.

A proposta nace dunha premiada serie radiofónica de Javier del Pino, Conchi Cejudo e Gervasio Sánchez para a Cadena SER e reúne a seis dramaturgos —Mafalda Bellido, Juan Mayorga, Juan José Millás, Alfonso Plou, Laila Ripoll e Pepe Viyuela— e catro compañías de referencia da escena española.

A través dun caleidoscopio de relatos e monólogos, ‘Vidas enterradas’ constrúe un profundo mapa emocional sobre a memoria e sobre un silencio que comeza a romper.

‘LUBBERT’, UN UNIVERSO SURREALISTA EN CANCES

O domingo continuará a programación do FIOT en Ruta. Ás 18.00 horas, no Centro Social de Cances, Inda Pereda presentará Lubbert, un espectáculo de teatro físico e comedia xestual inspirado no enigmático universo de O xardín das delicias, de El Bosco.

Lubbert Dash é presentado como o primeiro bosquexo dun ser humano na Terra, un personaxe inocente e disparatado ao que lle encanta explorar mundos imaxinarios no seu xardín. Desde aí, o público mergúllase nun universo de situacións absurdas, imaxes surrealistas e criaturas grotescas.

Clown, mimo, teatro físico e humor bufonesco mestúranse nun espectáculo visual que, entre gargalladas, convida tamén a mirar o medio ambiente que maltratamos e as contradicións da condición humana. 

O OTNI ACHEGA A CARBALLO COA PREMIADA ‘YO NACÍ EN UN SURCO DE JUDÍAS’

O domingo 11, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, o OTNI presenta Yo nací en un surco de judías, de almealera, unha peza de teatro documental que pon no centro as voces de agricultoras e gandeiras e a relación coa terra.

A creadora Laura Santos percorreu 3.600 quilómetros para escoitar diferentes testemuños e transformar esas historias nunha peza sobre a agricultura, a gandería, a memoria e o futuro do mundo rural. Unha localizadora de cine que se fai labrega, unha nena que explica na escola como realiza a transhumancia na serra de Ávila, unha neorrural que se enfronta á burocracia da agricultura ecolóxica ou unha neta de campesiños que recupera uns bancais son algunhas das historias que compoñen o espectáculo.

Obxectos, ilustracións e relatos reais constrúen un universo poético arredor dunha pregunta: por que cada vez menos persoas queren traballar na agricultura e na gandería? O espectáculo nace do proxecto científico FARM, do CSIC, que investiga as causas da falta de relevo xeracional no sector e a súa relación co despoboamento, a masculinización e a sustentabilidade.

Yo nací en un surco de judías recibiu o Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo. 

‘OH! ONDE DETERSE A MIRAR’, PARA O PÚBLICO MÁIS NOVO

A programación desta semana terá tamén unha importante presenza para os públicos máis novos coa proposta Oh! Onde deterse a mirar, de AsSircópatas. 

O espectáculo poderá verse o xoves 8, ás 11.00 horas, nunha función escolar do FIOTeen, e regresará o luns 12, ás 18.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, dentro do FIOTiño, para ofrecer unha función aberta ao público familiar. 

A proposta de AsSircópatas forma parte das liñas específicas do FIOT dedicadas a achegar as artes escénicas aos públicos máis novos e combina circo e música nunha experiencia pensada para mirar, descubrir e conectar coa escena desde a infancia. O espectáculo figura no programa do festival tanto dentro do FIOTeen como do FIOTiño.

UNHA SEMANA TAMÉN PARA A CREACIÓN E O ENCONTRO

A programación desta terceira semana complétase o sábado 10 de outubro, de 10.00 a 13.00 horas no Pazo da Cultura, cun taller-laboratorio con Torta Torta, que se suma ás actividades de formación, creación e mediación que acompañan a programación escénica do festival. 

Estas actividades forman parte da aposta do FIOT por ofrecer unha experiencia que vaia máis alá da exhibición dos espectáculos e por xerar espazos de encontro entre artistas, público e comunidade.

UNHA COIDADA SELECCIÓN CO MELLOR DA ESCENA ACTUAL EN CARBALLO

“Cando todo cae, ven ao teatro”. Baixo este lema, chega unha nova entrega do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que celebra a súa 35ª edición do 23 de setembro ao 31 de outubro de 2026. Un ano máis, o festival busca reunir o mellor da escena actual en Carballo ao longo de cinco semanas, nun cartel ecléctico no que hai Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e Micro-escenas M2.

No rpograma da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo danse cita nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans (fundador de Tricicle), Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir.

En total, ‘o corazón do teatro en Galicia’ achegará a todos os públicos 43 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana,  Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares).

Á cita con esta nova entrega do FIOT non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións,  gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, un homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar a función, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono a Antonio Porteiro.

Toda a información de horas e venda de entradas está dispoñible na web do festival en www.fiot.gal. O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.

SOBRE O FIOT: 35 ANOS CREANDO TEATRO

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 35 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 34 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 360 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez, El Brujo, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval, Pablo Remón, Andrés Lima…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.

2026.10.06.NP-tercera-semana-FIOT35

A Deputación da Coruña aborda a colaboración entre Cultura e Acción Social para avanzar cara a unha participación cultural máis inclusiva

  • A xornada reuniu profesionais e experiencias de Galicia, Cataluña e Portugal para explorar novas formas de colaboración entre cultura e acción social.
  • O encontro analizou como incorporar a inclusión, a accesibilidade e a participación ao funcionamento das institucións culturais.
  • A Deputación dará continuidade ás xornadas o 17 de outubro cun encontro sobre cultura e saúde comunitaria.

A Área de Cultura da Deputación da Coruña celebrou este sábado a xornada Cultura e acción social, un encontro para analizar como poden colaborar os ámbitos cultural e social para favorecer unha participación cultural máis inclusiva e conectada coas persoas e as comunidades.

Profesionais da cultura, a acción social, a educación e o traballo comunitario compartiron experiencias e abriron un diálogo arredor das condicións necesarias para construír colaboracións efectivas, respectuosas e sostibles. A accesibilidade, a mediación intercultural, a creación artística comunitaria e os dereitos culturais articularon unha reflexión que puxo tamén o foco nos límites e responsabilidades que implica traballar con persoas e comunidades desde a cultura. “Queremos avanzar cara a unha maneira de entender a cultura na que importe o que facemos, os procesos e as redes que construímos. Traballar xunto ao ámbito social require escoita, coñecemento mutuo e respecto polos saberes e responsabilidades de cada parte. Apostamos por liñas de acción que inclúan a todas as persoas que fan comunidade, para facer accesibles non só os espazos, senón tamén as prácticas culturais.”, sinalou Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña.

Esta reflexión percorreu as diferentes experiencias compartidas durante a mañá. Eva García, especialista en creación artística comunitaria e mediación con perspectiva de dereitos, achegou as aprendizaxes das Jornadas de Inclusión en las Artes Escénicas e do Plan de Inclusión do INAEM, así como de Òpera Prima do Gran Teatre del Liceu –Cataluña–. A partir destes modelos, abordou como avanzar das accións puntuais cara a procesos capaces de incorporar a inclusión e a participación á propia maneira de traballar das institucións culturais.

Pola súa banda, Maria Vlachou, cofundadora e directora executiva de Acesso Cultura –Portugal–, abordou a cultura como ben común, ao mesmo nivel que ámbitos como a saúde ou a educación, e ampliou a reflexión sobre a participación cultural. Ademais das barreiras físicas, sociais ou intelectuais, puxo sobre a mesa cuestións como quen se sente convidado, representado e parte dos espazos culturais. Neste sentido, reivindicou tamén o papel da cultura na formación dunha cidadanía libre, con capacidade para pensar por si mesma e participar activamente na sociedade.

Estas perspectivas dialogaron coas experiencias desenvolvidas desde Galicia. Rubén Capelán, de Mada Producións, compartiu os retos e aprendizaxes de Cultura para todas, o programa de accesibilidade e inclusión nas actividades culturais da Deputación da Coruña, mentres que Mariana Rodrigo, de Ecos do Sur achegou a súa experiencia no traballo coa poboación migrante, a mediación intercultural e a participación comunitaria, incidindo nas barreiras que aínda dificultan unha participación cultural efectiva.

As intervencións deron paso a varias dinámicas de traballo en grupo, que permitiron compartir experiencias, identificar retos comúns e poñer en diálogo as diferentes perspectivas presentes na sala. A partir deste traballo, abriuse unha conversa co conxunto das persoas participantes para contrastar metodoloxías, dificultades e posibilidades de colaboración entre a cultura e o ámbito social, favorecendo o intercambio entre profesionais de distintos ámbitos e a reflexión conxunta arredor de como construír colaboracións máis sostidas, participativas e conectadas coas necesidades das comunidades.

A próxima xornada, o 17 de outubro

A Deputación da Coruña dará continuidade a este espazo de intercambio o sábado 17 de outubro cunha segunda xornada centrada nas relacións entre cultura e saúde comunitaria, que reunirá profesionais de diferentes ámbitos para compartir experiencias, contrastar prácticas e abordar as posibilidades e os límites da colaboración arredor da saúde, o benestar e a comunidade.

Máis imaxes dispoñibles aquí.

Sobre A Cultura é un Dereito

A acción cultural da Deputación da Coruña

Cultura, cooperación e territorio. A política cultural da Deputación da Coruña desenvólvese ao redor destes elementos, a partir dos cales procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.

Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social. E apostamos por traballar, para a conseguir, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Cooperamos cos concellos, as entidades e as e os artistas desde o local, desde a proximidade.

Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito. Que alimenta, que nos fai o que somos. O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas.

aculturaeundereito.gal

ButacaZero reúne a mozos e mozas de Vigo para revisitar en escena a gran folga obreira de 1972

O proxecto de mediación con adolescentes 1972, desenvolvido por ButacaZero, rescata un episodio da historia obreira do que non se conservan documentos gráficos

1972, coproducido por Teatro del Barrio e o Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad, presentará a súa mostra final os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika

Máis de medio século despois das mobilizacións que paralizaron a industria olívica, a compañía ButacaZero reúne a un grupo de adolescentes para investigar dende a escena un dos episodios máis relevantes da loita obreira da época franquista: a folga xeral de 15 días de setembro de 1972 en Vigo, meses despois de que Amador Rey e Daniel Niebla perdesen a vida a mans da Policía Armada durante as protestas dos traballadores de Bazán, en Ferrol.

Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, acompañados dun equipo de gradísimos profesionais das artes escénicas da zona, lideran o proxecto de creación e mediación cultural 1972. “A idea é organizarse colectivamente para ‘bailar a loita’, e que revivan cos seus corpos e voces a enerxía e o espíritu dun episodio do noso pasado do que non quedou unha soa imaxe para a posteridade”, apunta Carrodeguas. 

Laura R. Iturralde, Clara Ferrao, Juanma LoDo, Borja Carvajal e Pia Nicoletti acompañan dende o mes de setembro a Carrodeguas e Castiñeira nun proceso formativo multidisciplinar que combina danza contemporánea, sonorización, deseño audiovisual, iluminación, dramaturxia documental e dirección de procesos de creación colectiva no que colaboran tamén entidades como a Unión Comarcal CCOO de Vigo ou a Fundación 10 de marzo.

Os encontros formativos teñen lugar semana a semana no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), que abriu as súas portas xenerosamente ao proxecto. Era o lugar ideal para desenvolvelo xa que “que daquelas era unha cárcere”, tal e como lembra Carrodeguas. “Parécenos fundamental que, alén de adquirir coñecementos sobre iluminación, dirección ou sonoplastia nos obradoiros, as e os adolescentes aprendan do seu pasado, estreitamente vinculado coa loita sindicalista da súa cidade, e recuperen ese fito histórico desde as súas voces, miradas e inquedanzas”, sinala a directora e dramaturga. O proxecto culminará coa presentación dunha mostra do traballo desenvolvido. Será os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika, quen colabora tamén co proxecto, e que está situada na zona portuaria de Vigo, escenario dos paros de 1972. A entrada será de balde, previa retirada de convites a través da web da sala. 

Entradas ‘1972’ na Sala Ártika

Actividades complementarias

Dentro da programación do proxecto desenvolveranse dúas actividades complementarias e previas de mediación coa cidadanía. O xoves 8 de outubro, ás 19:00 horas, celebrarase o Conversatorio Interxeracional, unha conversación aberta ao público no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), na que o grupo de adolescentes dialogará con algunhas persoas implicadas e vinculadas coas protestas de 1972 para avanzar coa súa investigación escénica.

Tres días máis tarde, na mañá do domingo 11 de outubro, terá lugar un roteiro pola memoria obreira de Vigo, no que se porá o foco no percorrido histórico que vai desde PSA-Citroën, un dos epicentros da loita sindicalista, ata A Madroa, onde tiñan lugar as reunións nocturnas dos diferentes comités implicados para debater a continuidade da folga. O roteiro, que se fará en bus, é de acceso gratuíto previa inscrición a través do correo electrónico info@butacazero.org

Barrios en lucha

1972 é un dos nove proxectos de creación escénica que forman parte de Barrios en lucha, un proxecto desenvolvido e coordinado por Teatro del Barrio para o Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad. No caso vigués, tal e como puntualiza Esther F. Carrodeguas, “non se tratou dun único barrio, senón da loita dunha cidade enteira”.

1972

Proxecto de mediación-creación con adolescentes.

Investigación escénica arredor da folga xeral de Vigo en setembro de 1972.

Ficha artística e técnica

  • Produción: Teatro del Barrio, Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad e ButacaZero. 
  • Autoría: Esther F. Carrodeguas 
  • Dirección: Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira 
  • Elenco: Gerogito, Paovan, Iago TR., Maverick, Azalia Mera, Bella, Noa Pena, María Lago, Nai T.G, Paula Arias 
  • Coreografía: Clara Ferrao
  • Deseño de son: Juanma LoDo
  • Deseño de iluminación: Laura R. Iturralde 
  • Videoescena: Borja Carvajal 
  • Coordinación pedagóxica: Pia Nicoletti

ButacaZero

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade desde unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como A velada de Londres, IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.

Guadi Galego volta ás salas pequenas con 4 concertos íntimos e exclusivos en Santiago e Ourense

O ESPECTÁCULO ONÍRICOS E OUTROS DELIRIOS TERÁ LUGAR O 13 E 14 DE NOVEMBRO NO CAFÉ AURIENSE (OURENSE) E O 3 E 4 DE DECEMBRO NA SALA RIQUELA (SANTIAGO DE COMPOSTELA)

AS ENTRADAS SAIRÁN Á VENDA MAÑÁ VENRES 2 DE OUTUBRO ÁS 12:00H EN ENTERTICKET.ES, BAIXO UN AFORO MOI REDUCIDO

Baixo o nome de Oníricos e outros delirios, Guadi Galego volta ás salas pequenas para propoñer unha experiencia na que recuperar a conexión e proximidade co público será o eixo central do espectáculo. A cantante presenta catro concertos íntimos en formato trío nos que interpretará as cancións de Pélago. Contos oníricos, o seu último disco, xunto con algúns dos seus grandes éxitos e temas que nunca interpretou en directo. Tras o éxito do seu concerto de fin de xira na sala Capitol o pasado ano, a artista galega propón unha experiencia exclusiva que só se poderá desfrutar o 13 e 14 de novembro na sala Auriense de Ourense e o 3 e 4 de decembro na sala Riquela de Santiago de Compostela. As entradas á venda sairán mañá venres 2 de outubro ás 12:00h en enterticket.es.

Oníricos e outros delirios nace da necesidade de Guadi de poñer en valor o directo, poñendo ao público no centro da conexión entre a súa música e ela. Estes catro concertos están concibidos como unha experiencia íntima na que poder sentir de preto e achegarse ao xerme da música da cantante, nunha necesidade da propia artista de deixar de lado a celeridade do consumo para poder gozar de novo coa súa xente da conexión coa súa música sen artificios. Para iso, percorrerá dúas localizacións importantes na súa vida e que forman parte dela de maneira fonda: Santiago de Compostela, á que considera parte da súa casa, e a sala Auriense, escenario ao que garda especial cariño por ser punto de partida e de finalización dalgunhas das súas etapas na súa carreira.

Para crear esta experiencia, Guadi Galego está a desenvolver un directo en formato trío xunto con Vic Moliner, un dos produtores das súas últimas músicas, e Iago Carro. Xunto a eles, reivindicarán a música en directo, tratando de mergullar ao público na orixe deses temas. Para iso, o piano de Guadi, o baixo e sintetizadores de Vic e a batería de Iago terán un peso importante, buscando transmitir a verdade do que foi o proceso compositivo, achegando máis aos músicos e ao público, e deixando de lado as dinámicas de consumo rápido que se está a vivir no contexto musical actual. 

MÁIS SOBRE GUADI GALEGO

Guadi Galego é unha das figuras máis relevantes e influentes da música galega contemporánea. Compositora, intérprete e produtora, a artista leva décadas expandindo a súa sensibilidade e a súa inquedanza musical cara a conexión entre a experimentación e a tradición, poñendo o foco na emoción e a honestidade. 

Dende os seus comezos como parte de Berrogüetto, unha das bandas máis importantes do folk galego, a súa carreira está marcada pola importancia dos seus proxectos, aportando un legado musical e de recoñecementos que a sitúan como unha das grandes referentes da música galega. Dende unha consideración aos Latin Grammy ou un premio ao Mellor Grupo Folk Europeo, ata formar parte de proxectos xunto a outras grandes figuras da música feita en Galicia como Abe Rábade e Ugia Pedreira en Nordestin@s ou Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero en aCadaCanto.

A súa carreira en solitario reafirmou o camiño transitado durante os anteriores proxectos, sendo unha das voces máis relevantes dos últimos anos. Guadi Galego construíu arredor da súa carreira un espazo de desenvolvemento de novas sonoridades dentro da canción galega, así como de encontro interxeracional do talento, con colaboracións xunto a voces da talla de Iván Ferreiro, Vega, Andrés Suárez, Tanxugueiras ou Xabier Díaz, entre moitos outros. 

Esta traxectoria foi recoñecida en numerosas ocasións con prestixiosos galardóns como o Premio da Crítica de Galicia, diversos Premios Martín Códax da Música, o Premio á Promoción da Realidade Pluriligüe do Estado ou o Premio Rebulir da Cultura Galega, entre outros. Estes recoñecementos non fan máis que reafirmar a súa posición como unha das artistas máis importantes da música galega, así como o seu status como unha das voces máis inspiradoras e necesarias da cultura contemporánea de Galicia.

Venres, 13 de novembro – OURENSE – Café Auriense 

Prezo: 20€ + gx

Venda online: https://www.enterticket.es/eventos/guadi-galego-oniricos-e-outros-delirios-ourense-venres-13-novembro-183508

Sábado, 14 de novembro – OURENSE – Café Auriense 

Prezo: 20€ + gx

Venda online: https://www.enterticket.es/eventos/guadi-galego-oniricos-e-outros-delirios-ourense-sabado-14-novembro-825361

Xoves, 3 de decembro – SANTIAGO DE COMPOSTELA – Sala Riquela

Prezo: 20€ + gx

Venda online: https://www.enterticket.es/eventos/guadi-galego-oniricos-e-outros-delirios-santiago-xove-369063

Venres, 4 de decembro – SANTIAGO DE COMPOSTELA – Sala Riquela

Prezo: 20€ + gx

Venda online: https://www.enterticket.es/eventos/guadi-galego-oniricos-e-outros-delirios-santiago-venres-4-decembro-351277

Proxección do documental PRISCILIANO E A GALLAECIA, de Aser Álvarez, na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba, a proxección do documental PRISCILIANO E A GALLAECIA, de Aser Álvarez, producida por Arraianos Producións, e apoiada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A proxección, terá lugar o venres 9 de outubro de 2026, ás 20:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA-INFORMATIVA-PRISCILIANO

Inauguración da exposición fotográfica “A luz resucitada. Un achegamento ao poeta Manuel María”, de Manuel Lemos, e do Espazo Cultural Manuel María

Coincidindo coa celebración do aniversario do nacemento de Manuel María este luns, 5 de outubro, ás 19 hrs, inaugúrase no Centro Ágora da Coruña a exposición fotográfica de Manuel Lemos A luz resucitada. Un achegamento ao poeta Manuel María. Será ás 19 horas e intervirán, alén de Manuel Lemos, Pilar Pallarés e Alberte Ansede. A actividade está organizada pola Asociación Veciñal Agra do Orzán.

O martes, 6 de outubro, ás 19.30 hrs, inauguramos o novo Espazo Cultural Manuel María (rúa do Socorro, 30, baixo, A Coruña).