Andrés Rivas Rodís no Auditorio de Galicia, 10/10/2025
O artista Andrés Rivas Rodís, representado por NÉBOA, gaña o Premio Auditorio de Galicia e é recoñecido como Mellor Artista Emerxente en SWAB Barcelona 2025
O artista Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000), representado pola Galería NÉBOA (Lugo), foi distinguido recentemente co XIV Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, un dos galardóns máis relevantes da escena artística galega para creadores menores de 40 anos. A decisión do xurado deulle o primeiro premio pola súa obra “Variacións sobre o recipiente”, presentada na exposición colectiva inaugurada o pasado venres na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia.
Este recoñecemento súmase ao Premio ao Mellor Artista Emerxente Menor de 35 anos obtido durante a última edición de SWAB Barcelona (2–5 de outubro de 2025), feira internacional de arte contemporánea onde NÉBOA participou por primeira vez dentro da sección MyFAF (My First Art Fair). O galardón, concedido pola organización da feira, implica tamén a incorporación dunha obra de Rivas Rodís á Colección MANGO, consolidando así a proxección internacional do artista.
A proposta presentada por NÉBOA en SWAB reuniu obras de Andrea Davila Rubio e Andrés Rivas Rodís, dúas voces destacadas da nova creación galega, nun proxecto que exploraba as relacións entre corpo, territorio e memoria. A galería, dirixida por Alba López Porto, foi a única galega presente na feira, reforzando o seu compromiso coa difusión da arte contemporánea de Galizia no contexto estatal e internacional.
A traxectoria de Andrés Rivas Rodís destaca pola súa investigación arredor da linguaxe pictórica e a construción das imaxes desde unha aproximación conceptual e procesual. Graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco, actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo.
Ademais, a súa obra foi recoñecida na feira de ArteSantander 2025 con tres premios de adquisición, na que, coa participación da Galería NÉBOA, pasou a formar parte das coleccións Norte do Goberno de Cantabria, a Fundación Campocerrado e a Kells Art Collection.
Andrés Rivas Rodís, fragmento da obra ‘Variacións sobre o recipiente’, 2025.
Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) desenvolve a súa práctica artística entre Galiza, Valencia e o País Vasco. O seu traballo parte dunha investigación plástica arredor da linguaxe, a superficie pictórica e a construción das imaxes, a miúdo dende unha aproximación conceptual e procesual.
É graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València (2022) e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco (2024). Actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo e foi residente en Piramidón Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2025) e nas Residencias Artísticas Celestino Cuevas (Reinosa, 2025).
Nos últimos anos recibiu varios recoñecementos, entre eles foi gañador da XIV Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis (2025), Premio o Mellor Artista Emerxente de SWAB (2025), Premio Gaztea do Concello de Leioa (2024) e o Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París, 2022) polo seu proxecto Luz negra. Foi tamén finalista do certame Xuventude Crea (2020 e 2021) e seleccionado para o Encontro de Artistas Novos EAN11 na Cidade da Cultura de Galicia, baixo a coordinación de Rafael Doctor.
Entre as súas exposicións destacan Isabelle Dinoire no Espazo Peculiar (Oleiros, A Coruña, 2025), Gramática de superficie na Galería NÉBOA (Lugo, 2024), a colectiva Territorio Contemporánea 2025, Sala ABANCA (Santiago de Compostela, 2025). En 2024 foi seleccionado para a exposición PLURI-IDENTITATS. IV Convocatòria Biennal d’Arts Visuals no Museu de la Universitat d’Alacant (Sala Sempere, 2025), así como para a mostra colectiva Tres o Cuatro Metros, organizada pola UPV/EHU en colaboración coas Xuntas Xerais de Bizkaia. Participou tamén na colectiva dos galardoados coa Cátedra Faustino & Willy Ramos na Galería Lupe Fullana (Valencia, 2023), o XXVI Certame de Novos Pintores da Fundación Gaceta (Salamanca, 2023), Paisaxe_0 na Galería Metro (Santiago de Compostela, 2022), A imaxe da memoria na Biblioteca Azorín (Patraix, Valencia, 2022), Xuventude Crea na Igrexa da Universidade (Santiago de Compostela, 2021) e Hidden Sessions co colectivo Orbis Vacui no Centro Cultural Escola de Russafa (Valencia, 2020).
A súa obra está presente en coleccións públicas e privadas como a Colección Norte do Goberno de Cantabria, a Fundación Campocerrado, KELLS Art Collection e a Colección de Arte MANGO.
Las Migas levará a súa xira estatal ao Teatro Colón da Coruña. Será o próximo domingo 30 de novembro, e as súas entradas están xa dispoñibles en entradas.ataquilla.com. A xa considerada como unha das formacións máis exitosas do flamenco nos últimos anos trasladará ao directo o seu disco “Flamencas”, co que acadaron unha nominación este mesmo ano aos prestixiosos LaTIN Grammy, xunto a algúns dos temas que marcaron a súa carreira. Tras 20 anos sobre as táboas, nos que se alzaron con, precisamente, un Latin Grammy e colleitaron ata 4 nominacións aos mesmos, o cuarteto emprende a súa xira de teatros e auditorios tras o lanzamento do seu novo álbum. Seis discos de estudo, concertos en máis de 50 países e galardóns como dous Premios MIN ou un Premio +Músicas amparan unha das carreiras máis destacadas dentro do xénero.
O grupo composto por Paula Ramírez (voz), Marta Robles (guitarra e voz), Alicia Grillo (guitarra e voz) e Laura Pacios (violín e voz) continúa amosando que o flamenco ten novas voces, novas formas e unha enerxía feminina capaz de transcender fronteiras. “Flamencas”, novo traballo discográfico, supón un vibrante regreso á orixe máis pura e tradicional do xénero, sen deixar atrás a personalidade e frescura que as consolidou como unha das propostas máis destacadas e recoñecidas do flamenco contemporáneo a nivel internacional.
Este novo traballo configúrase como unha evolución da súa linguaxe: unha homenaxe á pureza do flamenco, interpretado dende unha ollada fresca, libre, contemporánea e empoderada. Cante, toque e compás conviven con arranxos coidados e unha sensibilidade moderna, ademais dunhas poderosas letras onde o cuarteto intenta derrubar estereotipos clásicos masculinos do flamenco cunha proposta en directo cun demoledor discurso visual, que buscará arrincar as ovacións do público coruñés.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe de ficción HONEYMOON, dirixida por Enrique Otero, continuando así co CICLO MESTRE MATEO-2025que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta OITAVA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o mércores 22 de outubro de 2025, ás 20:30 horas.
A entrada será de balde apero haberá que facer reserva de localidade na web www.entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura de Vilalba.
A compañía rioxana El Perro Azul (A Rioxa) presentará Globe Story en Negreira o venres 17, mentres que as asturianas La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo levarán a súa Zozobra a Outes o domingo 19
A compañía coruñesa Pérez&Fernández remata este venres o seu periplo coa última función de Nanay de la china en Autol, na Rioxa
A sétima edición do proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas Camiño Escena Norte afronta a súa penúltima fin de semana de programación en Galicia. As localidades de Negreira e Outes acollerán tanto o venres 17 coma o domingo 19, respectivamente, dúas novas funcións do Itinerario Constelacións, a programación de teatro, danza e circo que compañías de Asturias, Cantabria, Esukadi, Navarra, A Rioxa e Galicia ofrecen nos seis territorios participantes no proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A compañía rioxana El perro azul regresa a Galicia para presentar en Negreira Globe Story,peza que, a través da linguaxe do cinema mudo, emprega a súa comicidade e ritmo trepidante para contar unha historia de amor. A función, apta para todos os públicos e sen texto, que se acompañará de música de piano en directo, terá lugar este venres 17 ás 20.30h no Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón
Dous días despois, o domingo 19, as asturianas La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo visitarán os escenarios galegos por última vez nesta edición de Camiño Escena Norte para para presentar a súa coprodución Zozobra, “unha labazada de teatro que axita rúas e conciencias. Un agudísimo xute humorístico e reflexivo da España cañí“. A creación para público adolescente e adulto poderase ver a partir das 20.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Outes.
Quen tamén remata esta fin de semana o seu periplo por Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa son as compañías galegas. Concretamente, a coruñesa Pérez & Fernández interpretará a última función de Nanay de la China na localidade rioxana de Autol. Ao rematar a sesión, dirixida a público familiar, Victoria Pérez e Manu Fernández participarán nun encontro coas e cos asistentes.
ZozobraZozobraGlobe Story
AXENDA 17 A 9 DE OUTUBRO | CAMIÑO ESCENA NORTE 2025
17.10, 20.30h | Negreira. Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón
Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)
Teatro. Todos os públicos. Venda de entradas: www.woutick.es (3€)