Imaxe tomada da web de Escena Galega

As compañías poderán presentar as súas propostas entre o 16 e o 22 de novembro para formar parte dun proxecto que levará as artes escénicas ao público escolar de Galicia en marzo e abril de 2027

A fase 0 – proba piloto ten previsto chegar a 8 localidades nas catro provincias galegas e está aberta a espectáculos de todas as disciplinas e estéticas, dirixidos ao alumnado desde Educación Infantil ata Bacharelato

Escena Galega abre o prazo de inscrición de espectáculos para a fase piloto de PALCOESCOLA, Circuíto Galego de Artes Escénicas no ámbito escolar, unha iniciativa que busca achegar as artes escénicas á comunidade educativa e favorecer o acceso do alumnado a propostas profesionais de teatro, danza, circo e outras disciplinas.

As compañías interesadas poderán presentar os seus espectáculos desde o luns 16 ata o domingo 22 de novembro, ás 23.59 h, exclusivamente a través do formulario de inscrición dispoñible en www.escenagalega.gal. Non se admitirán propostas fóra deste prazo nin por outras vías.

O proxecto de Escena Galega está concibido para conectar as artes escénicas co público escolar, non só a través da programación de espectáculos, senón tamén mediante recursos e accións que favorezan a relación entre as creacións artísticas e o alumnado. Esta primeira fase piloto desenvolverase durante os meses de marzo e abril de 2027 e ten previsto chegar a 8 localidades das catro provincias galegas. Neste momento, conta xa co apoio de cinco concellos: Vimianzo e Outes, na Coruña; Vilalba e Viveiro, en Lugo; e O Barco de Valdeorras, en Ourense. A experiencia servirá de paso previo á posta en marcha dunha primeira edición do circuíto no curso escolar 2027-2028.