Este pasado domingo, durante a celebración do V Magosto Cal Da Loba, comunicouse a resolución da quinta edición do Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, convocado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Caldaloba.es e Culturalia GZ. O xurado de dito certame, integrado por Lola Domínguez, Xesa Roca e Noa Pena, despois de valorar case medio cento de obras presentadas, tomou a seguinte decisión:

Primeiro premio á obra Constanza no espello, cuxa autoría corresponde a Nanda Misa, de Nigrán.

Segundo premio para o caligrama 11 pulsos contra o esquecemento, da coruñesa Alba Rodríguez.

A entrega de galardóns celebrarase na Biblioteca Rural San Martiño de Pino no mes de febreiro de 2026, coincidindo cos actos arredor do Día de Rosalía.