NON CHO PODO DAR, TEMA CONXUNTO COA SÚA COMPAÑEIRA DE EDICIÓN EN OT 2018, SAE CUN VIDEOCLIP GRAVADO EN CERVO CON REFERENCIAS Á MARUXAINA
Sabela publica o seu tan esperado EP, Bríllanche os olliños. Nel, a cantante aposta por poñer en valor o mundo e a vida rural, dende o máis cotiá ao popular. As lendas, os oficios, figuras como Maruja Mallo, os animais ou mesmo o desexo son temas nos que a artista afonda neste traballo discográfico. Seis temas que transitan o pop electrónico dende vertentes máis eufóricas ata outras máis ambient, pasando por tons máis eclécticos ou intimistas. Aos xa publicados Hi, my love, Eu espero aquí, Camponarai, Cerca de ti e A quen ignora, únese Non cho podo dar, focus track do EP que sae en colaboración coa súa compañeira de edición en Operación Triunfo, María Escarmiento.
NON CHO PODO DAR, FOCUS TRACK XUNTO A MARÍA ESCARMIENTO
A canción destacada de Bríllanche os olliños é o tema Non cho podo dar, que ve a luz en colaboración cunha compañeira de edición do programa televisivo Operación Triunfo, María Escarmiento. Esta unión entre dúas amigas deu como resultado un tema de pop con sons máis ambientais e retrousos instrumentais, pero cun ton moito máis directo.
Nel, Sabela e María xogan coa idea de amar fóra do socialmente establecido, reivindicando que sentir nunca é un erro, por moito que desafíe as normas impostas. O tema nace desa capacidade inmensa de amar máis alá do permitido, de amar sen culpa; desa honestidade que leva a cuestionarse se o problema está en quen sente ou en quen impón os límites.Ao longo do tema extráense referencias aos mitos das sereas: mulleres libres, temidas e xulgadas por ser diferentes. En conexión con isto, o videoclip que o acompaña, gravado en Cervo, recolle a esencia dunha das grandes lendas da Mariña lucense, a Maruxaina, símbolo desa liberdade rebelde e indómita.
A PORTADA E A PRODUCIÓN
Este novo traballo discográfico da de Ourol tenta reivindicar o local como o concepto do que nace todo. Bríllanche os olliños é esa referencia galega á reacción tan xenuína como pura das cousas que te ilusionan, que che sentan ben. Dende este punto, Sabela constitúe un contexto no que converxen as distintas facetas da súa vida no rural. A portada do EP non deixa de ser outra defensa de que non é preciso marchar do rural para atopar o talento, xa que está confeccionada polo ilustrador e tatuador Pérez, natural de Viveiro. Nela podemos atopar referencias claras tanto ao título do disco, co ollo e o brillo que sae del, como a temas incluídos dentro do mesmo, como pode ser Non cho podo dar e esa referencia ás sereas.
O EP está confeccionado dende o rural pero cun son internacional, onde a faceta experimental de Sabela fixo que tomara a iniciativa de producir os seus temas baixo este prisma. Unha proposta ambiciosa que destaca as distintas versións que pode ofrecer a artista galega, dende o proceso de composición da letra ata o proceso de produción do tema. Este traballo recoñece a versatilidade da de Ourol e eleva o teito do seu pop electrónico a niveis de execución.
Este EP conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, Sabela presenta o seu novo EP, Bríllanche os olliños, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e Camponarai, Cerca de ti, A quen ignora e Non cho podo dar, en colaboración con María Escarmiento, son os temas que o compoñen.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Bríllanche os olliños, último traballo discográfico de Sabela, vén de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.
TEXTO-PROMO-EP-BRILLANCHE-OS-OLLINOS-SABELA 20251024-NP-GAL-LANZAMENTO-EP-SABELA-BRILLANCHE-OS-OLLINOS

