Blanca Gómez Terán e Óscar Bueno inician as súas ‘Residencias Paraíso 2026’ no Vello Cárcere de Lugo

Desde este luns 17 e até o xoves 27 de agosto, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, Blanca Gómez Terán traballará  na súa proposta Como cuando el pelo se eriza

Mentres, Óscar Bueno fará o propio co seu proxecto La excitación del paisaje: conferencia montañera

Unha vez finalizadas as súas residencias, ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar o xoves, 27 de agosto, ás 20.00h, no mesmo vello Cárcere de Lugo, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo

Paralelamente, a artista e o creador e intérprete participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

A artista Blanca Gómez Terán e o creador e intérprete Óscar Bueno inician este luns, 17 de agosto, en Lugo, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Deste xeito, o Vello Cárcere da cidade amurallada acolle, até o xoves, 27 de agosto, estas dúas novas residencias artísticas de RPM en 2026, en torno ás propostas Como cuando el pelo se eriza, de Blanca Gómez Terán, e La excitación del paisaje: conferencia montañera, de Óscar Bueno.

Unha vez finalizadas as súas residencias artísticas, os creadores ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere de Lugo, o xoves, 27 de agosto, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, Blanca e Óscar participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

SOBRE OS PROXECTOS

Como cuando el pelo se eriza

Este proxecto parte dunha incoherencia: unha desgarrada carencia de desexo e unha necesidade de facer o que me dea a gana. De aí nace unha investigación coreográfica obsesionada co capricho. Capriccio do italiano: combinación de caput (cabeza) e ericius (ourizo). As primeiras semánticas do termo aparecen no século XIII, onde se refería á sensación dun tremor súbito, como cando o pelo se ouriza de espanto. Durante o Barroco temperán, o significado evolucionou cara a «antojo repentino». Neste mesmo marco temporal, o termo comeza tamén a designar un tipo de formas artísticas, un xénero musical, pictórico e arquitectónico.

Como cuando el pelo se eriza é un proxecto coreográfico ao que lle interesa xogar e afondar nunha constelación semántica que deriva deste tremor súbito: o desexo, a clase e o tempo. Un corpo impaciente que habita unha relación cunha ausencia, unha potencia de algo que aínda non está, non é e que, tal vez, nunca sexa. Esa potencia especulativa paréceme extremadamente erótica e quero incorporala a través de “tal vez” bailes e de “tal vez” cantares.

La excitación del paisaje: conferencia montañera

La excitación del paisaje é un proxecto de investigación artística desde o que me propoño a paisaxe non como algo dado, senón como unha relación: a que se establece entre quen mira e aquilo que é mirado. Nese cruzamento, a paisaxe aparece como un campo de preguntas sobre a nosa relación co contorno.

Corpo, imaxe e son actívanse como ferramentas para desprazar esa relación e ensaiar outras formas de vincularnos co contorno. Non se trata só de mirar, senón de preguntarse que ocorre nese acto, que tipo de presenza produce e como pode transformarse.

Este proxecto nace do proceso de investigación La excitación del paisaje: La roca blanda, realizado nos Pireneos entre finais de 2025 e comezos de 2026. Trátase da Paisaxe nº4 e céntrase nas paisaxes que construímos coas montañas. Fronte á súa escala e á súa aparente inmobilidade, a rocha —dura, pesada— proponse como materia sensible: algo que pode escoitarse, rodearse, imaxinarse e incluso trasladarse. Tamén suavizarse: alterar o seu peso, desprazar a súa escala, abrila a outras percepcións. Mirala desde outros puntos de vista e achegala ao corpo.

O proxecto despregase en distintos formatos —encontros, materiais visuais e sonoros e un dispositivo escénico— e, nesta ocasión, toma a forma dunha conferencia expandida: un espazo onde a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse.

SOBRE AS ARTISTAS

Blanca Gómez Terán nace nun tórrido mes de xullo de 1990, no barrio de Prosperidade de Madrid antes da súa xentrificación, baixo un sol en Cáncer e un ascendente Xemelgos que contrarresta o melodrama canceriano. Vive entre Madrid e Gießen, onde está a finalizar o Máster en Coreografía e Performance na Justus Liebig Universität de Gießen, Alemaña. Este xullo, ademais, formou parte do programa DanceWEB no marco do festival Impulstanz.

Con formación en Arquitectura, o seu traballo móvese entre as artes vivas e visuais, abordando a coreografía como un medio de investigación perceptiva e política. Paralelamente á súa formación como arquitecta, recibiu formación en danza contemporánea e noutras disciplinas das artes en vivo. Viviu en Brasil durante case dous anos e realizou a primeira edición do PACAP (2017), no Forum Dança de Lisboa, onde desenvolveu o seu primeiro solo peça um.

Móvea unha paixón visceral pola danza e a coreografía, así como pola necesidade política de pensar a través do corpo. Gústanlle a maxia, o escuro, bailar, os sons e o descoñecido. Ademais, desenvolve unha práctica profesional vinculada ao deseño gráfico e editorial, realizando identidades gráficas para diversos artistas, comisarios e proxectos culturais.

No seu percorrido nas artes en vivo desenvolveu traballos propios e en colaboración en espazos como La Poderosa (BCN), La Caldera (BCN), Bombom Projects (BCN), Espaço Alkantara (Lisboa), Pradillo (MAD), La Casa Encendida (MAD), CA2M (MAD), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MAD), Mousonturm e Frankfurt Lab, entre outros.

En ocasións fai cartas astrais.

Óscar Bueno (1985, Avilés, Asturias) é licenciado en Arte Dramático pola ESAD de Asturias na especialidade de Interpretación Textual, titulado en Grao Profesional de Música con especialización en Piano e máster en Práctica Escénica e Cultura Visual pola Universidade de Castilla-La Mancha e o Museo Reina Sofía (Madrid).

A súa práctica móvese de maneira constante entre o performativo, o musical e o visual, de forma máis ou menos intencional. Defínese como creador e intérprete, pero tamén traballa acompañando procesos doutros artistas.

Para desenvolver a súa práctica, xera marcos de traballo o suficientemente amplos como para afondar en distintas preguntas desde múltiples puntos de vista. O primeiro gran marco desde o que traballou titúlase Sonidación (o acto de xerar son mentalmente). Dentro deste espazo de investigación desenvolveu as pezas Soundtrack (2017), Amarillo Chillón (2017), Estudios para sonidación 1 (2020), Estudios para sonidación 2 (2021) e Estudios para sonidación 3 (2022).

O segundo gran marco de traballo, no que actualmente se atopa inmerso, titúlase La excitación del paisaje. Nel regresa ao son e propón como, desde a música, a imaxe e a performatividade, é posible reflexionar sobre as nosas relacións coa natureza. Dentro deste marco desenvolveu as pezas Apoyatura (2023), estreada no festival TNT; Vientos (2023), estreada no festival Supernova do Centro Conde Duque; Río (2025), estreada no festival Bosque Real; e La roca blanda (2025 – 2026), en residencia co CDAN.

Desenvolveu tamén diversos proxectos colaborativos e educativos, como os Talleres Sinfónicos para Familias no CA2M e La Casa Encendida (xunto coa artista Itxaso Corral), así como distintos laboratorios de creación sonora e musical en colaboración con institucións como Graner, o Museo Thyssen Málaga ou o MACBA, entre outros.

Realizou residencias artísticas en centros como Graner, La Casa Encendida, Casa Wabi (Oaxaca), o Centro Cultural de España en México e as Residencias Paraíso, e colabora habitualmente con artistas como Cris Blanco, Cuqui Jerez, María Jerez ou Anto Rodríguez.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.

Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2026.08.17.-NP-Residencias-Paraiso-LUGO

Concerto do grupo DAKIDARRÍA na Praza da Igrexa de Vilalba

Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza, coa financiación e apoio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e a colaboración do Concello de Vilalba, o concerto do grupo DAKIDARRÍA.

O evento, enmarcado na programación do Iescha para as Festas de Vilalba, terá lugar o venres 21 de agosto de 2026, ás 22:00 horas, na Praza da Igrexa de Vilalba.

A X edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT xa ten finalistas

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo da a coñecer  os espectáculos experimentais de pequeno formato seleccionados polo xurado como finalistas do Certame Micro-Escenas M2, que poderán verse este outubro na 35º edición do FIOT

Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (5 delas, estreas absolutas) son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez;  e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas

O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experienciasescénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes

As propostas finalistas poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT35: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell, a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit

Estas pezas finalistas do X Certame Micro-Escenas Mrecibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso


A X edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT ten xa finalistas. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu hoxe a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados como finalistas do certame e que poderán verse este mes de outubro durante a celebración da 35º edición do FIOT. 

Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 5 serán estreas absolutas) son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas. Son propostas que transitan por disciplinas tan diversas como o clown, o teatro de obxectos, o teatro de máscaras, a danza, o teatro físico ou o de actor.

O xurado de profesionais das artes escénicas desta X edición do Certame Micro-Escenas Mestivo integrado por Caterina Varela, artista, comisaria e xestora cultural, directora das Residencias Paraíso, do Colectivo RPM; Gustavo del Río, director, dramaturgo e xestor cultural; Alba Bermúdez, actriz e codirectora da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.

En palabras do xurado: “esta décima edición do Certame de Micro-Escenas M2 continúa reafirmando o seu compromiso coas artes vivas, coa investigación de novas linguaxes, coa exploración de novos formatos e co impulso de compañías e creadores emerxentes. É un laboratorio aberto para experimentar cos límites do teatro e expandir as súas formas”.

Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2026 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT35: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell,  a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit. A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo. Dadas as limitacións de aforo, recoméndase facer unha reserva no enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com unha vez anunciado o programa do #FIOT35 o vindeiro mes de setembro. 

Sen barreiras, sen distancias, sen rede. O teatro cara a cara. Próximo, fugaz, en estado puro. O Certame Micro-Escenas Mé teatro que irrompe no cotián, instalándose en espazos de vida compartida… condensado a súa forza a metro cadrado. Unha experiencia íntima e envolvente que sitúa ao público a un paso da escena. Unha oportunidade para cruzar miradas, sentir a proximidade dos intérpretes, escoitar cada respiración, e descubrir xestos, sons e aromas que transforman o encontro teatral nunha vivencia distinta e intensa. Deste xeito, esta X edición do Certame de Micro-Escenas Mdo FIOT continúa apoiando a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar sobre os límites do feito teatral.

A 6 pezas finalistas do certame neste 2026 recibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.

CALENDARIO REPRESENTACIÓNS X CERTAME MICRO-ESCENAS MNO #FIOT35 

Sábado 10 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

IVÁN DÁVILA

wOHrk 

ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Conserxería do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n – andar 0)

COMPAÑÍA HUMANA

A vinganza contra o Dr. Tirarrollas 

ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Pastelaría Zuccaro (Gran Vía, 46)

Sábado 17 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

LA TERCERA

Fogar 

ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Xardín Rosalía de Castro (Parque do Anllóns)

CANDIL TEATRO

A casa do avó 

ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Buy & Sell (rúa Estrela, 18)

Sábado 24 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

ALICIA LÓPEZ MÉNDEZ

A vergonza era verde e comeuna a vaca

Lugar: Upa! (praza do Concello, Exterior 5 Mercado Municipal)

ATERRADAS

Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela 

ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Sweet Spirit (rúa Valle-Inclán, 14)

UN CERTAME PIONEIRO EN GALICIA

Certame Micro-Escenas M2 unha das súas principais liñas de programación do FIOT, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nacido ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. 

As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, o certame ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos. 

O pasado mes de maio, o FIOT abriu a inscrición da décima edición do certame, convidando ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…), prioritariamente en lingua galega, de entre 10 e 20 minutos, que se puidera poñer en escena, especificamente, nun espazo non convencional, cun máximo de 25 espectadores, no mes de outubro de 2026. 


As propostas podían ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) tería en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Este seis pezas finalistas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á mellor interpretación e ao mellor espectáculo.

338 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN DEZ ANOS

Ao longo destes dez anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (338, sumando ás 25 pezas recibidas a concurso neste 2026) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

20260811-NP-Finalistas-Metro-Cadrado-FIOT35

AUTOBÁN celebra en 2026 a súa edición máis completa e multitudinaria co apoio de PuntoGal

Autobán, o festival coruñés de cómic autoeditado, celebrará este agosto a súa duodécima edición, e farao con importantes novidades e un aumento salientable de participantes e actividades.

A debuxante Julia Abalde, gañadora do Premio Autobán 2025, é a autora do cartel deste Autobán 2026.

Julia Abalde, gañadora do Premio Autobán 2025 e autora do cartel do Autobán 2026

Máis de 80 artistas de toda a Península Ibérica porán á venda as súas novidades no encontro, que ademais contará con obradoiros, presentacións, edicións exclusivas, música en directo e o célebre Combate de Debuxantes.

En 2023 o colectivo de autores que organizan o evento constituíuse como Asociación Cultural Autobán co fin de darlle estabilidade á convocatoria e de captar novos membros que contribúan a seguir acadando os seus obxectivos de fomento e promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión. Froito dese novo estatus foi a sinatura de varios convenios de colaboración con diversos organismos e empresas, entre as que destacan establecementos da Coruña e librarías especializadas en cómic, e particularmente a entidade PuntoGal, que se convertería no patrocinador principal deste Autobán.

Máis dunha semana de actividades en varias localizacións

Como resultado de todos estes apoios, en 2026 Autobán expandirá as súas actividades paralelas máis aló dunha fin de semana, como viña sendo habitual. Con todo, as principais accións, que serán de asistencia gratuíta, terán lugar o venres 14 na no Circo de Artesáns (coa entrega do III Premio Autobán, a presentación dos proxectos participantes e a celebración do popular Combate de Debuxantes) e o sábado 15 de agosto, na céntrica praza de San Andrés, onde se desenvolverá o Mercado de Autoedición.

Pero xa durante a semana desenvolveranse unha serie de actividades paralelas para ir quentando motores. A continuación, debullamos polo miúdo o programa completo de actividades do Autobán en 2026, lembrando que a toda a información actualizada poderá consultarse na nova páxina web autoban.gal/programa e nos perfís de redes sociais do evento.

Programa Autobán 2026

Do LUNS 10 de agosto ao 27 de setembro  | EXPOFANZINES

Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 1º andar)
Exposición dos fanzines presentados ao III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego.

LUNS 10 de agosto | SINATURA DE TROUBS

RÚA BD de Viñetas desde o Atlántico

18:30 h. – 20:00 h.
Sinaturas de Troubs, autor editado en galego polas nosas socias de figurandorecuerdosedicions.

MARTES 11 de agosto | PRESENTACIÓN E SINATURAS DO III PREMIO AUTOBÁN

RÚA BD de Viñetas desde o Atlántico

19:30 h. – 20:00 h. | Carpa da Rúa BD
Presentación das obras gañadoras do III Premio Autobán, con Martín Romero e Silver Adree, presentados por Julia Abalde.

20:00 h. – 21:00 h. | Stand de Autobán
Sinaturas das obras gañadoras do III Premio Autobán  no stand de Autobán, con Martín Romero e Silver Adree.

XOVES 13 de agosto | RECITAL ILUSTRADO (A208)
19:00 h. | Circo de Artesáns
Recital ilustrado (A208), no que debuxantes e poetas combinan o seu labor en directo.

VENRES 14 de agosto | AUTOBÁN, ACTIVIDADES LÚDICAS

Circo de Artesáns

17:30 h. | ENTREGA DO PREMIO AUTOBÁN

Cerimonia de entrega do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, con presentación de Julia Abalde.

18:00 h. | AUTOBOMBO

O Autobombo consiste nunha vintena de presentacións rápidas ao cargo dos participantes no mercado de autoedición que queren amosar as súas obras e produtos. O formato escollido será de 12×12: cada presentación terá 12 imaxes proxectadas durante 12 segundos cada unha, acompañadas das explicacións dos fanzineiros. É un xeito ameno e rápido de coñecer as propostas do Autobán.

19:30 h. | COMBATE DE DEBUXANTES

Oito debuxantes entran, un sae… e levará o trofeo e o megapremio do Autobán 2026! Este ano volvemos repetir o popular evento de belixerancia debuxeira, pero nesta ocasión contamos con novos combatentes que veñen dispostos a zoscarse (metaforicamente) e a suar tinta (literalmente). Incriblemente presentado por MAteo e Gaudino.

SÁBADO 15 de Agosto | MERCADO DE AUTOEDICIÓN, MÚSICA E OBRADOIROS

Praza de San Andrés

12:00 a 21:30 h. | MERCADO DE AUTOEDICIÓN

O Mercado de Autoedición ofrece a oportunidade de amosar e vender o seu material a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais. Este ano contamos con máis de 80 propostas vidas de toda a Península.

Desenvolverase na Praza de San Andrés.

Barra de cervexa ao cargo de Malte, e comida de Café Olimpia.

12:30 h. | OBRADOIRO INFANTIL: Deseña as túas propias pegatas. Impartido por UXÍA LARROSA

Neste obradoiro aprenderemos a facer as nosas propias pegatas. Deseña autocolantes súper chulos da man de Uxía Larrosa.
É unha actividade gratuíta e aberta ao público infantil.

13:30 h. | FOLIADABÁN por Folklórikes

Ao mediodía celebraremos un evento popular de canto e baile ao cargo do grupo de Folklórikes.

16:30 h. | SESIÓN DJ por Sekone

DJ Sekone porá música á tarde do Autobán 2026.

18:00 h. | OBRADOIRO: Criaturas grampadas. Impartido por ESPAZO BOH

Obradoiro de fanzine no que cada páxina estará habitada por un único personaxe
É unha actividade gratuíta e aberta a todos os públicos.

19:30 h. | SESIÓN DJ por Xulia Vicente

Xulia Vicente será a DJ encargada de amenizar o serán do Autobán.

23:30 h. | FESTA Post-Autobán
BAR 13 (Rúa Orzán 115)

Festa de peche do Autobán 2026 no Bar 13.

Presentación da obra CONEXIÓN, de Sandra Goded, na Casa da Cultura de Antas de Ulla

O venres 14 de agosto ás 18,00 h, organizada polas asociacións Quercus Sonora e Instituto de Estudos Ulloáns, terá lugar na Casa da Cultura de Antas de Ulla a presentación do libro de poemas de Sandra Goded Conexión.

Sandra Goded, bióloga, poeta, escritora e investigadora, é a fundadora da asociación Quercus Sonora e recoñecida defensora da biodiversidade e o bosque autóctono da Ulloa. 

O colectivo Disiden.Cia inicia a súa RESIDENCIA PARAÍSO 2026 en Artistea

 O colectivo Disiden.Cia inicia a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ en Ponteareas da man de RPM, no marco da Residencia de Artes e Pensamento Artistea

Desde este luns 3 e até o xoves 20 de agosto, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas por RPM, o colectivo navarro-galego formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez traballará na súa proposta Botar de menos o futuro

Botar de menos o futuro cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos, cuestionando se a falta de emancipación da nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos

Unha vez finalizada a súa residencia, Disiden.Cia ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en Artistea, na praza Maior de Ponteareas, o mesmo xoves, 20 de agosto, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo

Paralelamente, o colectivo participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O colectivo Disiden.Cia inicia este luns, 3 de agosto, en Ponteareas, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Así, a Residencia de Artes e Pensamento Artistea acolle, até o xoves 20 de agosto, a sétima destas residencias artísticas de 2026, en torno á proposta do tándem artístico navarro-galego formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, que ten por título Botar de menos o futuro.

O proxecto cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos, cuestionando se a falta de emancipación da nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, o colectivo ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en Artistea, na praza Maior de Ponteareas, o mesmo xoves, 20 de agosto, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. 

Paralelamente, Disiden.cia participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

SOBRE O PROXECTO

É posible botar de menos o futuro? A falta de emancipación na nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos?

Este proxecto é unha investigación de Disiden.Cia, que parte dunha sensación compartida de desorientación, incerteza, esgotamento e de non pertenza, situando a outredade e o “alien” no centro da súa procura. Desde a necesidade de deter a produción constante, o proxecto quere profundar nunha práctica artística propia e unha linguaxe escénica como compañía.

Disiden.Cia navega en corpos híbridos, andróxinos e “alienados”, coas influencias do futurismo de finais do século XX, pero nun momento que difire moito da proxección de futuro que tiñan nesas décadas, observando agora o colapso contemporáneo.

Botar de menos o futuro cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos entendendo o “alien” non como exclusión, se non como potencia creativa, absurda e lugar de encontro.

SOBRE O COLECTIVO DISIDEN.CIA

Disiden.Cia é unha colectivo metade navarro, metade galego, formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, dúas bailarinas de Pamplona e Vigo, respectivamente. Coincidiron en formación en danza contemporánea na Faktoria Choreographic Center.

Veñen de xirar o seu primeiro espectáculo Bipedestrución, apoiado polo Gobierno de Navarra e a Fundación Baluarte, dentro do DNA2023, sendo seleccionadas pola Rede de Teatros Alternativos 2025, Circuito Sendaberri 2025, a MIT de Ribadavia 2025 e a VI Feira Ibérica de Teatro Fundão 2025 cunha mención de honra: “ao talento emerxente, cun espectáculo arriscado e disruptivo nunha feira de teatro. Un espectáculo que pon en valor a diversidade, tratados dunha forma moi especial e delicada”. 

Disiden.Cia traballa a cabalo entre a práctica escénica e a mediación de públicos, incorporando e aplicando diferentes proxectos para distintos grupos de idades.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.

Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc. 

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. 

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2026.08.03.-NP-Residencia-Paraiso-Ponteareas