Inauguración da exposición CORREDORES SAGRADOS, de Lisa Tognon, no Castelo de Pambre

O dpmingo 25 de maio ás 16 h inaugurarase a exposición CORREDORES SAGRADOS, da artista canadense Lisa Tognon, coa colaboracion do IEU, a residencia de artistas palense O Picho e o concello de Palas de Rei. Contarase na inauguración coa intervención da escritora canadense Claire Varin. A exposición pèrmanecera aberta ata o 5 de xullo.

Das 18 ás 21 h O Picho invítanos a  participar nas súas instalacións a un acto no que se presentarán outras obras de Lisa Tognon.

http://ieu.gal/exposicion-de-lisa-tognon-no-castelo-de-pambre-5-maio-ao-5-de-xullo-de-2025/

Sole Felloza contará para público adulto e xuvenil historias de Manuel María


SOLE FELLOZA CONTA ESTE SÁBADO, EN DISTINTAS LOCALIZACIÓNS DE OUTEIRO DE REI, HISTORIAS ESCRITAS POR MANUEL MARÍA. 

Este sábado, día 24 de maio, desde a Casa-Museo Manuel María convidan a un roteiro imaxinario por Outeiro de Rei e a Terra Chá da man da narradora oral Sole Felloza. Un roteiro imaxinario que que se realizará no transcurso dun paseo polo mesmo san Xoán de Outeiro de Rei, parroquia natal de Manuel María e onde se encontra a Casa-Museo. Durante a paseo faranse paradas no adro da igrexa, no campo de Santa Isabel, na desembocadura do regato do Cepelo no río Pequeno…, momentos en que Sole Felloza aproveitará para contar algún dos relatos escritos por Manuel María.

A actividade comezará ás 18 hrs, con saída da Casa-Museo. A dificultade é baixa en relación co itinerario da camiñada e vai dirixida para o público adulto e xuvenil.

Sole Felloza é actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Alén disto, imparte formación en narración oral e desenvolve unha salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas do país.

A actividade é libre mais é imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.

FAIA presentará ‘Alvela’ este xoves, 22 de maio, no espazo Normal da Coruña

Concerto de Faia no Teatro Principal de Santiago de Compostela Rocío Cibes 24/04/25

  • A cita, que comezará ás 20.30 h e que organiza a Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, será de acceso libre ata completar capacidade 
  • A Coruña será a terceira cidade en descubrir en directo o novo traballo de FAIA que vén de ser nomeado finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional 


FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, este xoves, 22 de maio na Coruña. A partir das 20.30 horas, na Sala Cubo de Normal, o público terá a oportunidade de descubrir un traballo complexo e sutil nun directo acústico no que FAIA estará acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec. O concerto, con entrada libre ata completar capacidade,  está organizado pola Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2025. 

Alvela consta de dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular. 

FAIA recala na Coruña logo de presentar Alvela en Santiago de Compostela e mais Lugo. O segundo álbum de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.

Sobre FAIA 

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. En abril presentou Alvela, o seu segundo traballo que é finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional. 

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ NA CORUÑA 

22 de maio de 2025, ás 20.30 horas 

Sala Cubo de Normal [Paseo de Ronda, 47 – A Coruña] 

Acceso libre ata completar capacidade 

WEB FAIA | https://faia.gal 

ESCOITA ‘ALVELA’ | https://open.spotify.com/intl-es/album/0Dk1zYqcNxoDFNgGK6473u 

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc 

20250519-FAIA-presenta-ALVELA-na-Coruna

Andanzas do Suso de Lameliña O RECITADOR

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RECITADOR

Pascual, o fillo do taberneiro, foi o único da aldea que o viu marchar. Estaba á porta da tasca fumando, cando, ás once da mañá, hora na que o veciño adoitaba tomar o café con puntualidade británica, notou algo estraño. Xusto cando ía entrar para prepararllo, decatouse de que Xenaro, era así coma se chamaba, arrastrando unha maleta continuaba de largo sen tan sequera mirar para el nin saudalo. Estrañoulle o feito xa que era raro que saíra da aldea e menos cunha maleta de viaxe. Irá visitar os parentes de Santiago, pensou. Acabou de fumar e volveu para detrás da barra, quedaba aínda moita xornada por diante.

Pasaron os días e ninguén sabía nada del. Só o que Pascual lles contara daquela mañá en que o viu marchar. Na aldea tíñano coma unha persoa un tanto especial, un pouco rara. Era certo que falaba con todos os veciños cando se cruzaba con eles, pero o xusto, o suficiente para lle permitir levar unha vida solitaria e independente. A súa única rutina social consistía en tomar un café na tasca ás once da mañá e outro ás seis da tarde, sempre puntual. Dez minutos de conversa con Pascual e nada máis. Por iso, a súa ausencia apenas se notou e, co paso dos días, fóronse esquecendo del.

Xenaro era fillo dun médico moi apreciado polas xentes da bisbarra, completamente oposto ao seu fillo. Sociable e falangueiro, sempre estaba disposto a botar unha man a quen o necesitase. Se alguén precisaba dos seus servizos e non tiña recursos, non lle cobraba a consulta. Xenaro, acabou a carreira de dereito en Santiago, pero nunca exerceu de avogado nin se dedicou a outro oficio. A súa vida reducíase a dar longos paseos polos camiños e polo monte, ou a quedar na casa horas e horas lendo.

Á morte dos seus pais quedoulle unha boa fortuna coa que poder vivir o resto da vida sen traballar. O seu pai, como dixen, médico, e a súa nai profesora de Matemáticas no instituto de Melide, levaran unha vida sinxela e sen grandes gastos, deixándolle unha boa herdanza. Por outra parte, tampouco necesitaba moito, con ter para comer, para os cafés de mañá e tarde, e comprar de vez en cando un libro, xa lle chegaba. Gastaba o mínimo en roupa e outros caprichos e carecía de vicios.

Aquela mañá que Pascual o viu pasar por diante da taberna, Xenaro erguérase coma sempre ás sete da mañá. Despois de asearse e tomar o almorzo, soubo que aquel non ía ser un día calquera. Algo lle rondaba polo caletre desde ía uns días, e ao rematar de tomar o seu vaso de cola cao con galletas, foi consciente de que chegara o día, aos seus cincuenta e catro anos, de deixar a aldea de novo e saír polo mundo adiante. Preparou a maleta con só o imprescindible e ao aproximarse as once botouse a camiñar sen rumbo fixo. Tanto lle daba un destino como outro. Durmiría onde lle acaera mellor: hoxe nunha pensión, mañá nun pendello, pasado mañá ao ar libre.

Moitos meses antes de tomar esta decisión adicárase a memoriza todos os poemas de “Viaxe ao país dos ananos” de Celso Emilio Ferreiro, así coma a obra completa de “Cien años de soledad” de García Márquez. Inspirouse nos personaxes de Ray Bradbury en Fahrenheit 451, que, ao prohibirse os libros, decidiron aprender de memoria tantas obras como puideran para preservalas no futuro.

Porén, a motivación de Xenaro non era a mesma. Os libros aínda non estaban prohibidos, todo se andará. Quixo aprender estas dúas obras para, cando lle apetecese, recitalas e compartilas con quen quixese escoitalo.

E iso é o que fai agora. Chega a unha cidade, elixe un lugar axeitado e como os músicos ambulantes, pero sen guitarra nin acordeón levanta a voz. Deixa que os versos de Ferreiro e os capítulos de Márquez reverberen polas prazas, polas rúas ou calquera outro recuncho das vilas e cidades que visita.

O seu único recurso, unha lousa, onde todas as mañás ao erguerse escribe o programa da xornada, que comeza as once e remata sobre as oito da tarde, coas pausas para comer e descansar:

11. A leución

11:15. Capítulo X. Cien años de soledad.

11:45. Digo Viet Nam e basta.

12. Capítulo XI. Cien años de soledad.

19:50. Agardarei

As pandeireteiras apostan pola comunidade e pola creación colectiva para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas

Somos Pandeireteiras aposta pola comunidade e pola creación colectiva como ferramentas fundamentais para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas


O Auditorio de Galicia acolleu este sábado 17, Día das Letras Galegas, a segunda xornada pública Somos Pandeireteiras, na que un cento de tocadoras puxeron sobre a mesa e debateron arredor do seu papel como transmisoras da lingua galega e das súas falas

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrou este sábado, Día das Letras Galegas, unha xornada pública de encontro e foliada na que un cento de mulleres tocadoras abordaron o seu papel como transmisoras da lingua galega e das falas e trazos dialectais de cada territorio. Sobre o escenario da sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, as pandeireteiras, chegadas de distintos puntos do país, trataron en colectivo os retos comúns como tocadoras e integrantes de asociacións, e a cuestión de como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua.

A presidenta da asociación Somos Pandeireiteiras, Gisela Sanmartin, foi a responsable de dar a benvida á xornada cunha intervención na que comezou dando as grazas “a todas as mulleres pandeireteiras que mantiveron vivas as nosas falas; pois non temos unha soa, senón tantas como as aldeas e lugares que habitaron e seguen a habitar”. Neste sentido, salientou a presenza nesta xornada de Dina e Otilia, tocadoras de Chaín, así como das pandeireiteiras bergantiñás Carmen e Ermitas, que participaron na primeira edición de Somos Pandeireiteiras celebrada en Carballo no ano 2021. “Grazas a vós, e as que nos precederon, hoxe falamos galego”.

Deseguido, a vicepresidenta de Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón, tomou a palabra para expoñer o marco e as cuestións que se tratarían ao longo da xornada. Partindo da afirmación de que as tocadoras foron e son transmisoras de lingua galega, o cento de participantes analizou e compartiu as problemáticas que atopan á hora da transmisión das coplas e especialmente das falas, as metodoloxías que se poden empregar, ferramentas para favorecer a transmisión e o papel da educación e da divulgación nas escolas e nos escenarios. “Hoxe xuntámonos porque queremos saber cales son as mellores prácticas e ferramentas para manter viva a creación colectiva. Queremos crear un marco de como poderiamos facer unha transmisión o máis didáctica e amorosa posible tanto coa lingua galega como con todas as falas”, expresou Peón. 

A continuación, a xornalista Pilar García Rego moderou unha conversa coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas), na que se abordaron os retos individuais e colectivos como tocadoras, e na que se expresou “a necesidade de tecer redes e comunidade”, así como co desexo de que “este subidón de ferreñas por mor do 17 de maio non oculte os preocupantes datos sobre o descenso de galegofalantes”. 

As históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez foron as seguintes en conversar con Pilar García Rego sobre o seu sentir como pandeireiteiras, e salientar experienccias como tradición local das Festas das Casas, logo de botar unhas coplas que emocionaron ás asistentes da xornada.

O encontro, celebrado co apoio do Concello de Santiago co apoio de Compostela Cultura, continuou con catro mesas redondas moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) e nas que participaron as escritoras Lucía Aldao, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Estas foron as responsables de pechar a xornada coas conclusións tomadas arredor dela e que se poderán ler, proximamente, nunha publicación; e dar paso, a unha gran foliada aberta á cidadanía, celebrada no interior do Auditorio de Galicia. 

Máis información: www.somospandeireteiras.gal

20250517-Somos-Pandeireteiras