Andanzas do Suso de Lameliña CONVERSA BAIXO A FIGUEIRA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

CONVERSA BAIXO A FIGUEIRA

Erguinme cedo para dar un paseo pola fresca. O ceo, limpo coma un lenzo presto a ser pintado, anunciaba un día abafante, despois dunha semana de temperaturas máis suaves.

Acendín o móil para saber das novas. Chegoume con botar unha simple ollada e volver a metelo no bolso: Trump ameazando con máis aranceis se Sánchez non chega ao 5% de gasto militar; a lei de amnistia volvendo ao foco tras a decisión do Constitucional; a inflación que repunta… E se isto fose pouco, outra nova onda de calor que se achega este sábado, con temperaturas superiores aos 42º.

Tras dar a volta habitual—un percorrido circular de preto de tres quilómetros—, aproveitei para mercar unha bolsa de cubiños de xeo e o pan do día. Logo, cun libro baixo o brazo, “El arte de caminar y el placer de sentir” dun amigo de Gran Canaria, que convida a camiñar polo litoral do Telde, marchei para “A Cortiña” e , alí, baixo da miña figueira preferida, dispúxenme a ler.

Apenas comezara a ler o capítulo referente á costa urbanizada: “Nos encontramos a mitad del recorrido de los acantilados de Malpaso cuando un muro, construído hasta el borde del abismo, nos impide continuar nuestro periplo.”, un merlo pousou, xusto a meu carón, como se me coñecese de toda a vida.

—Bo día, amigo —dixo, botando unha ollada ao que lía—. Pódese saber que les?

Faleille do contido do libro, do camiñar pausado e contemplativo que propón. Confeseille de que xa que este verán non ía viaxar fisicamente o facía en espíritu. Así, mentres paseo polas páxinas, esquezo por un intre todas as calamidades deste mundo.

O merlo, abriu e pechou as ás, como un xesto de compadreo e seguiu
falando:

—Esas calamidades que contas, veñen xa de moi lonxe, non si? Os vosos problemas repítense desde que o mundo é mundo: guerras, pobreza, soidade, fame, incomunicación…

—Tes razón —respondinlle—. Agora a xente fala máis coas máquinas que coas persoas.

O merlo, inclinou a cabeza, como asentindo.

—Nós, sen embargo non queremos saber nada deses trebellos que nos distraen do noso canto, que é falar coa mañá, coas árbores, co campo, co vento…

Seguiu a acusarnos de como destruíamos a natureza, botabamos abaixo os bosques, envenenabamos os ríos… Eu non tiña máis que darlle a razón en todo o que me contaba.

—E se facedes todo iso. Por que te estrañas de que vos falte alegría? A natureza e o mundo están para ser compartidos, nunca dominados —continuou a dicir, ollando cara ao ceo e asomando aos seus ollos unha pinga de nostalxia.

Quedei calado sen saber que responder. Sentín que a conversa estaba tocando ao seu fin e que lle chegara o intre de alzar o voo e procurar outros horizontes lonxe da miña voz. Así que lle preguntei se non perdía a esperanza nun mundo mellor. Necesitaba coñecer a súa visión por ver se me levantaba a moral. Contestoume:

—E logo non me sintes cantar todos os días? Se canto é que teño esperanza. Todas as mañás me ergo e fago sempre o mesmo malia que cada vez teña menos que me escoiten.

O merlo bicou a terra, pillou unha miñoca e, antes de botarse a voar, despediuse cun consello:

—Se queredes que o mundo cambie, só tedes que calar un pouco… e escoitar.

Quedei pensativo mirando para as pólas da figueira, das que comezaban asomar os primeios froitos. Así estiven un bo anaco ata que decidín retomar o libro: “La pared protege un parking dentro dun área hospitalaria, pero impide el paso libre por el litoral marino al que todo ciudadano tiene derecho…”

[/et_pb_text][/et_pb_column]
[/et_pb_row]
[/et_pb_section]

O Festival Atlántica leva contos, memoria e misterio a Vimianzo

  • O concello estréase no veterano encontro de narración oral con tres propostas que se desenvolverán os días 29 de xuño e 2 de xullo
  • O Castro das Barreiras e o Castelo serán os escenarios para as actividades co arqueólogo Ángel Concheiro e os artistas Cándido Pazó e Cris Collazo
  • A décimo terceira edición de Atlántica inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
  • Toda a programación pódese consultar na web festivalatlantica.gal

XIII Festival Atlántica chega por primeira vez a Vimianzo cunha programación que mestura historia, tradición oral e espírito rebelde en tres propostas gratuítas pensadas para todos os públicos. O Castro das Barreiras e o Castelo —dous espazos cargados de simbolismo— converteranse en escenarios da palabra viva durante os días 29 de xuño e 2 de xullo. Deste xeito, Vimianzo intégrase na ruta do Festival Atlántica, comprometéndose coa cultura oral e a posta en valor do patrimonio a través das historias que nos conectan.

A xornada do domingo 29 de xuño abrirase ás 19:30 horas no Castro das Barreiras cunha visita guiada especial a cargo do arqueólogo e divulgador Ángel Concheiro, tamén coñecido como Tito Concheiro, quen achegará ao público adulto os segredos e a historia deste importante xacemento da Idade do Ferro, un dos mellor conservados da Costa da Morte. A actividade permitirá coñecer de preto os últimos achados e interpretacións sobre este antigo poboado fortificado, descubrindo a súa complexidade, arquitectura e relevancia histórica. Un convite a pisar sobre as pegadas da historia, a escoitar o que nos contan as pedras e a deixar que o pasado nos fale con voz nova desde o corazón da terra.

Cándido Pazó: historias para rir, lembrar e vivir

A continuación, ás 20:30 horas, tamén no castro, o recoñecido actor e narrador Cándido Pazó presentará Contar para vivilo, unha sesión para público adulto chea de humor, emoción e memoria. Co seu estilo inconfundible, Pazó ofrecerá historias e parrafadas que viaxan no tempo e nos levan de volta ás xentes e lugares doutrora.

Durante sesenta minutos, Pazó despregará o seu inconfundible estilo nunha viaxe feita só de palabras: contos, lerias e parrafadas que transitan por outros tempos, outras xentes e outros mundos, pero que falan directamente ás preocupacións e alegrías do presente. Un espectáculo que mestura retranca e tenrura, e no que o escenario se transforma nun lugar de encontro co vivido e co imaxinado. Porque quen sabe contar, fai que queiramos seguir escoitando. E quen escoita, vive dúas veces.

Pepa a Loba: aventuras, misterio e igualdade dende o corazón do conto

A programación completarase o mércores 2 de xullo ás 11:00 horas no Castelo de Vimianzo coa función Procúrase Pepa a Loba, da narradora Cris Collazo, unha proposta para crianzas a partir dos 5 anos —aberta tamén ao público xeral— na que a lenda da famosa bandoleira galega se transforma nun contacontos participativo con música, danza e moito misterio. A actividade forma parte tamén do campamento de verán da vila.

A historia lévanos ata o ano 1890, xusto no día da inauguración da taberna da mítica Pepa a Loba, figura rebelde e lendaria da tradición galega. A súa extravagante gavela —formada por Xan Quinto “o vello”, Maninocente e mesmo Calamity Jane— celebra a ocasión, mais algo se agocha nas sombras: un tesouro perdido que só Pepa coñece… e que precisa da axuda do público para atopar.

A narradora Cris Collazo ofrece un contacontos dinámico e divertido, no que se reivindica a amizade, a aventura compartida e a igualdade de xénero, todo nun entorno que convida a soñar e a xogar coa historia. Un convite para cativar a pequenos e grandes cunha heroína pouco convencional e moitas ganas de facer rebulir a imaxinación.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica en Vimianzo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao patrocinio do Concello da vila. Vimianzo forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica en Santiago e Teo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos respectivos concellos e á colaboración do Museo do Pobo Galego, da A.C. O Galo e do CSC A Rocha. Santiago e Teo forma parte das 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

Representación da obra teatral COUSAS, de Castelao, a cargo do grupo Os Quinquilláns no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), co patrocinio e financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia d Deputación de Lugo, e coa colaboración do Concello de Vilalba, e dentro dos actos programados co gallo do 2025-ANO CASTELAOorganiza a representación teatral COUSAS, de Castelao, a cargo do grupo Os Quinquilláns.

O acto terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o venres 4 de xullo de 2025, ás 20:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-COUSAS-DE-CASTELAO

Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras prenden a primeira xornada do Festival do Pasatempo

O FESTIVAL CELEBRA HOXE A SÚA DERRADEIRA XORNADA COS CONCERTOS DE CARLOS NÚÑEZ E ANTÍA MUÍÑO

Arrancou a primeira xornada do Festival do Pasatempo 2025 con tres dos grandes nomes do panorama musical estatal en galego e euskera, Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras. O Parque do Pasatempo voltou un ano máis a acoller uns concertos que espertaron o espírito musical dun recinto inigualable que se vestiu de gala para a primeira das dúas xornadas desta edición. 

A xornada comezou coa maxia e emoción de Caamaño&Ameixeiras, que coa súa reinterpretación da ritoloxía popular caldeou o ambiente. O prato forte chegou con Tanxugueiras, que cun potente directo amosaron por que son un dos grupos máis importantes da música galega. O fin de festa correu a cargo do navarro ZETAK, que coa súa enérxica electrónica pechou por todo o alto un día memorable. 

O día de hoxe, última xornada do festival, destaca cun dos cabezas de cartel desta edición,  Carlos Núñez, un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Ao longo destes anos, Carlos Núñez vendeu máis dun millón de discos, obtendo un Premio Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, dúas candidaturas en solitario aos Latin Grammy e galardóns arredor do mundo. Compartirá escenario e xornada con Antía Muíño, artista que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut, acumulou case 2 millóns de reproducións e foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo nas pantallas de Times Square, en Nova York. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz. 

O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna. 

O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, e o patrocinio de El Águila

Palestra de CASTELAO POLÍTICO, de Uxío-Breogán Diéguez, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a palestra CASTELAO POLÍTICO 1916-1950, impartida por Uxío-Breogán Diéguez, historiador e director da cátedra de Memoria Histórica da UDC. Presentará: Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o xoves 3 de xullo de 2025, ás 20:00 horas.      

Tamén permanece aberta ao público na mesma Casa da Cultura a Exposición SEMPRE EN GALIZA 1944-2024. 

                     

NOTA-INFORMATIVA-CASTELAO-POLITICO