O espectáculo MÁIS SAAABOR!, de Fran Rei e Félix Rodríguez, na Casa-Museo Manuel María

ESTE SÁBADO MÁIS SAAABOR NA HORTA DA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
A proposta cómica vai dirixida para público infantil e familiar
Tras o éxito de Saaabor!, que pasou pola Casa-Museo Manuel María en 2020, Félix Rodríguez e Fran Rei convértense de novo en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, ben afinado menú: unha comida moi musical para toda a familia. Unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, a alimentación saudábel e o consumo de produtos de proximidade entre o público galego. O food truck de Máis Saaabor! chega á Casa-Museo, un carro de xantar de grandes dimensións do cal xorden infinidade de xogos cómicos, xogos máxicos e unha chea de elementos e trebellos cos que cociñar música. Un menú degustación con propostas dos cinco continentes que deixará a todo o público cun moi bo sabor de boca e ganas de repetir.
Fran Rei e Félix Rodríguez presentan o espectáculo Máis Saaabor! este sábado, 31 de maio, ás 18 horas na horta da Casa-Museo Manuel María. Unha proposta cómica, para público infantil e familiar, de creación propia e dirixida por Avelino González en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudábel.
Máis Saaabor! mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo e participación do público. Máis Saaabor! é máis música, máis gastronomía, máis maxia e máis ritmo!
A proposta está producida por Culturactiva e por Félix Rodríguez.
Para asistir á actividade (billete 2 euros) é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621