As pandeireteiras apostan pola comunidade e pola creación colectiva para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas

Somos Pandeireteiras aposta pola comunidade e pola creación colectiva como ferramentas fundamentais para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas


O Auditorio de Galicia acolleu este sábado 17, Día das Letras Galegas, a segunda xornada pública Somos Pandeireteiras, na que un cento de tocadoras puxeron sobre a mesa e debateron arredor do seu papel como transmisoras da lingua galega e das súas falas

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrou este sábado, Día das Letras Galegas, unha xornada pública de encontro e foliada na que un cento de mulleres tocadoras abordaron o seu papel como transmisoras da lingua galega e das falas e trazos dialectais de cada territorio. Sobre o escenario da sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, as pandeireteiras, chegadas de distintos puntos do país, trataron en colectivo os retos comúns como tocadoras e integrantes de asociacións, e a cuestión de como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua.

A presidenta da asociación Somos Pandeireiteiras, Gisela Sanmartin, foi a responsable de dar a benvida á xornada cunha intervención na que comezou dando as grazas “a todas as mulleres pandeireteiras que mantiveron vivas as nosas falas; pois non temos unha soa, senón tantas como as aldeas e lugares que habitaron e seguen a habitar”. Neste sentido, salientou a presenza nesta xornada de Dina e Otilia, tocadoras de Chaín, así como das pandeireiteiras bergantiñás Carmen e Ermitas, que participaron na primeira edición de Somos Pandeireiteiras celebrada en Carballo no ano 2021. “Grazas a vós, e as que nos precederon, hoxe falamos galego”.

Deseguido, a vicepresidenta de Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón, tomou a palabra para expoñer o marco e as cuestións que se tratarían ao longo da xornada. Partindo da afirmación de que as tocadoras foron e son transmisoras de lingua galega, o cento de participantes analizou e compartiu as problemáticas que atopan á hora da transmisión das coplas e especialmente das falas, as metodoloxías que se poden empregar, ferramentas para favorecer a transmisión e o papel da educación e da divulgación nas escolas e nos escenarios. “Hoxe xuntámonos porque queremos saber cales son as mellores prácticas e ferramentas para manter viva a creación colectiva. Queremos crear un marco de como poderiamos facer unha transmisión o máis didáctica e amorosa posible tanto coa lingua galega como con todas as falas”, expresou Peón. 

A continuación, a xornalista Pilar García Rego moderou unha conversa coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas), na que se abordaron os retos individuais e colectivos como tocadoras, e na que se expresou “a necesidade de tecer redes e comunidade”, así como co desexo de que “este subidón de ferreñas por mor do 17 de maio non oculte os preocupantes datos sobre o descenso de galegofalantes”. 

As históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez foron as seguintes en conversar con Pilar García Rego sobre o seu sentir como pandeireiteiras, e salientar experienccias como tradición local das Festas das Casas, logo de botar unhas coplas que emocionaron ás asistentes da xornada.

O encontro, celebrado co apoio do Concello de Santiago co apoio de Compostela Cultura, continuou con catro mesas redondas moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) e nas que participaron as escritoras Lucía Aldao, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Estas foron as responsables de pechar a xornada coas conclusións tomadas arredor dela e que se poderán ler, proximamente, nunha publicación; e dar paso, a unha gran foliada aberta á cidadanía, celebrada no interior do Auditorio de Galicia. 

Máis información: www.somospandeireteiras.gal

20250517-Somos-Pandeireteiras

Presentación do libro CEREIXAS ROUBADAS na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba e da Editora Alvarellos, a presentación do libro CEREIXAS ROUBADAS, do Colectivo COMADRES DAS LETRAS, con limiar de Marga do Val.

O acto terá lugar o vindeiro venres 23 de maio de 2025, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, e contará coa presenza de escritoras do Colectivo Comadres das Letras. Presentará o evento Sabela Figueira, vicepresidenta do Iescha.

NOTA-INFORMATIVA-COMADRES-DAS-LETRAS

As Pontes acollerá a estrea absoluta do novo espectáculo de Elefante Elegante, ‘Alta Costura’, o vindeiro sábado 24 de maio

Falta apenas unha semana para que a compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro presente ao gran público a súa última creación no Auditorio do Cine Alovi da localidade coruñesa

Con Alta Costura, unha peza de linguaxe xestual sobre a industria ‘fast fashion’, Elefante Elegante convida a reflexionar sobre o consumo de roupa actual 

As entradas para ver Alta Costura nas Pontes o sábado 24 de maio están xa dispoñibles a través de  https://aspontes.sacatuentrada.es/

A compañía de teatro físico Elefante Elegante aborda o fenómeno da industria “fast fashion” coa súa última creación, Alta CosturaEsta nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro terá a súa estrea absoluta en apenas unha semana, o sábado 24 de maio, ás 20.00h, no Auditorio do Cine Alovi das Pontes. A peza é unha obra de linguaxe xestual irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo. 

A peza, baixo a dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa. As entradas para a estrea están xa dispoñibles en: https://aspontes.sacatuentrada.es/.

Previamente, o pasado mes de abril, o Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, en Culledero, acolleu a preestrea do espectáculo en funcións escolares acompañadas dun proceso de mediación xunto á compañía, que ofreceu coloquios posfunción onde se recolleron e intercambiaron opinións co alumnado, que tivo a oportunidade de acompañar de cerca todo o proceso creativo da peza. Durante este proceso, Elefante Elegante realizou unha residencia artística no Concello de Culleredo, coprodutor de Alta Costura, espectáculo que conta, tamén, coa colaboración do Concello das Pontes e cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Agora, do 18 ao 24 de maio, a compañía de teatro físico traballará nunha residencia técnica previa á estrea absoluta no mesmo Auditorio Cine Alovi das Pontes. 

SOBRE O ESPECTÁCULO

Alta Costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes.

Segundo datos recollidos en greenpeace.org, do libro La moda justa, de Marta Riezu (Anagrama, 2021) e do traballo divulgativo de Nicolas Olea, catedrático de Radioloxía e Medicina Física da Universidade de Granada, hoxe en día, consumimos un 60% máis de roupa que hai 10 anos. A roupa que se deposita para reciclar, a que se dona e a que se devolve, remata, na maior parte das veces, en praias e desertos convertidos en vertedoiros en África e América Latina. Unha camiseta require 2.700 litros de auga para súa produción, a mesma que un humano bebe en 2 anos e medio. Existen 3.500 produtos químicos rexistrados para a produción téxtil. Destes, 750 son altamente perigosos para a saúde. 

A partir desta investigación, o traballo de Elefante Elegante aséntase nunha filosofía ecoloxista e defende os principios básicos de liberdade, igualdade e solidariedade, a partir dun xogo alegre no que a risa brota do sarcasmo, do impulso e da emoción do acto creativo relativo á realidade social e política na que hoxe vivimos. A compañía busca un teatro que non se acomode á psicoloxía nin ás ideas, senón que se converta nunha diversión brillante semellante ao cinema de Charles Chaplin ou Buster Keaton. 

Alta Costura é unha creación de teatro visual que propón unha reflexión sobre as consecuencias tráxicas do fenómeno “fast fashion” a través dun espectáculo onde os performers, mediante a súa creatividade, usan o corpo como acróbatas e achéganse ás palabras como músicos que dominan o tempo, as pausas e o ritmo que esixe o feito de falar en escena. Elefante Elegante continúa a súa busca manifesta da estética con esta nova creación. A escenografía e o atrezzo teñen a dobre misión de articular o movemento físico e organizar o espazo escénico. As cores e as forman gañan protagonismo para potenciar a evocación simbólica da peza.

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013, sendo o máis recente o recibido en 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

ESTREA DE ‘ALTA COSTURA’, DE ELEFANTE ELEGANTE

Sábado, 24 de maio, 20.00 horas

Auditorio de Cine Alovi (As Pontes)

Venda de entradas: 

https://aspontes.sacatuentrada.es/

MÁIS INFORMACIÓN

www.elefanteelegante.net

Pandeireteiras de toda Galicia festexan en Santiago o Día das Letras Galegas

Somos Pandeireteiras celebra este sábado, 17 de maio, o papel fundamental das tocadoras como transmisoras da lingua galega


O Auditorio de Galicia acollerá no Día das Letras Galegas, en horario de tarde, un encontro dirixido a todas as pandeireteiras do país que contará coa participación de recoñecidas autoras como Paula Carballeira, Lucía Aldao, Ánxela Lema, Nuria Vil e Pilar García Rego 

A xornada, que contará con parladoiros e mesas redondas, pecharase cunha gran foliada aberta a toda a cidadanía, que terá lugar entre as 20:00 e as 22:00 horas


A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará este sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, a xornada pública As tocadoras como transmisoras da lingua galega. O encontro, que terá lugar no Auditorio de Galicia entre 16:00 e 20:00 horas, dará voz ás mulleres pandeireteiras para falar do seu papel fundamental á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. Ao peche dos parladoiros e mesas redondas, celebrarase unha gran foliada aberta a toda a cidadanía entre as 20:00 e as 22:00 horas

A II Xornada Pública Somos Pandeireteiras, que conta co apoio do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, pretende crear un espazo de encontro e debate para dar voz ás tocadoras galegas para debater ao redor do seu rol esencial na transmisión da lingua e das falas das aldeas. A divulgación, a educación ou o posicionamento público sobre o idioma serán liñas que se traten nos parladoiros e mesas redondas dun encontro que, ademais de situar a lingua no centro, reflexionará en colectivo sobre como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua e falas desde a perspectiva de cada tocadora. 

Á fin de dar conta do seu relato, para a creación dunha publicación, as pandeireteiras estarán acompañadas por autoras coñecidas das letras do país, como son Lucía Aldao -no lugar de Olga Novo-, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Na xornada tamén estará presente a xornalista Pilar García Rego, quen abrirá o encontro conversando tanto coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas) como coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez. 

Após os parladoiros, será a quenda das mesas redondas, que estarán moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea. Ao peche, ás 20:00 horas, terá lugar unha gran foliada de celebració. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia. 

SOMOS PANDEIRETEIRAS

Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu no 2023 da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas -coa intención de abrir un espazo permanente de articulación entre elas, para a produción de narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sorodidade, para garantir o seu legado musical e oral- e unha publicación que derivou no libro homónimo editado por Xerais no 2024. 

Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man do Concello de Santiago, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia coa intención de poñer de novo, no centro, o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega. 


II XORNADA PÚBLICA SOMOS PANDEIRETEIRAS

Data: 17 de maio de 2025
Hora: 16:00h 
Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. 
Acto: Encontro de tocadoras (inscrión previa en www.somospandeireteiras.gal
Participan: Ana Fernández, Ánxela Lema, Digna Pérez, Gisela Sanmartín, Icía Sanmartín, Icía Varela, Lucía Aldao, Lupe Blanco, Maruxa Mascuñana, Mercedes Peón, Nuria Vil, Otilia Mouriño, Paula Carballeira, Pilar García Rego. 

Data: 17 de maio de 2025
Hora: 20:00h 
Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. 
Acto: Foliada de celebración Somos Pandeireteiras aberta á cidadanía. 

Máis información: www.somospandeireteiras.gal

GALICIA DESIGN WEEK comezou este venres 16 coa programación OFF, que estende o festival á cidade da Coruña

GALICIA DESIGN WEEK inicia este venres 16 a súa sexta edición, marcada pola extensión do festival cara á cidade da Coruña e ao seu tecido creativo

  • A #GDW25 ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial para o país
  • Este venres, entre as 17.00 horas e as 21.00 horas, celebrarase USUAL PLACES, unha serie de eventos singulares que terán lugar en espazos de barrio vinculados á cultura, á imaxe e ao deseño; e que inclúen concertos, exposicións, obradoiros e até a inauguración dunha librería

GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular e membro da prestixiosa organización  World Design Weeks, inicia este venres, 16 de maio, a súa sexta edición. Até o sábado 24 de maio, #GDW25 reunirá na cidade da Coruña o mellor do deseño galego xunto con referentes internacionais.

GALICIA DESIGN WEEK, co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caraméns, é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego. Durante nove días ofrecerá unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, parladoiros, exposicións a ceo aberto ou sesións musicais. Todas elas forman parte dunha proposta que pretende poñer en valor un sector profesional e cultural fundamental para o país pola súa relevancia social e empresarial, ademais de abrir o deseño galego ao exterior.

Na súa sexta edición, #GDW25 pon o foco especificamente na relación co tecido creativo coruñés, a quen dedica toda a liña de programación OFF, actividades que se realizarán a partir de mañá, venres 16, de man de diferentes axentes creativos da cidade. A intención non é outra que estender o festival cara o propio sector á vez que visualiza, de cara á veciñanza, o papel dos seus profesionais.

A primeira das citas será USUAL PLACES, unha actividade organizada da man do proxecto coruñés USUAL. Desde as 17.00 e até as 21.00 horas, sucederanse as actividades en seis espazos de barrio vinculados á cultura, a imaxe e ao deseño, como son Austrohúngara, Casa Cecu, Rare Books for Rare People (Restory), The Future Fan Club, Two of Hearts, e Varaston. Estes locais acollerán exposicións, concertos, mercadiños, obraodoiros e proxeccións abertos á cidadanía ao longo da tarde. Ao remate, celebrarase unha quedada xeral no bar La Barra.

Ao día seguinte, o 17 de maio, entre as 12.00 e as 14.00 horas, a liña OFF celebrará ORIXES, un encontro de arte, artesanía e deseño impulsado polas ceramistas Verónica Moar Risco no estudio deste último. A cita contará cunha convidada moi especial, como é a artista sonora Paula Pintos. A entrada é gratuíta, mais como espazo é limitado, recoméndase facer unha reserva previa reserva de praza a través da conta de Instagram de @orixes_encontros.

A programación OFF retomarase o mércores 21 co lanzamento da Burguer GDW ás 20.00 horas en Rosmon, local que acollerá unha exposición de pósters do deseñador gráfico galego Miguel Quiroga. Finalmente, o xoves 22, Malte Atochas será sede de USUAL SUMMIT, unha conversa entre mulleres creadoras sobre a capacidade do deseño como axitador cultural comisariada e moderada por Daniela Arias, responsable de USUAL.

Nesta conversa, que comezará ás 20.00 horas, e que xirará sobre os procesos creativos, as inspiracións ou a difusión dos mesmos, participarán Aldara Pardo e Laura Calvo, do colectivo Lengua de Fuego; Iria do Castelo, responsable de Castelo Studio; Leti Cabana, de Casita Salvaje; Victoria Blanco, de MASGALICIA e Raso Estudio; e Xulia Lago, da Grelería. A entrada será libre ata completar capacidade e poderase gozar, durante a conversa, da Burguer GDW.


PROGRAMACIÓN #GDW25


A programación da GALICIA DESIGN WEEK divídese en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións e un showroom; SESSIONS, a parte máis festiva do evento; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade e que comezan este venres 16. 

A liña SHOW arrancou o venres 9 de maio con dúas exhibicións: a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e a avenida da Mariña é o punto no que se atopa #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or que presenta o máis salientable talento emerxente da comunidade. Ambas mostras poderanse visitar até o 24 de maio.  SHOW complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas deste ano.

Un dos pratos fortes será a liña da programación profesional PRO -que o sábado 24 de maio será 100% feminina. Contará con parladoiros da prestixiosa produtora catalana Canada, da gran tipógrafa catalana Marta Cerdà ou mesmo da escenógrafa pontevedresa Marta Pazos. Nesta parte PRO, tamén haberá espazo para unha das axencias de referencia no ámbito do deseño editorial, como son os galegos Desescribir -e a súa editorial Fabulatorio-, da creativa internacional Isabelita Virtual, do estudio de arquitectura madrileño Burr, da axencia de branding Novagarda, da marca de moda Rígido e as súas creativas Carta et Stik; ademais dun taller de deseño de mobiliario impartido polo Grupo Malasa e outro de branding con Vagrant, que mostrará a nova identidade do festival de música Sónar de da propia GDW.

Ao peche das xornadas PRO, celebraranse as SESSIONS, que correrán da conta co DJ Certain People -quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music– e a DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente.

#GDW25

GALICIA DESING WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Dida, Goloso Coffee Counters, Gràffica, Malte, News&Coffee, Rosmon, Studio Follow e Usual. 

A #GDW25 ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior.



PROGRAMACIÓN GALICIA DESIGN WEEK \ OFF

16 de maio, 17.00 a 21.00 horas \ varias localizacións
USUAL PLACES 

17.00h a 21.00h \ Two of Hearts Tattoo
Flashday e mercadiño con pezas de Garm BL, Fandi, El Diego, El Puma, Rachel Who!? e Little Tony

17.00h a 21.00h \ Casa Cecu
Obradoiros de pintar cerámica Birras & cerámica

17.30h \ Varaston
Fugaz x Mark Zlick; exposición de cerámica de Risco Estudio, Verónica Moar e Rípula; e DJ set

18.00 -21.00h \ Rare Books for Rare People (Restory)
Inauguración en Marqués de Pontejos, 9.

19.00h \ The Future Fan Club
Proxección Hope!

19.30h a 21.00h \ Austrohúngara Sombrerería
Expo de Milicia Gráfica e concerto de David L.H.

21.00h \ La Barra Bar
Peche da xornada

17 de maio, 12.00 horas \ Risco Estudio
ORIXES.  Con Verónica Moar, Risco Estudio e Paula Pintos

21 de maio, 20.00 horas\ Rosmon
Presentación Burguer GDW + exposición Miguel Quiroga

22 de maio, 20.00 horas \ Malte Atochas
USUAL SUMMIT Con Aldara Pardo, Laura Calvo, Iria do Castelo, Leti Cabana, Xulia Lago e Victoria Blanco. 
Modera: Daniela Arias


Máis información \ www.gdw.gal