O Colectivo Glovo fan pública a resolución do programa de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando 2025, cunha marcada proxección internacional
O programa Atopémonos Bailando, impulsado por Colectivo Glovo e a Área de Cultura, Turismo, e Promoción da Lingua Concello de Lugo, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Agadic, dá a coñecer os nomes das e dos artistas seleccionados para a súa edición 2025. Trátase dunha iniciativa que consolida a Lugo como un punto de encontro para a investigación e creación en danza contemporánea, e que nesta edición reforza a súa vocación internacional e colaborativa.
Na súa cuarta edición, o programa Atopémonos Bailando crece tanto no número de proxectos seleccionados como no abano xeográfico dos seus intercambios, sumando novos aliados institucionais a nivel nacional e internacional. Esta convocatoria pública, dirixida a artistas e compañías das artes do movemento, recibiu propostas procedentes de toda España e Portugal, e culmina cun total de 11 proxectos seleccionados que se desenvolverán entre abril e novembro de 2025.
Entre as novidades desta edición, destaca a incorporación do Festival LABO XL (Donostia / San Sebastián) como novo espazo de intercambio dentro do Estado, sumándose aos xa consolidados Taller Nacional de Danza de Costa Rica, teatromosca (Sintra, Portugal), Teatro Experimental Flaviense (Chaves, Portugal) e Quinzena de Dança de Almada.
O programa estrutúrase arredor de catro grandes eixos: – Impulso á creación contemporánea: apoiando artistas emerxentes e consolidados cun espazo e tempo de investigación. – Fomento da cooperación internacional: a través de residencias compartidas e itinerarios de intercambio. – Proximidade coa cidadanía: mediante actividades de mediación cultural e apertura de procesos ao público. – Dinamización local e territorial: conectando Lugo cunha rede de centros culturais de referencia dentro e fóra de Galicia.
Os 11 proxectos seleccionados abranguen unha ampla diversidade de perfís, estéticas e procedencias. Desenvolveranse entre o Museo Interactivo da Historia de Lugo – MIHL e os espazos internacionais colaboradores. Todas as residencias inclúen, ademais, accións de mediación cultural abertas á cidadanía lucense como parte do compromiso de retorno social do investimento público.
Relación de artistas e espazos de residencia: – Ana Caetano · Portugal – Museo MIHL, Lugo – María de Vicente · Galicia – teatromosca (Portugal) – La Basal · Madrid – Museo MIHL, Lugo – Ana Lola Cosín & Lucas García · Asturias – Teatro Experimental Flaviense, Chaves (Portugal) – Xián Martínez · Galicia – Museo MIHL, Lugo – Natalia Navarro · Madrid – Museo MIHL, Lugo – Fran Sieira · Galicia – Festival LABO XL, Donostia – Tania González · Asturias – Museo MIHL, Lugo – María Ganzaráin & Teresa Magallón · Aragón – Taller Nacional de Danza, Costa Rica – Jesús Benzal · Madrid – Quinzena de Dança de Almada, Portugal – Jessica Castellón & Boris Orihuela · Cádiz – Museo MIHL, Lugo
A selección foi realizada por unha comisión profesional formada por representantes das entidades colaboradoras internacionais: – Alexandrina Martins · Teatro Experimental Flaviense, Chaves (Portugal) – Pedro Alves · teatromosca, Sintra (Portugal) – Carlota Machado · Quinzena de Dança de Almada (Portugal) – Manfred Rivera · Taller Nacional de Danza (Costa Rica) – Ana Barrantes e Ion Estala · Festival LABO XL (Donostia) – Erick Jiménez e Maruxa Salas · Plataforma SóLODOS (Costa Rica) – Esther Latorre e Hugo Pereira · Colectivo Glovo e dirección do programa Atopémonos Bailando
Atopémonos Bailando naceu como un espazo para apoiar os procesos iniciais de creación na danza, conectando os procesos de investigación coa cidadanía e favorecendo o traballo sostido das compañías.
O Noia Harp Fest e a Asociación Española de Arpistas amplían a súa colaboración e ofrecen dous concertos con destacadas intérpretes do instrumento
O primeiro deles, con Noelia Cotuna como solista, renderá homenaxe á intérprete e compositora francesa Henriette Renié no 150º aniversario do seu nacemento
‘El concierto secreto’, o proxecto artístico da arpista Juliette Commeaux e da cantante e flautista Laia Blasco, presentarase por primeira vez en Galicia logo de visitar numerosos escenarios por toda a península
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia consolida na 12ª edición a súa aposta pola visualización do talento arpístico, a través de múltiples estilos, da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA). Un ano máis, ambas entidades revalidan o seu compromiso coa visualización de intérpretes sobranceiras de arpa para que teñan presenza no único evento cultural do noroeste peninsular dedicado exclusivamente a este instrumento.
Desta volta, no lugar de realizar un único concerto -liña habitual nas anteriores edicións-, NHF e AEDA ampliarán a súa colaboración para ofrecer dous directos que contarán con algunhas das figuras máis representativas da escena arpística da música clásica ou culta e antiga, como son a valenciana Noelia Cotuna e El concierto secreto, o proxecto artístico conformado por Juliette Commeaux e Laia Blasco.
A primeira das citas terá lugar o 1 de agosto. A solista e músico de cámara Noelia Cotuna, galardoada tanto a nivel nacional como internacional pola súa técnica e calidade interpretativa, será a responsable de ofrecer en Noia un repertorio que renderá homenaxe á mítica arpista e compositora francesa Henriette Renié no 150ª aniversario do seu nacemento. Cotuna, quen ten actuado baixo a batuta de figuras recoñecidas como Kill Petrenko, Zubin Mehta, Daniel Barenboim, será un dos pratos fortes deste NHF 2025.
A segunda cita que o Noia Harp Fest programará da man de AEDA será ao día seguinte. O sábado 2 de agosto presentarase en Galicia El concierto secreto, unha proposta fiada polas polivalentes Juliette Commeaux (arpa) e Laia Blasco (voz e frauta) e no que buscan recrear pezas virtuosísticas da antigüidade con redución para voz e para arpa, inspirándose na execución dalgunhas das cortes italianas que interpretaban estas músicas na intimidade ou para un grupo selecto de intelectuais. O dúo estréase en Galicia logo de visitar numerosos ciclos de concertos e escenarios como o Museo Nacional de Arte Romano de Mérida, o Auditorio de León ou mesmo o Museo Marqués de dos Aguas de Valencia, entre outros.
Con este anuncio, a tríade conformada por Cotuna, Commeaux e Blasco súmase a nomes xa avanzados polo festival, como son a arpista flamenca Ana Crismán, a escocesa Rebecca Hill e a nova formación galega D’Súpeto. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer novos nomes e actividades que serán parte do único festival do noroeste de España cuxo fío condutor é a interpretación musical a través da arpa.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña. Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes.
Así, o fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.