XXXI Homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” a Xosé Manuel Beiras, o 14 de xuño en Santiago de Compostela


A Homenaxe “O Escritor/a na súa Terra – Letra E“,  que cada ano impulsa a AELG, chega neste 2025 á súa XXXI edición, recaendo por decisión da Asemblea de Socias e Socios da AELG na figura de Xosé Manuel Beiras.

A actividade terá lugar o sábado 14 de xuño, en Santiago de Compostela. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos previsto, que pode ser consultado aquí.


PROGRAMA PREVISTO

11:30 h. Descubrimento do monólito conmemorativo e plantación da árbore do autor, un teixo. No Parque de Galeras (Santiago de Compostela). Acceso libre para todo o público.
Intervencións de:
– Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidencia da AELG.
– Xosé Manuel Beiras.

12:30 h. Acto de entrega da “Letra E”. No Auditorio do CGAC (Rúa Valle Inclán, 2). Acceso libre para todo o público, até completar capacidade do espazo.
Intervencións de:
– Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela.
– Lectura da concesión da Letra E, por Beatriz Maceda Abeleira, Vicepresidencia da AELG.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidencia da AELG.
– Laudatio do autor, por Miguel Anxo Fernán-Vello.
– Entrega da peza escultórica, elaborada por Silverio Rivas.
– Xosé Manuel Beiras. Intervención do homenaxeado. Resposta á laudatio.

14:30 h. Xantar de confraternidade posterior no Restaurante A Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, 44). As persoas interesadas en participar no xantar deberán reservar a súa praza enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o seu nome e apelidos, antes do 9 de xuño. O prezo do menú é de 36 euros, que se pagarán en efectivo antes de comezar o xantar, no mesmo restaurante.

O Festival do Pasatempo voltará o próximo 27 e 28 de xuño ao Parque do Pasatempo de Betanzos


O CARTEL DESTA NOVA EDICIÓN DESVELARASE O PRÓXIMO MARTES 27

Un ano máis, o Parque do Pasatempo de Betanzos encherase da mellor música en directo coa celebración dunha nova edición do Festival do Pasatempo. A organización ten listo xa o cartel deste ano, que verá a luz o próximo martes 27 ás 12:00h, con artistas de renome que levarán os seus espectáculos completos á vila betanceira. Tras a volta á actividade, a última edición do festival pechou cos concertos de artistas da talla de Andrés Suárez, David Bustamante, Sabela e Paula Mattheus, volvendo a poñer ao Parque do Pasatempo no mapa da mellor música en directo. 

O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna. 

O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio da Axencia  Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos.