A actividade conta tamén coa participación da etnomusicóloga Beatriz Busto e será o vindeiro 15 de maio, ás 20 horas, con entrada libre ata completar capacidade
‘Alvela. Do arquivo ao disco’ enmárcase dentro da programación paralela á exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’ do Museo do Pobo Galego
A conversa entre FAIA e Beatriz Busto revelará a vinculación de ‘Alvela’ co arquivo do museo e o proceso de traballo do disco
FAIA vai presentar o seu novo disco no marco da conversa Alvela. Do arquivo ao disco no Museo do Pobo Galego o vindeiro xoves 15 de maio, ás 20.00 horas. A actividade, que forma parte da programación paralela da exposición Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión producida polo museo co gallo das Letras Galegas 2025, contará coa participación da antropóloga e etnomusicóloga Beatriz Busto e terá entrada libre ata completar capacidade.
Nesta conversa o público poderá coñecer de primeira man a estreita vinculación de Alvela co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do museo e os detalles do proceso de traballo do disco. Alén diso, será tamén a presentación pública do vinilo porque aínda que Alvela foi lanzado nas plataformas dixitais o pasado 23 de abril, é agora cando é posible adquirilo en formato físico, con portada e ilustracións da artista plástica Blanca Gracia.
Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
FAIA convida á conversa no Museo do Pobo Galego
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentou Alvela, o seu segundo traballo.
CONVERSA CON FAIA
Alvela. Do arquivo ao disco | Coa etnomusicóloga Beatriz Bustos Xoves 15 maio | 20.00 h | Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) Entrada libre ata completar capacidade
Iria Castro e Efrén Castro. (Foto: Deputación de Lugo)
A Xunta de Galicia persiste no bloqueo á protección de Caldaloba cunha demanda de retracto tres anos despois de que a Vicepresidencia da Deputación adquirira este ben para o patrimonio público
A Vicepresidencia da Deputación lamenta que a Xunta de Galicia xudicialice o procedemento de incorporación ao patrimonio público da Torre de Caldaloba iniciado pola área de Cultura en 2022 e retrase unha vez máis a protección e valorización desta fortificación.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro fixeron estas valoracións este venres nunha comparecencia na que explicaron que a Deputación de Lugo recibiu o pasado 16 de abril unha demanda de retracto por parte da Xunta de Galicia en relación coa compra da parcela na que se ubica a metade oeste da Torre de Caldaloba e a parte fundamental do seu sistema defensivo.
Iria Castro explicou que “esta notificación do Xulgado é a primeira noticia que tivemos da Xunta de Galicia desde hai case tres anos, cando a área de Cultura, xestionada daquela por Maite Ferreiro, adquiriu a parcela aos seus propietarios” e aclarou “que se a Xunta tivera interese na adquisición e na conservación de Caldaloba, puido resolver este procedemento pola vía admnistrativa neste tempo exercendo o dereito de tenteo ou dereito de retracto que lle atribúe a Lei de Patrimonio”.
En lugar diso, explicou, “levamos anos de bloqueo, con silencio na vía administrativa a todas as propostas de actuacións que se fixeron desde a área de Cultura no edificio, e de evasivas na vía política, sen responder a ningunha das solicitudes de reunión que se fixeron á Consellería de Cultura”.
“A área de Cultura actuou en todo momento co obxectivo último de incorporar a Torre ao patrimonio público e desenvolver un proxecto de recuperación, protección e valorización acordo co seu valor histórico e simbólico para Galiza”, destacou Iria Castro. A deputada Cultura constatou que “o recurso da Xunta á vía xudicial retrasará aínda máis a salvagarda e protección da Torre da Caldaloba” e responsabilizou ao goberno autonómico de “actuar desta forma, porque foi esta administración a que tomou a iniciativa”.
Neste punto incidiu o vicepresidente da Deputación Efrén Castro que constatou “o desinterese e deixadez da Xunta de Galicia ata que a área de Cultura tomou a iniciativa” e comparou a actuación da Xunta neste caso coa da Torre do Batallón de Sarria, que acaba de adquirir un propietario privado.
“Fronte a propietarios privados, a Xunta non exerceu o dereito de retracto e, neste caso, no que outra administración pública estaba disposta a asumir a propiedade, recurre á vía xudicial”, explicou Efrén Castro, que destacou que “non só se trataba de mercar a Torre se non de desenvolver un plan de consolidación e posta en valor, que a área de Cultura xa tiña”.
A Torre de Caldaloba foi declarada Ben de Interese Cultural en 1994. Unha figura de protección que atribúe a Xunta de Galicia a responsabilidade última da súa salvagarda, protección e posta en valor. Desde aquela, foron constantes os chamamentos da sociedade civil a intervir para frear o deterioro da fortificación.
En 2021, unha vintena de asociacións culturais da Terra Cha organizaron unha limpeza colectiva para alertar por enésima vez do seu estado e reivindicar a súa protección. Tamén se promoveron iniciativas politicas no Concello de Cospeito, no Pleno da Deputación, no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, sen que a Xunta de Galicia intervise na protección da Torre, en mans de varios propietarios privados.
En xullo de 2022, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo tomou a iniciativa para incorporar este ben ao patrimonio público e desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e valorización da Torre e da súa contorna, acorde co interese patrimonial, histórico e simbólico que ten para Galiza.
Tras varios meses de xestións para esclarecer a propiedade e acordar a venda, o 29 de xullo de 2022, aprobouse na Xunta de Goberno da Deputación de Lugo a proposta da compra da parcela na que se situa a parte mellor conservada da torre e do sistema de fosos e contrafosos defensivos que a rodean, así como o acceso principal.
Como corresponde ao tratarse dun Ben de Interese Cultural, a Deputación comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a adquisicion da parcela o 3 de agosto, un trámite que contempla a lei, para que a Xunta de Galicia poida exercer, no prazo de 3 meses, o dereito de tenteo, que pode exercer para si ou para outras administracións.
Nese período, o Concello de Cospeito iniciou un procedemento de expropiación dos terreos que ocupa a outra parte da Torre. Desde a Vicepresidencia da Deputación solicitáronse daquela reunións tanto co Conselleiro de Cultura Román Rodríguez como co Concello de Cospeito para abordar vías de colaboración, sen obter ningunha resposta.
0 21 de outubro, a Deputación asinou ante notaria o contrato de compravenda da parcela, completando o proceso de adquisicion da parcela que iniciara coa aprobación do procedemento en Xunta de Goberno o 29 de xullo. O 4 de novembro, a un día de concluír o prazo de tres meses do que dispoñía para facelo, a Xunta de Galicia comunica á Deputación de Lugo, a través dun escrito, “a intención de exercer o dereito de tanteo en beneficio do Concello de Cospeito en relación a adquisicion do ben coñecido como a Torre de Caldaloa comunicada pola Deputación de Lugo”.
Desde aquela, a Xunta de Galicia non respondeu nin pola vía administrativa nin política a ningún dos procedementos ou solicitudes realizadas desde a área de Cultura, persistindo nun bloqueo que impediu a inscrición da parcela no rexistro da propiedade e calquera outro avance na protección da Torre.
Ao longo do ano 2023, a área de Cultura solicitou á Xunta de Galicia en dúas ocasións permisos de Patrimonio para actuacións de conservación, estudo e consolidación da Torre de Caldaloba, que non recibiron resposta. A primeira, o 23 de febreiro de 2023 para realizar traballos de estabilización e consolidación. A segunda, o 5 de decembro do 2023 para desenvolver sondaxes arqueolóxicas valorativas na parcela e instalar elementos de protección no pozo situado a carón da fortaleza.
A maiores, a área de Cultura concurriu á convocatoria de axudas do programa do 2% cultural do goberno do Estado cunha proposta de investimento de 868.000 euros en actuacións de investigación, conservación e consolidación da Torre de Caldaloba, que foi desestimada en decembro de 2024 por ese bloqueo.
Cando os seus pés a duras penas eran quen de dar uns pasos, sente como o corpo cede, rendido. Polo seu maxín pasa a idea de deixarse caer alí mesmo, á beira da deserta estrada, cando divisa ao lonxe un puñado de casas. Unha chispa de esperanza devólvelle as forzas, presto encamíñase cara ao que semella ser unha pequena vila. Ao entrar non a recoñece, non lembra estar nunca alí. Por non lembrar, non lembra nada: o seu pasado, o seu destino, nen sequera o seu nome. Do único que ten certeza é que leva tres días camiñando sen cruzarse con ninguén, apartándose polas noites uns metros da estrada para deitarse e descansar. Sempre por teito un indiferente ceo que ignora a súa existencia.
Nada máis traspasar as primeiras casas nota que a súa presenza non pasa desapercibida. Desde as xanelas, os habitantes seguen o seu errático andar, con expresións que van desde un medo atávico a unha ira incontida. Un temor irraconal apodérase del e máxime cando un grupo de nenos perseguidores corren ás súas costas ao berro de: “Xa está aquí!, xa está aquí.” Non comprende nada. A confusión afógao e sacando as poucas forzas que lle quedan, dá media volta e bótase a correr sen mirar atrás. Non sabe de que fuxe, só que alí está en perigo e debe afastarse canto antes. Pero xa é tarde, unha parella de uniformados córtalle o paso, inmovilízanlle as mans cuns grilletes e, sen explicación algunha, condúceno á vella comisaria.
Atópase nun edificio derruído, que aínda conserva pendurados das súas paredes pósters do que semella ter sido un antigo réxime. Por máis que trata de furgar na súa memoria, todo aquilo resúltalle estraño. Sometido a interrogatorios cortantes e cheos de rancor, repite unha e outra vez que non sabe nada, que non lembra. “Ti destruiches isto…e agora chegou o intre de pagar polo que fixeches”, brada o axente máis corpulento, mentres as súas mans encamíñanse ameazantes cara a súa cara. O segundo axente amósase máis comprensivo, ata que farto das súas negativas, releva ao compañeiro na súa tarefa de mallalo a labazadas.
Tres horas de preguntas e silencios, para logo conducilo a un enorme campo de trigo baixo un ceo cinsento que anuncia malos presaxios. Alí recibe unha gadaña e na compaña de medio centenar de mulleres e homes exhaustos comeza a segar. Nese intre, parece espertar algo no seu maxín. Ao tocar o trigo coas mans, imaxes de xente berrando e unha voz ( se cadra a súa?) dando ordes, acuden a súa cabeza. Era como se aquel campo estivese impregnado dunha historia que quería esquecer. Por un intre deten o labor e un encargado fai que volva ao mesmo, coa axuda dunha fusta delgada e flexible, que se lle presenta como un obxecto coñecido.
Pouco a pouco, comeza a entender. Fora vítima dun réxime opresivo, pero ao mesmo tempo un dos seus brazos executores. Non sabe ben en que posto, quizais oficial, xuíz ou verdugo. Do que empeza a ser consciente é de que ocupara un cargo importante, responsable da destrución daquel lugar e da posterior miseria. Atópase perdido e acorralado, consciente da súa nova condición. Sabe que non pode nin vai ser perdoado.
E mentres sega, os recordos continúan a asaltalo, cada vez máis nítidos. Si, foi o comandante dun campo de traballo e agora é como un daqueles que ata pouco estiveran ao seu mando. De súpeto, detense. O encargado achégase coa fusta, pero antes de que o golpee, ergue a gadaña cara a el e a súa mirada crávase no horizonte e a súa mirada queda atrapada nunha visión que o paraliza: el mesmo, traballando con furia, consumido polo esforzo, esgotado. E logo outra imaxe. E outra. E outra máis. Centos, miles de seres asexuados (non é capaz de saber se son homes ou mulleres) atrapados nun bucle infinito e anguriante.
Comprende que non está só, que como el hai moitos máis, os antigos donos das fustas, agora reducidos a meras sombras, mentres son outros os que ostentan o poder. Sabe que lle agarda un castigo do que só a morte o liberará. Baixa a gadaña e volvendo a vista ao chan prosegue co seu labor.