GALICIA DESIGN WEEK mostrará o mellor do deseño galego e internacional do 16 ao 24 de maio na Coruña

O festival GALICIA DESIGN WEEK mostrará o mellor do deseño galego e internacional na Coruña do 16 ao 24 de maio

  • Parladoiros, exposicións, obradoiros, sesións musicais e gastronomía conflúen nunha iniciativa que conta con entrada libre na meirande parte das súas actividades
  • A praza de Lugo e a avenida da Mariña acollen desde hoxe dúas exposicións sobre o mellor deseño galego do último ano así como do talento emerxente do país
  • A programación PRO do sábado 24 de maio será 100% feminina e contará con figuras recoñecidas como a produtora Canada, a tipógrafa Marta Cerdà ou a directora de escena Marta Pazos

GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular e membro da prestixiosa organización World Design Weeks, regresa esta primavera á cidade da Coruña. A sexta edición do evento, que se celebrará do 16 ao 24 de maio, reunirá o mellor do deseño galego xunto con referentes internacionais.

Ao longo de nove días, GALICIA DESIGN WEEK (#GDW25) ofrecerá unha ampla programación gratuíta con 21 actividades. Obradoiros, paraladoiros, exposicións a ceo aberto ou sesións musicais serán parte dunha proposta que pretende poñer en valor un sector fundamental para o país, ademais de abrir o deseño galego ao exterior.

A programación da #GDW25 dividirase en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións que se abren hoxe mesmo tanto na praza de Lugo coma na avenida da Mariña; SESSIONS, a parte máis festiva do evento e como peche da actividade PRO; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade.

Este venres, 9 de maio, ponse en marcha a liña SHOW a través de dúas exhibicións arredor do deseño que xa están abertas ao público. Así, a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra artellada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e #NOVODESEÑOGALEGO, que presenta o máis salientable talento emerxente da comunidade a través dunha instalción do estudio Flu-or na avenida da Mariña. Ambas exposicións poderanse visitar até o 24 de maio.

A liña SHOW complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas desta edición. Toda a información da #GDW25 e das súas participantes xa está dispoñible no espazo web www.gdw.gal.


21 actividades e 9 días arredor do deseño


GALICIA DESIGN WEEK, co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caraméns, é a gran cita que aúna á comunidade do deseño galego. Na programación profesional PRO -que o sábado 24 de maio será 100% feminina-, atópanse parladoiros da prestixiosa produtora catalana Canada, da gran tipógrafa catalana Marta Cerdà ou mesmo da recoñecida escenógrafa pontevedresa Marta Pazos.

Nesta parte PRO, tamén haberá espazo para unha das axencias de referencia no ámbito do deseño editorial, como son os galegos Desescribir -e a súa editorial Fabulatorio-, da creativa internacional Isabelita Virtual, do estudio de arquitectura madrileño Burr, da axencia de branding Novagarda, da marca de moda Rígido e as súas creativas Carta et Stik; ademais dun taller de deseño de mobiliario impartido polo Grupo Malasa e outro de branding con Vagrant, que mostrará a nova identidade do festival de música Sónar.

Ao peche das xornadas PRO, celebraranse as SESSIONS, que correrán da conta co DJ Certain People -quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music– e a DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente.

Ademais da liña PRO, SESSIONS e SHOW, GALICIA DESING WEEK conta cun último eixe, OFF, que comezará o venres 16 de maio (17.00 a 21.00 horas) con USUAL PLACES, unha serie de actividades que terán lugar en diversos espazos creativos da cidade en colaboración co magazine coruñés Usual e Cervexas Alhambra. Ao día seguinte, o sábado 17 ás 12.00 horas, celebrarase ORIXES, un encontro de arte, artesanía e deseño impulsado polas ceramistas Verónica Moar Risco no estudio deste último.

A programación OFF retomarase o mércores 21 co lanzamento da Burguer GDW ás 20.00 horas en Rosmon, local que acollerá unha exposición de pósters do deseñador gráfico galego Miguel Quiroga. Finalmente, o xoves 22, Malte Atochas será sede de USUAL SUMMIT, unha conversa entre mulleres sobre a capacidade do deseño como axitador cultural comisariada e moderada por Usual e coas hamburguesas de Rosmon.




#GDW25


GALICIA DESING WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Dida, Goloso Coffee Counters, Gràffica, Malte, News&Coffee, Rosmon, Studio Follow e Usual.

A #GDW25 ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior.

PROGRAMACIÓN GALICIA DESIGN WEEK 2025

SHOW

9 ao 24 de maio
Praza de Lugo – Exposición DESIGNED IN GALICIA
Avenida da Mariña – Exposición #NOVODESEÑOGALEGO
www.gdw.gal – Showroom dixital

OFF

16 de maio, varias localizacións \ 17.00 a 21.00 horas
USUAL PLACES

17 de maio, Risco Estudio \ 12.00 horas
ORIXES

21 de maio, Rosmon \ 20.00 horas
Presentación Burguer GDW + exposición Miguel Quiroga

22 de maio, Malte Atochas \ 20.00 horas
USUAL SUMMIT

PRO

23 de maio, Espacio Avenida \ 12.00 horas
Apertura + Grupo Malasa Talent Contest
PRO Workshops: O novo branding do festival Sónar x Vargrant
PRO TALKS: Desescribir, Novagarda, Rígido + Carla et Stik, Burr

24 de maio, Espacio Avenida \ 10.30 horas
PRO TALKS: Aldea, Corbar, Lixo, Proxecto Bolina, Inma Hortas, Marta Pazos, Marta Cerdà, Isabelita Virtual, Canada
PRO WORKSHOPS: A túa idea en marqueta. Do papel á forma x Grupo Malasa

SESSIONS

23 de maio, Espacio Avenida \ 19.30 horas
Certain People

24 de maio, Espacio Avenida \ 19.30 horas
Dj Gulya & Héctor de la Puente

24 de maio, Malte Atochas \ 23.00 horas
Certain People

Hugo Guezeta lanza EQUILIBRAR en colaboración con Guadi Galego

HUGO GUEZETA E GUADI GALEGO XÚNTANSE PARA BUSCAR A BALANZA ENTRE PASADO E PRESENTE EN EQUILIBRAR

ESTE SINXELO SUPÓN A UNIÓN DE DÚAS DAS GRANDES FIGURAS DA MÚSICA EN GALEGO DA ACTUALIDADE

Colisionando estilos de música moi diferentes, como o rap característico de Hugo Guezeta e a canción de autora contemporánea de Guadi Galego, ve a luz Equilibrar, o novo sinxelo en colaboración de dúas das grandes figuras da música en galego actual. Baixo unha atmosfera de melancolía, Hugo e Guadi cantan a mellorar o presenten botando man das lembranzas do pasado, nunha canción moi melódica que mestura dúas voces e dous timbres moi distantes que rematan por empastar e conxeniar á perfección.

En palabras do rapeiro:  “foi todo un pracer e un orgullo gravar cunha referente. Fíxome unha ilusión tremenda que aceptara a proposta, e máis coa predisposición a axudar, aportar ideas e involucrarse no tema que tivo”. Ao cargo da produción do tema estivo o xa inseparable produtor Peter Petrowski, que leva traballando no proxecto xunto a Hugo dende esta volta en solitario do rapeiro. A maiores, Arón Ferreiro (AROI) aporta novamente as súas xa características guitarras, que tanto aportan musicalmente ás novas cancións de Hugo.

Pola súa parte, Guadi destaca que traballar con Hugo, Pedro e Arón foi unha experiencia moi frutífera. Asegura que todo foi con espírito colaborativo dende o principio e que admira moito a Hugo e a súa sensibilidade coa vida e a música.

Equilibrar vén acompañado dun videoclip dirixido por Adrián Diaño, artífice de videoclips como O Noso Tempo, finalista a Mellor Canción da Galiza nos Premios aRi[t]mar, onde rematou na terceira posición. O vídeo, gravado entre Vigo, Ponteareas e o barco que cruza a Ría de Vigo cara a Cangas, conta cunha forte carga simbólica a nivel visual, onde os actores lembran o seu pasado dunha maneira moi melancólica.

Este novo tema, xunto co lanzamento do sinxelo 100 Frases do EP de versión acústicas que publicou fai escasas semanas, supón a constatación da versatilidade do rapeiro, que está experimentando un desenvolvemento exponencial do seu proxecto. Fai escasos días, de feito, foi nomeado como finalista nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Músicas Urbanas, amosando así a súa posición de referente dentro do seu eido, e acreditando o seu bo facer dende a súa volta en solitario. Tras encher tres das primeiras datas de presentación do seu novo disco, Hugo está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver ao rapeiro en directo serán o 17 de maio en Ferrol (Centro Social Artábria), 6 de xuño en Redondela (Festival Millo Verde), 4 de xullo en Ponteareas (Rock in Río Tea), durante o 5 e 6 de setembro en Salvaterra de Miño (Festival da Poesía no Condado), durante o 11 ao 14 de setembro en Vilaxoán (Festival Revenidas) e o 4 e 5 de outubro en Silleda (Festival Murallón de Son).

XIRA O NOSO TEMPO

17/05 · Centro Social Artábria · Ferrol

06/06 · Millo Verde · Redondela

04/07 · Rock in Río Tea · Ponteareas

05-06/09 · Festival da Poesía no Condado · Salvaterra de Miño

11-14/09 · Revenidas · Vilaxoán

04-05/10 · Murallón de Son · Silleda

HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.

As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.

O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.

Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco, con tres dos concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.

GUADI GALEGO

É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fiado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s.

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como ‘Chea de vida’ ou ‘Matriarcas’), O mundo está paradoInmersiónCosturas ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, a artista presentou no 2024 Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender o establecido. Tras máis dun ano xirando, Guadi Galego despedirá Síntese Horinzonte cun concerto de fin de xira na Sala Capitol o 25 de outubro.