SOLE FELLOZA CONTA ESTE SÁBADO, EN DISTINTAS LOCALIZACIÓNS DE OUTEIRO DE REI, HISTORIAS ESCRITAS POR MANUEL MARÍA.
Este sábado, día 24 de maio, desde a Casa-Museo Manuel María convidan a un roteiro imaxinario por Outeiro de Rei e a Terra Chá da man da narradora oral Sole Felloza. Un roteiro imaxinario que que se realizará no transcurso dun paseo polo mesmo san Xoán de Outeiro de Rei, parroquia natal de Manuel María e onde se encontra a Casa-Museo. Durante a paseo faranse paradas no adro da igrexa, no campo de Santa Isabel, na desembocadura do regato do Cepelo no río Pequeno…, momentos en que Sole Felloza aproveitará para contar algún dos relatos escritos por Manuel María.
A actividade comezará ás 18 hrs, con saída da Casa-Museo. A dificultade é baixa en relación co itinerario da camiñada e vai dirixida para o público adulto e xuvenil.
Sole Felloza é actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Alén disto, imparte formación en narración oral e desenvolve unha salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas do país.
A actividade é libre mais é imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.
Concerto de Faia no Teatro Principal de Santiago de Compostela Rocío Cibes 24/04/25
A cita, que comezará ás 20.30 h e que organiza a Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, será de acceso libre ata completar capacidade
A Coruña será a terceira cidade en descubrir en directo o novo traballo de FAIA que vén de ser nomeado finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional
FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, este xoves, 22 de maio na Coruña. A partir das 20.30 horas, na Sala Cubo de Normal, o público terá a oportunidade de descubrir un traballo complexo e sutil nun directo acústico no que FAIA estará acompañada pola arpista bretoaBleuenn Le Friec. O concerto, con entrada libre ata completar capacidade, está organizado pola Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2025.
Alvela consta de dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
FAIA recala na Coruña logo de presentar Alvela en Santiago de Compostela e mais Lugo. O segundo álbum de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. En abril presentou Alvela, o seu segundo traballo que é finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ NA CORUÑA
22 de maio de 2025, ás 20.30 horas
Sala Cubo de Normal [Paseo de Ronda, 47 – A Coruña]