Concerto de Faia no Teatro Principal de Santiago de Compostela Rocío Cibes 24/04/25

  • A cita, que comezará ás 20.30 h e que organiza a Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, será de acceso libre ata completar capacidade 
  • A Coruña será a terceira cidade en descubrir en directo o novo traballo de FAIA que vén de ser nomeado finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional 


FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, este xoves, 22 de maio na Coruña. A partir das 20.30 horas, na Sala Cubo de Normal, o público terá a oportunidade de descubrir un traballo complexo e sutil nun directo acústico no que FAIA estará acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec. O concerto, con entrada libre ata completar capacidade,  está organizado pola Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2025. 

Alvela consta de dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular. 

FAIA recala na Coruña logo de presentar Alvela en Santiago de Compostela e mais Lugo. O segundo álbum de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.

Sobre FAIA 

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. En abril presentou Alvela, o seu segundo traballo que é finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional. 

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ NA CORUÑA 

22 de maio de 2025, ás 20.30 horas 

Sala Cubo de Normal [Paseo de Ronda, 47 – A Coruña] 

Acceso libre ata completar capacidade 

WEB FAIA | https://faia.gal 

ESCOITA ‘ALVELA’ | https://open.spotify.com/intl-es/album/0Dk1zYqcNxoDFNgGK6473u 

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc 

20250519-FAIA-presenta-ALVELA-na-Coruna