O público pode escoitar nas plataformas dixitais as once cancións ou estados do corpo que integran o disco, un traballo atravesado pola sexualidade, o amor propio, a comunidade e o valor da mocidade
A Sala Capitol acolle esta fin de semana os concertos de presentación de DE RONDA e a estrea do novo espectáculo co que Mondra xirará neste 2025
As últimas entradas dispoñibles para o directo do venres 9 están á venda en www.salacapitol.com
DE RONDA, o segundo LP de Mondra, xa está dispoñible desde hoxe, martes 6 de maio, nas principais plataformas dixitais. O novo álbum do cantareiro e bailador, publicado da man de Altafonte, chega dous anos despois do seu exitoso debut con ARDĒN. Desta volta, Mondra propón un disco persoal e íntimo, á vez que irreverente e desenfadado; un traballo autoral, mais sempre en diálogo constante cunha manchea de elementos propios da tradición oral galega.
DE RONDAé un álbum no que Mondra presenta un novo son, máis orgánico e fresco, da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz). Neste disco, o artista aborda “a sedución, seducir ou ser seducido” a través de once cancións ou “estados do corpo” que se poden dar nunha noite de ronda. Desde o desexo ou o impulso sexual até a aceptación ou mesmo da ruptura. Deste xeito, Mondra presenta unha escolma moi persoal de pezas que soan contemporáneas, mais que son traídas e interpretadas a través de elementos que tamén son doutro tempo. Ás xa coñecidas vale máis un canciño, teño caldo quente, por te ver ou férveme o cú, agora súmanse novos temas que completan o relato musical.
Así, DE RONDAarranca con ata que enrouqueza, que aborda as noites sen medida; para continuar con por te ver -sinxelo publicado o 10 de abril- e achar con quen casar, que se mofa do casamento e aborda os xuízos sociais. O impulso sexual faise explícito con férveme o cu, para dar paso á aceptación e ao amor propio con se queres; que serve de preámbulo a púxenme guapo, que transita amablemente por todas as sensacións que se viven nunha noite ata o regreso a casa.
O sétimo estado do corpo é a evocadora e retranqueira teño caldo quente, o segundo avance do disco; mentres que viva viva pon en valor o carácter comunitario da propia ronda. Neste punto chega vale máis un canciño, a reflexión anticapitalista coa que Mondra anunciou a saída do álbum; e como se colea, que aborda a loita entre o desexo e a toxicidade, coma se fose “un peixe que atrae é, a vez, atrapa”. Finalmente, DE RONDA despídese co tema ventilar o cuarto, que conta coa colaboración de Antía Ameixeiras, e que fala da ruptura e de deixar ir. O traballo complétase con once pezas audiovisuais -que corresponden a cada un dos temas do disco-, producidas polo propio artista e polo estudio elmembrillo baixo a dirección creativa de Zeltia Iglesias, e que tamén se poden ver desde hoxe na canle de VEVO de Mondra.
Mondra recunca na Capitol Logo deste lanzamento, Mondra concentrará todas as súas enerxías na dobre presentación pública de DE RONDA desta fin de semana na Sala Capitol nun espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez. Aínda que inicialmente estaba previsto un único concerto para o sábado 10, tras esgotar todas as entradas nun tempo récord, o cantareiro anunciou nas redes sociais unha segunda data no mesmo recinto: a noite anterior.
Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza. Nas dúas sesións, ademais, haberá artistas convidadas. Aínda quedan algunhas entradas para a cita do venres 9, desde 18 euros, na páxina web salacapitol.com.
Mondra
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica; mais tamén galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA. Este mes de maio Mondra lanza o seu segundo traballo discográfico, DE RONDA.
Tracklist DE RONDA (enlace a cada un dos 11 videoclips).
Este domingo 11 de maio, antesala do gran día das Letras Galegas adicado ás Cantareiras, desde Castiñeiro Milenario propoñen a revisión do filme documental “Dorothé na vila” dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío sobre a viaxe que a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth fixo a Galicia nos anos 70 e que tivo unha importancia capital para (re)descubrir a grandísima tradición oral gardada polas mulleres durante décadas.
A proxección será na Casa da Cultura de Begonte a partir das 18 horas e de balde ata completar aforo. Posteriormente celebrarase un pequeno debate con Carolina Vázquez, mestra e recoñecida tocadora das Adufeiras de Salitre e Roberto Rodríguez, mestre de canto e pandeireta e recoñecido “recolledor” de música tradicional, para que nos falen da súa visión da película, da música tradicional, das recolleitas e de calquera tema relacionado coa nosa música.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes
As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores e, prioritariamente, en lingua galega- poden presentarse até o 20 de xuño a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com
O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto e recibirán unha compensación económica de 450 euros, unha vez representadas
As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT entre o 3 e o 26 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo
As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá: un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasiopara maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.
O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da novena edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 26 de outubro de 2025.
Neste 2025, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 20 de xuño.
288 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN OITO ANOS
Ao longo dos seus primeiros oito anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (288) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nestes primeiros oito anos de actividade, M2 contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
No 2024, o FIOT recibiu un total de 44 propostas para participar no Micro-Escenas M2,tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As seis pezas finalistas seleccionadas para o #33FIOT (das cales, 4 eran estreas absolutas) foron: Respira, de Sempre Arriba; Cronopios a escena, de Carmen Domech; Rebel Rebe, de Vórtice Escénico; Wasteland, de Vaiembora; Teño un caravel no peito, de Aviva-lo; e Panos de Vinaghre, de Artesa Cía. Finalmente foiRespira, da Compañía Sempre Arriba, a peza que recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no #33FIOT, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-Escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.
A Galería NÉBOA acollerá un novo evento cultural o vindeiro sábado, 10 de maio, ás 12.00 h. Con motivo da súa publicación no proxecto editorial Fueradcarta, presentarase en dita galería o libro de artista Quisiera ser selva, intransitable, incógnita…, de Christian Villamide. Esta edición limitada, asinada e numerada, forma parte da exposición Bufet libre. (La casi) Una década de Fueradcarta,actualmente en CentroCentro (Madrid) e comisariada por Javier Díaz Guardiola.
Durante o acto, Christian Villamide acompañará e realizará unha visita guiada pola exposición Cando a paisaxe se fixo verba, comisariada por Paula Cabaleiro e aberta ao público na Galería NÉBOA ata o 31 de maio.
O libro ofrece unha reflexión visual e poética sobre a tensión entre natureza e artificialidade, e propón un percorrido íntimo por territorios transformados, onde o artístico se converte nun acto de resistencia e beleza.
A publicación poderá consultarse e adquirirse na galería desde o día da presentación.
Christian Villamide (Lugo, 1966) é un artista multidisciplinar. A súa obra aborda a interacción entre o mundo natural e o artificial, explorando a transformación da paisaxe e as contradicións do ser humano en relación coa súa contorna. A través da pintura, a fotografía, a escultura e as instalacións, constrúe unha reflexión visual sobre o equilibrio entre a natureza e a súa alteración pola man do home.
Villamide traballa con diversos materiais e soportes, como mármore, madeira, ferro, cemento ou metacrilato, creando composicións que desafían a percepción tradicional da paisaxe. O crítico Antón Castro describe o seu traballo como “unha expansión do concepto de pintura cara a un espazo de comportamento máis real, onde os sentidos e as emocións se integran na experiencia artística”.
O seu proxecto artístico, con influencias do conceptualismo, busca establecer unha comunicación tanto social como íntima co espectador, evidenciando o crecente desapego emocional e intelectual co espazo natural. A súa obra invita á reflexión sobre a supervivencia da natureza, a súa vulnerabilidade e forza, nun contexto de sobreexplotación e cambio constante.
Entre as súas exposicións individuais máis recentes destacan “Maleza” (Fundación RAC, Pontevedra, 2023), “In Landscape Mode” (CGAC, Santiago de Compostela, 2019), “PERturbacións” (CAB, Burgos, 2019), mostra site-specific comisariada por Javier del Campo, “Hortus Conclusus” (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2018) e “A Paisaxe contra a Parede” (Museo Provincial de Lugo, 2016).
A súa obra estivo presente en numerosas mostras colectivas, bienais, feiras e certames, destacando a súa participación na “XXXII Bienal de Arte de Pontevedra” (Pontevedra, 2025), “Simultánea” (A Fundación Vigo e Lugo, 2024), “JustMad” (Madrid, 2023), “Art Madrid” (Madrid, 2018), na “II Bienal de Canarias, Arte Paisaxe y Arquitectura” (Círculo de Bellas Artes, Tenerife, 2009) e na exposición “Foron Novísimos” (Centro de Arte Torrente Ballester, Ferrol, 2003). Ademais, recibiu varios premios e bolsas de creación e participou en diversos programas de residencia artística en diferentes puntos de España, e a súa obra forma parte de coleccións de entidades públicas e privadas como o Centro de Arte CAB – Fundación Caja de Burgos, MAC (A Coruña), a Colección Caja Canarias (Gran Canaria), Afundación, Caja Madrid, a Delegación de Cultura de Lugo, o Museo Municipal de Ourense, a Fundación de Arte Ana Torre (Buenos Aires), a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e o Museo Provincial de Lugo.
O tema rescata coplas populares que se fusionan sen estridencias coa música da banda liderada por Lucía Aldao
‘8 sílabas’ soará por primeira vez en directo no concerto de PAVA deste venres, 9 de maio, na Sala Riquela de Santiago
As entradas para cita, a primeira actuación da banda en Compostela após a publicación do seu último EP, están á venda en entradium.com
PAVA, a banda liderada por Lucía Aldao, vén de presentar 8 sílabas, un tema que fai unha chiscadela á poesía popular escoitada pola artista coruñesa na súa infancia. Catro desas coplas trénzanse con estrofas de autoría propia nun tema xoguetón que funciona como homenaxe á poesía popular e como recordatorio de que “cabe a vida e máis en oito sílabas”. A canción chega acompañada dun videoclip editado por Pablo Silva xa dispoñible nas redes.
8 sílabas soará por primeira vez en directo no concerto deste venres, 9 de maio, a partir das 20.30 horas, na Sala Riquela compostelá. As entradas para a cita, que será primeira actuación da banda en Santiago após a publicación do seu terceiro EP, titulado Pava 3, están á venda, por 12 euros, a través da plataforma web entradium.com.
Neste traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada.
PAVA é a banda gañadora do último Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. Liderada por Lucía Aldao, conta con Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. En decembro do 2024 publicaron Pava 3, o seu terceiro EP.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘PAVA 3’ EN SANTIAGO DE COMPOSTELA