O Vello Cárcere acolle a IV edición do Festival de Poesía das Lupercais
O vindeiro tres de maio terá lugar unha nova edición deste festival, que se consolida coma unha das citas mais importantes coa poesía de Lugo organizada pola Asociación Poética das Lupercais co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Desta volta contará coma sempre con versos procedentes da provincia, dende a chaira como Martiño Maseda, até a montaña, como Toño Núñez. Con poetas achegadas a Lugo hai xa anos, coma Tere Larios, até aquelas que marcharan e que regresan cunha enchenta de libros baixo os brazos, coma Mónica Raquel Vázquez. E máis voces galegas, que van dende algunhas de longo consolidadas, coma Mariña Pérez Rei, até outras acabadas de debutar no libro de poesía, coma Jose||González. Voces e balbucios, coma a poesía para ouvir e mirar de Luz Pichel e Quico, e coas que repensar as fronteiras e os mares que xunten e non separen, aí María Ángeles Pérez López e Gian Pierre Codarlupo e Marcelo Morales.
Así, dende Cuba a Castela, dende Perú á Ribeira Sacra, chegarán ao Vello Cárcere un ano máis algunhas das máis importantes voces da poesía contemporánea.
O programa desenvolverase en unha sesión pola mañá e dúas de tarde. Os horarios e participantes son como seguen:
12h30 Toño Núñez, Marcelo Morales, Tere Larios e Raquel Vázquez
18h30 Martiño Maseda, Quico, Gian Pierre Codarlupo e Mariña Pérez Rei
19h30 Jose||González, Luz Pichel, María Ángeles Pérez López e Mónica Caldeiro
As actividades son de entrada gratuíta até completar aforo.
A cita, que comezará ás 20.30h e que se organiza co apoio da Vicepresidencia da Deputación luguesa, será de acceso libre ata completar capacidade
FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, o vindeiro venres, 2 de maio en Lugo. A partir das 20.30 horas, a Capela de Santa María acollerá un directo acústico no que a veciñanza, grazas á colaboración da Vicepresidencia da Deputación luguesa, poderá descubrir un traballo complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. Neste concerto, FAIA estará acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e a formación Suelen Estar Quartet.
O pasado 23 de abril Alvela publicábase nas plataformas dixitais, mais proximamente estará dispoñible en formato vinilo. O segundo álbum en solitario de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este mes de abril publica Alvela, o seu segundo traballo.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ EN LUGO2 de maio de 2025, ás 20.30 horas Capela de Santa María Acceso libre ata completar capacidade
O banda inglesa presentará a partir das 21.30h o disco más recente e bailable da súa traxectoria; e as entradas están dispoñibles, desde 10 euros, na web de Sinsal
Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, chega este mércores á Sala Radar para presentar, por primeira vez en España, a banda inglesa Chemtrails. As entradas están á venda na web de Sinsal e na plataforma Enterticket desde 10 euros (no despacho de billetes do recinto o prezo será superior, 12 euros).
Sinsal Primavera, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do Concello de Vigo, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos, como é o caso de Chemtrails, que fará bailar ás e aos asistentes co seu post garage punk e power pop psicodélico.
Melodías pegadizas sinistras, guitarras distorsionadas, sintetizadores primitivos, pop policromático e letras irónicas son a carta de presentación do grupo de Manchester -que comezou como un proxecto de gravación caseiro- liderado pola activista trans Mia Lust. O seu asombroso talento para crear cancións pop raras pero irresistiblemente contaxiosas foi rapidamente descuberto polo selo sueco PNKSLM Recordings, que as fichou xusto despois do seu primeiro concerto no Trans Pride Brighton.A banda cita como as súas maiores influencias a Pixies, Blondie, Oh Sees, Fat White Family e o psicodelia e garage punk dos sesenta, pero o que sempre mantivo unido ao proxecto é a inesgotable cantidade de composicións pegadizas, interpretadas coa inesgotable emoción e enerxía da banda. O seu terceiro e máis recente traballo, The Joy of Sects, é o máis bailable da súa traxectoria. O grupo cambiou o enfoque caseiro por un son de estudo máis de alta fidelidade, que, grazas á maxia da produtora Margo Broom (Fat White Family, Big Joanie, Goat Girl) segue sendo tan cru e salvaxe como sempre, pero cun novo nivel de intensidade.
CONCERTO SINSAL PRIMAVERA | CHEMTRAILS (Inglaterra)30.04.2025, 21.30h | Sala RadarVídeo: https://youtu.be/XGdmSs5SDl0?si=z82_jbeU977QbuAy&t=62 Entradas á venda en festival.sins.al e enterticket.es (10 € + gastos)
Soños deciduos habitan o momento. Anícase alguén que así fenece. Porque se ergue sendo outro. Outro que segue tendo na boca semente incomprendida. Outro con feridas abertas aceptadas. Outro sabedor de que posúe un corazón incapaz de diluír a tormenta. Que coñece a estrondosa indiferenza que provoca. Que se adapta á súa propia inadaptación. Outro que xa non agarda, que coñece a quietude da armela.
Ana Crismán encabeza o XII Noia Harp Fest, que contará no seu cartel con Rebecca Hill e D’Súpeto, entre outras figuras
A xerezana regresa a Noia após a súa participación no 2021, agora xa consolidada como a intérprete de arpa flamenca máis destacada do momento Rebecca Hill visitará por vez primeira España para presentar o seu álbum ‘Thawcrook’ acompañada do violinista Charlie Stewart A nova banda D’Súpeto, liderado polo arpista José Álvarez, é o primeiro nome da escena galega que se dá a coñecer no marco dun festival que aposta por achegar, cada ano, múltiples estilos musicais
Unha das figuras máis relevantes da arpa a nivel mundial actuará este verán, de balde, en Galicia. A andaluza Ana Crismán, a máis destacada intérprete de flamenco do instrumento, encabezará o cartel da duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto. A artista regresará ao Noia Harp Fest (NHF) após a súa visita no 2021, mais esta vez xa consolidada como a “mestra da arpa flamenca”. Sen dúbida, o seu concerto será un dos grandes reclamos do evento e das citas musicais do verán galego.
Alén de Ana Crismán, unha das figuras máis salientables da escena musical escocesa actuará por primeira vez en España no marco do Noia Harp Fest. Trátase de Rebecca Hill, quen presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella experimenta sobre a tradición con técnicas de composición contemporáneas, xerando temas hipnóticos e con grandes dotes de improvisación nos seus arranxos. Será unha das citas imprescindibles do festival este ano tanto para as amantes da música folk como para aquelas interesadas na súa renovación.
Ademais, a escena galega terá, como é habitual, unha presenza relevante no único festival dedicado a este instrumento en todo o noroeste peninsular. O primeiro nome que se dá a coñecer do talento do país é o da formación D’Súpeto, cuxa presentación oficial terá lugar, precisamente, no marco do Noia Harp Fest. O novo cuarteto lidérao o monfortino José Álvarez (arpa, mandolina e laúde), acompañado por grandes músicos galegos, como é o caso do sadense Tonecho Castelos (violín), e dos coruñeses Diego Barral (guitarra acústica) e Martín Marticonera (frauta de bico, frutas traveseiras e ocarinas). A banda actuará en Noia para dar a coñecer o seu singular proxecto musical, que alterna pezas de carácter tradicional con outras de composición propia.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña. Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes.
Así, o fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.
Outro dos grandes atractivos do festival é a organización do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra, e nesta terceira edición recibiu propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia. Desta volta a creación gañadora resultou ser Cuatro historias gallegas, do compositor e guitarrista arxentino Federico Beilinson. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da obra da man do NHF.
Primeiros nomes do XII Noia Harp Fest
D’Súpeto | 31 de xullo Rebecca Hill & Charlie Stewart | 1 de agosto Ana Crismán | 2 de agosto