O Festival Atlántica celebra en Lugo o Día Internacional da Narración Oral con Pablo Albo, Celso F. Sanmartín e Fátima Fernández (Enlace ao programa)

  • O Atlántica chega este ano por primeira vez á provincia lucense grazas á Deputación e ao Concello de Lugo cun programa que se vai desenvolver entre o 20 e o 23 de marzo
  • Unha ducia de artistas de Xapón, Uruguai, Alacante e Galicia actuarán nos concellos de Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Viveiro

O Festival Atlántica, o encontro máis grande de narración oral da Península Ibérica, vai chegar por primeira vez á provincia lucense na súa sétima edición. Entre o 20 e 23 de marzo os concellos de Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Viveiro van poder gozar coas historias dunha ducia de contadores que participarán nas quince actuacións gratuítas incluídas no programa. As funcións en Lugo son posibles por mor da colaboración co Concello mentres que as demais son grazas á colaboración da Deputación de Lugo. (Enlace á nota informativa)

O arranque do festival vai ser este mércores, 20 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Narración Oral, a gran festa dos contadores que se celebra desde 1991 e que este ano celébrase baixo o tema dos mitos, lendas e epopeas. As funcións do día van comezar ás 12:15 horas no CEIP Rosalía de Castro de Lugo, onde Fátima Fernández lle ofrecerá ao alumnado un pase do espectáculo ‘Un, dous, tres! Contos ao revés”. Os cativos deste centro van aprender que aínda que hai contos que comezan cun “Había unha vez…”, tamén hai outras historias que comezan cando lles apetece: cando sopra o vento do norte, cando as follas mudan de cor, cando a señora Lola baila ou cando alguén berra forte un, dous, tres… Pero iso si, non moi forte que igual se contan ao revés.

Algo máis tarde, ás 18:30 horas, o alacantino Pablo Albo vai actuar na Biblioteca Municipal de Lugo con ‘Contos de medo que dan risa’. Nesta función para o público infantil a familia Albo fará aparecer monstros diversos empregando a súa voz, os seus xestos e a súa ollada. Haberá monstros peludos, comedores de netas e de casas, pero non haberá nada que temer porque todos eles serán quen de espertar a gargallada do público infantil.

O peche da xornada chegará ás 20:30 horas da man de Celso F. Sanmartín e ‘Contar’ no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo. Este espectáculo para adultos consiste nun feixe de contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e europea asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. Chegarán cun toque contemporáneo, para probar que tamén son actuais, e mesturadas coas historias de invención propia do artista.

Contadores de acó e de aló

Fátima Fernández é un alicerce fundamental da Semana da Oralidade de Lugo. É tamén fundadora e membro activo do grupo de teatro infantil “Matapiollos” e exerce como contadora de contos desde o ano 1988, un labor que compaxina coa dirección nun centro de maiores. Participa tamén en actividades de animación á lectura por bibliotecas de toda Galicia, dentro da programación do ‘Ler conta moito’, e ten coordinado diferentes eventos de lecer e tempo libre, e mesmo traballado en campañas de educación viaria coa DXT e a Cruz Vermella.

O alacantino Pablo Albo (www.pabloalbo.com) iniciouse no mundo dos contos en 1994 e desde aquela xa percorreu contando historias case toda a xeografía nacional e boa parte do estranxeiro. Na súa faceta de escritor ten publicados trinta e seis libros infantís e participou en cinco libros de contos para adultos. Entre os seus premios figuran o Lazarillo nas modalidades de creación literaria (2008) e de álbum ilustrado (2013), o Ciudad de Alicante (2003), o Villa dÍbi (2008) e o Leer es vivir (2009). Ademais, tres das súas obras apareceron no The White Ravens, a lista dos 250 mellores libros do mundo que realiza cada ano a Internationale Jugendbibliothek (Biblioteca Internacional da Mocidade) con sede en Munich.

Celso F. Sanmartín é un poeta e contacontos galego. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais). Como contacontos, caracterízase polo seu labor como recolledor e reinventor de historias e contos. O seu repertorio está composto por historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, que presenta nos seus espectáculos como un verdadeiro tesouro, cheo de coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua.

Máis fotos en: www.flickr.com/photos/festivalatlantica

Os medios están autorizados a descargalas e a usalas con fins informativos.

CONTACTO: Soledad Felloza | 635 95 28 20 | festivalatlantica@gmail.com

PROGRAMA PROVINCIA DE LUGO 2019

Todos os espectáculos teñen entrada libre e gratuíta ata completar o aforo

Mércores 20 de marzo (Día Internacional da Narración Oral)

“Un, dous e tres! Contos ao revés” | Fátima Fernández (Galicia) | En galego

12.15 I CEIP Rosalía de Castro | Lugo

Público infantil

“Contos de medo que dan risa” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

18.00 | Biblioteca Municipal | Lugo

Público infantil e familiar

“Contar” | Celso F. Sanmartín (Galicia) | En galego

20.30 | Centro Cultural O Vello Cárcere | Lugo

Público adulto

Xoves 21 de marzo

“Contos de medo que dan risa” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

“Romaría” | Raquel Queizás (Galicia) | En galego

17.30 | Salón de Actos dos Chaos | A Fonsagrada

Público infantil

“Contos, lerias e cousas pequenas” | Vero Rilo (Galicia) | En galego

“Contos para viaxar a Xapón” | Yoshi Hioki (Xapón)

17.30 | Sala Multiusos da Casa do Concello | Viveiro

Público familiar

“Contos pouco edificantes” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

“Palabras na boca” | Raquel Queizás (Galicia) | En galego

20.00 | Salón de Actos dos Chaos | A Fonsagrada

Público adulto

“Lavandeiras” | Vero Rilo (Galicia) | En galego

“Contos populares do Xapón” | Yoshi Hioki (Xapón)

20.00 | Sala Multiusos da Casa do Concello | Viveiro

Público adulto

“Contos do que non hai” | María da Pontragha (Galicia) | En galego

“Nas corripas da memoria” | Lois Pérez (Galicia) | En galego

20.30 | Centro Cultural O Vello Cárcere | Lugo

Público adulto

Venres 22 de marzo

“Contos lerias e cousas pequenas” | Vero Rilo (Galicia) | En galego

“Contos para viaxar a Xapón” | Yoshi Hioki (Xapón)

17.30 | Biblioteca Municipal | Lugo

Público infantil e familiar

“De Tin Marín” | Soledad Felloza (Uruguai-Galicia) | En galego

“Contar” | Celso F. Sanmartín (Galicia) | En galego

17.30 | Casa da cultura ‘Poeta Lois Pereiro’ | Monforte de Lemos

Público familiar

“Contos de medo que dan risa” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

“Contos de hai mil anos… ou máis” | Ángeles Goás (Galicia) | En galego

17.30 | Casa Habanera | Guitiriz

Público familiar

“Lavandeiras” | Vero Rilo (Galicia) | En galego

“Contos populares do xapón” | Yoshi Hioki (Xapón) | En castelán

19.30 | Centro Cultural O Vello Cárcere | Lugo

Público adulto

“O comezo do mundo” | Soledad Felloza (Uruguai-Galicia) | En galego

“Contar” | Celso F. Sanmartín (Galicia) | En galego

20.00 | Casa da Cultura ‘Poeta Lois Pereiro’ | Monforte de Lemos

Público adulto

“Contos pouco edificantes” | Pablo Albo (Alacante) | En castelán

“O medo é libre” | Ángeles Goás (Galicia) | En galego

20.00 | Casa Habanera | Guitiriz

Público adulto

Sábado 23 de marzo

“Entre arrolos e contiños” | Bea Campos e Manuel Pombal (Galicia) | En galego

11.30 I MIHL – Museo Interactivo de la Historia de Lugo | Lugo

Nenos de 6 meses a 3 anos