O pasado venres, 1 de marzo, inaugurouse na sala de exposicións da Casaa da Cultura de Vilalba a NATUREZA ÍNTIMA, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa Nesa inauguración contouse coa participación poética de Pilar Maseda, Beatriz Dourado e Martiño Maseda, que engalanaron cos seus versos o ambiente cromático e conceptual que mana de NATUREZA ÍNTIMA. E tamén se estivo presente a concelleira de Cultura de Vilalba, Chery Grandío, que abriu o acto de inauguración, o cal rematou coas palabras da propia Adolfina Mesa, que a través de verbas explicativas convidou ao público asistente a realizar unha peregrinaxe visual e emocional pola exposición que achegou á vila chairega.
A exposición NATUREZA ÍNTIMA está composta por un total de trinta e seis obras, das cales tres son instalacións. Vinte obras, e mais as instalacións xa mencionadas, abarcan o tema da figura feminina, o feminismo, a loita pola igualdade de xénero, o maltrato, a violencia machista, etc. Amosando tamén no resto das obras un compromiso de protesta, crítica e reflexión en diversas temáticas sociais.
Nunha das instalacións titulada CLAUSTRO PATRIARCAL, a artista Adolfina Mesa afirma “vivimos nun claustro patriarcal, onde a diario a violencia contra as mulleres así como o caso omiso que se fai delas e as súas denuncias, dos seus dereitos e da súa existencia. Só o feito de que teñamos que seguir dando a loita en todos os ámbitos sociais, profesionais, etc., sobre todo para vivir sen medo a ser asasinadas, maltratadas ou violadas… O feito de que continúen noticias, que observamos diariamente, sobre feminicidios ou atentados contra a liberdade da muller son o mellor exemplo diso.”
Esta exposición permanecerá aberta na Casa da Cultura de Vilalba durante todo o mes de marzo.